I DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS

Hai quen senta e observa mentres outros tentan dicirnos quen son dignos e quen non son dignas de entrar no concepto que temos de literatura e de país. Hai quen se laia, hai quen concorda, hai quen simplemente nin atende. E logo estamos as que collemos o foucín, arrefuzamos as mangas e botamos o sombreiro ancho para saír de Sega.

Nese espírito, dende A Sega convocamos o I DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS que busca celebrar a figura dunha muller que contribuíse de forma sobranceira á cultura en xeral e á literatura en particular. Escollemos o día 15 de agosto como data central dos actos de celebración por ser o día DA NOSA SEÑORA (das letras galegas). 

Este ano 2014, a muller a quen renderemos homenaxe é DOROTHÉ SCHUBARTH, compiladora do Cancioneiro Popular Galego. 

>> ATURUXO POR DOROTHÉ SCHUBART. Manifesto d’A Sega para a celebración do DÍA DAS GALEGAS NAS LETRAS

>> DOROTHÉ SCHUBART: DADOS BIOGRÁFICOS

PROGRAMA DE ACTIVIDADES


Desde A Sega queremos que a homenaxe a Dorothé sexa unha festa, unha romaría na que nos xuntemos, falemos, contemos e cantemos todas as persoas que queiramos saudar a dignidade da literatura de tradición oral e o labor silenciado de todas as cantadoras que lograron manter vivo até hoxe o acervo musical que nos alimenta.

Por iso convidamos á poboación xeral a vir con nós de romaría. Xuntarémonos no Areal de Berres, na Estrada, un espazo recuperado para a comunidade pola veciñanza, á beira do río Ulla. A convocatoria é aberta e participativa: toda persoa, panda, familia e grupo que traia comida para partillar e a alegría do canto e do baile será benvida.

O horario será o que segue:
13.30. Presentación do acto e lectura do manifesto, por parte das integrantes d'A Sega.
14.00. Xantar compartido.
16.00. Tarde de festa: intervencións de Paula Carballeira, contadora, Mercedes Peón, cantadora, Isabel Rei, guitarrista, e Habelas Hainas, pandeireteiras. Micro aberto para todas aquelas persoas que queiran cantar, tocar ou contar. A actividade está aínda pendente de novas incorporacións.


Para chegar ao Areal podedes coller tanto a AP-53 e sair en Vedra ou a N-525 Santiago-Ourense e incorporarvos na Ponte Ulla à estrada PO-213. Podedes consultar a localización exacta e as rotas desde Santiago e A Estrada nesta ligazón: https://goo.gl/maps/FtwXE

Comentarios