AS SEGADORAS
Núria Vil. O día en que eu nacín as tres fadas madriñas estaban borrachas e esqueceron preocuparse por case todo o importante. Non distingo entre ver e mirar e escoitei sempre falar da diglosia con seseo e con gheada.
Formo parte do espectáculo de poesía oral Dúas gamberras e un micro (con Vanessa Glemsel), do proxecto Sésega que mestura en directo palabra falada, música experimental e imaxe en súper 8 (con Charles Rapante), do grupo Tugraña de improvisación poética e musical (con María Lado, Mig Seoane e Charles Rapante) e comparto unha proposta co grupo de rock Rabuda (Isa Mariño, Sandra Romero e Víctor Rivas).
Formo parte do espectáculo de poesía oral Dúas gamberras e un micro (con Vanessa Glemsel), do proxecto Sésega que mestura en directo palabra falada, música experimental e imaxe en súper 8 (con Charles Rapante), do grupo Tugraña de improvisación poética e musical (con María Lado, Mig Seoane e Charles Rapante) e comparto unha proposta co grupo de rock Rabuda (Isa Mariño, Sandra Romero e Víctor Rivas).
Durante varios anos fun presidenta da asociación universitaria de dinamización lingüística Trabalingua onde compartín os micros abertos máis divertidos que se farán nunca (sentencio isto moi firmemente) e no último mes entrei no equipo de colaboración da Revista Tempos Novos con Dúas gamberras e un micro.
Tamén teño un papel carísimo que acredita o meu paso polo Grao en Estudos de Galego e Español na Universidade de Vigo e actualmente curso un Mestrado en Estudos de Literatura e da Cultura da Universidade de Santiago de Compostela.
Algúns dos meus textos forman parte da antoloxía Dentes para a mazá (Chan da Pólvora 2018) e de varios fanzines e desastres autoeditados.
Negareino sempre, salvo para o CV, pero gañei varios Slam Poetry en varios sitios e gardo os cartos dos premios nunha bolsiña plástica a carón das cremas hidratantes.
Aínda teño un soño recorrente: contar historias e que alguén sente a escoitarme.

O
barrio de Beiramar na Coruña foi o meu lugar da infancia. Un barrio
cheo de mulleres afoutas, que sen dúbida deixaron en min a máis
sólida e mellor das pegadas. Unha desas mulleres era a miña bisavoa
María, que sen saber que ese sería o título dunha película, xa me
dicía iso de : nena, ti vales moito! Axudou moito oilo.
Marchei para
a Terra Chá, á que lle debo unha mestra, dona Marisa; unha
libreira, Pepita; e Teresa, a bibliotecaria.
Son mestra
de inglés por vocación, escritora para sumar; pero do que máis
gozo é de ser nai de Nacho.
Cos anos
volvín á Cidade tatuada na pétrea pel do
mar. Un mar que me asombra desde o lugar no
que escribo os meus libros: Man. O alemán de Camelle; O albúm de
Garrincha e Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán.
______________________________________________________________________________
Non levo moi ben as etiquetas porque nunca sei
cales son as que me acaen mellor. Vounas enumerar e logo xa
escolledes. Licencieime en xornalismo do que manteño as crónicas de
viaxes e a elaboración de reseñas (boto de menos as entrevistas).
Tamén escribo, principalmente de LIX como o demostra a miña novela:
Non hai luz sen escuridade
(Urco Editora); ou o libro infantil Que
pode saír mal? (Pontexogos); ou o
conto “O ladrón de soños”, para a antoloxía Ilusionaria
IV; ou as historias que andan pola
plataforma de fomento da lectura Boolino.
Pero ás veces salto entre as etiquetas e vou polo mundo adulto. Teño
personaxes nas antoloxías colectivas Contos
do Sacaúntos. Romasanta o criminal (Urco
Editora), Lendas de Gallaecia,
Segunda Era e
Encontros na Terceira Fase
(Contos Estraños), Tebras na Alma
(autoedición), e Contos
de Verán (Redelibros). Outra
categoría que me acompaña é que escribo fantasía (ben, fantasía
un pouco rabuda porque nunca sei en que póla colgala). A realidade é
demasiado real e xa me atopo con ela cada día.
Para completar o meu tetris vital, imparto
obradoiros de narrativa para todos os públicos pola xeografía
galega: en Pontevedra, Santiago, A Coruña, Friol, Ribeira… dunha
duración indeterminada que vai dos anos ás horas. Ademais fun
xestora cultural, tradutora, locutora, dependenta… e sumo o actual
estudo de pedagoxía (aínda que son unha eterna estudante porque
sempre hai cousas que aprender). Supoño que agora entendedes a miña
necesidade de resumir as etiquetas a: son Andrea.
Hai pouco caín n´A Sega. Máis ben
empurráronme. A non ser que me atrape un remuíño espazo-temporal,
agardo seguir por aquí unha longa temporada.
_____________________________________________________________________________________________________________________________________________________________Ánxela Lema París. Nacín en Muros, exactamente entre a area da praia de Area Maior. Hai uns meses dixéronme que xa estaba oficialmente graduada en galego e portugués mais aínda non sei moi ben o que me intentan dicir. Agora mesmo estou a cursar un mestrado de literatura na Coruña mais marcho (escapo) a rematalo en Portugal mentres agardo que se constrúa ese mundo que moita xente pensa que non pode existir. Gústanme os acordeóns, o queixo en todas as súas variantes e formas, escoitar a música moi moi alta e darlle a volta a todo.
_______________________________________________________________________________
![]() |
Imaxe: Érica Esmorís |
Antía Marante Arias (A Coruña, 1982). Licenciada en Filoloxía Hispánica e Galega pola Universidade de Santiago de Compostela, cursou o “Máster en Estudos Téoricos e Comparados da Literatura e da Cultura” na mesma Universidade para comezar a súa tese de doutoramento sobre poesía galega contemporánea de autoría feminina. Desenvolve a súa actividade de crítica literaria sobre poesía en espazos como o “Espello das letras” da revista Grial ou LG3: o Soportal da Literatura Galega e, desde o ano 2016, encárgase da coordinación da sección galega en Caravansari, revista de poesía contemporánea en lenguas peninsulares. Durante tres anos foi lectora de galego na Christian-Albrechts-Universität de Kiel (Alemaña) e, na actualidade, forma parte da directiva de GÁLIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil). Trala súa estadía báltica, vive, le, escribe, ve filmes e pasea á beira do Atlántico, percurando sempre múltiples recantos desde os que medirlle marusías e acougos ao océano
_______________________________________________________________________________
Ana I. Morales (Bilbao, 1969): son tradutora e intérprete, adicta á literatura e mai. Os meus intereses ideolóxicos, literarios e académicos xiran en torno ao feminismo e os temas LGTBQ. Estudei Filoloxía vasca na Universidad de Deusto e cursei Estudos de xénero na Universidade de Maryland e de Tecnoloxías Lingüísticas na Universidade do País Vasco. Fun tradutora das Nacións Unidas en Nova York e actualmente traballo como tradutora e intérprete na Universidade do País Vasco. Traducín ao euskera obras de Jane Austen, Margaret Oliphant, Charlotte Perkins-Gilman, Kate Chopin, Shirley Jackson, Virginia Woolf, Susan Glaspell e Percival Everett, entre outras. Tamén traducín e adaptei ao éuscaro e castelán obras teatrais para a compañía Maskarada, como Extrak/Extras e Souvenir: historiako kantaririk txarrena/Souvenir: la peor cantante de la historia. Fixen algunhas incursións na creación literaria, con contos como “Adibidez” , “Esnea etorriko zaizu” e Arazoak zinetokian. Son unha das autoras do podcast literario “Xerezaderen Artxiboa” e pásoo ben facendo lecturas públicas dramatizadas de narracións literarias. Pódesme atopar en Twitter co nome de @Anaisni.
Andrea Nunes Brións naceu en Marín baixo un frorecente manto de escamas. Trasladouse a Compostela fuxindo dos verquidos tóxicos de Ence. Alí entrou en contacto con diferentes persoas que acreditan nun mundo fóra do patriarcado capitalista. Nos seus momentos libres cursou a carreira de Filoloxía e un Máster cun nome moi longo.
Agora traballa moi lonxe da terra, e síntese máis preto escribindo poemas e facendo vídeos coas Candongas do Quirombo. A súa última obra é o poemario Todas as mulleres que fun, previamente sacou o poemario Corrente do esquecemento (Aturuxo, 2007) Colaborou en diferentes publicacións galegas como Dorna, Nova Ólisbos, Andaina, Revista Galega de Teatro, AulaFoto ou Tempos Novos.
______________________________________________________________________________
Andrea Ruthven é investigadora de predoutoramento no Centre Dona i Literatura da Universidade de Barcelona. Ten publicados varios artigos sobre a heroína violenta nos cómics e outras literaturas contemporáneas e é co-editora do volume Women as Angel, Women as Evil: Interrogating the Boundaries. Lectora voraz, nada lle guste máis que debater a literatura e o feminismo, polo tanto, aínda que sexa canadense de nacemento, atopou o seu fogar intelectual no Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias da Universidade de Vigo.
María Reimóndez é tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción. A súa ampla traxectoria literaria abrangue diversos xéneros, mais sobre todo a narrativa de persoas adultas e infantil, con títulos como Moda Galega, O club da calceta, Pirata ou En vías de Extinción. Como teórica ten publicado e debatido sobre crítica literaria, teoría da tradución e cuestións relativas á cooperación internacional en diferentes medios e foros tanto galegos como internacionais. Forma parte do grupo de investigación Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias da Universidade de Vigo. Máis info: www.mariareimondez.com
_______________________________________________________________________________
Eli Ríos: Nacín en Londres ao mesmo tempo que o punk rock pero, ao pouco tempo, regresei ás terras de Ordes onde me criei. Despois de moitas voltas e reviravoltas decidín instalarme ao pé do Castro de Elviña. A mellor definición que me fixeron nunca foi a da miña filla. Con sete anos explícalle ao irmán, para un traballo da escola, que "mamá morre se lle faltan os seus fillos e os libros". Podo ter unha amalgama de experiencias, ser moitas cousas á vez, traballar en mil historias pero as miñas verdadeiras paixóns son a maternidade e a literatura. Compatibles coa sororidade e o feminismo? Sen dúbida ningunha! Porque, en palabras de Ivonne Knibiehler, "a maternidade seguirá sendo unha cuestión capital da identidade feminina". / Foto: Matías Nicolano.
Arancha Rodríguez (Ourense, 1989). Licenciada en xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid, percorredora de lares alleos, rematou sendo estudante de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela, onde leva a cabo a súa tese baseada na poesía galega e irlandesa de mulleres._______________________________________________________________________________
Artista de variedades na intimidade e estrela de musical nos soños, a traxetoria de Arancha estivo sempre vencellada á literatura, gañando diversos premios desde nena e mudando hai haberá xa unha década o seu nome poético a Arancha Nogueira, en homenaxe á súa avoa. Como poeta ten publicado Andar Descalza (2014, premiado co Francisco Añón de poesía) e (A)fogar (2016, primeiro premio de poesía da Universidade de Vigo) alén de participar en diversas antoloxías e en revistas de creación como Dorna.
Poeta e crítica a partes iguais, defínese sobre todo como muller, como vulnerábel, como curiosa. E tamén, como non, como feminista. É vexetariana, baila lindy hop, gústalle contar todas as gamas de verde e cre no poder da palabra perante (case) calquera cousa.
Lara Rozados naceu no 82, polo tempo das castañas, na ría de Pontevedra. Con seis anos marchou vivir ás Casas Baratas, en Ferrol, e descubriu que o aire non cheiraba a ovos podres, e que existía a maxia e pode ser de tod@s. Con sete veu ao Barrio de San Pedro, en Compostela, e alí segue despois de estudar xornalismo, tentalo con filoloxía galega, sacar o título de monitora de tempo libre, o curso de aptitude pedagóxica, o carné de conducir e o de manipuladora de alimentos, traballar en medios de comunicación que xa non existen, en campamentos, no teatro... Ás veces cobrando, cotizando, incluso; outras, non. Agora dedícase aos coidados, á educación, formal ou non (máis ben non), ao teatro, a escoitar e contar historias, ao Cineclube de Compostela, e a escribir. Cre na forza do que é colectivo e común. Non cre na propiedade. En ningunha. / Foto: José Valiño.
Lau Ríos. Como teño 11 anos non quero poñer fotos miñas porque aprender a ser maior é, tamén, aprender a coidarnos a nós mesmas. Son uha nena que me gusta xogar, ler moitos libros e o atletismo pero, cando vou mercar un videoxogo ou leo unha novela, sempre teño problemas para encontrar unha historia na que falen rapazas coma min. Os protagonistas costuman ser os rapaces e as nenas case nunca somos as heroínas. Por iso, quero aproveitar este espacio, que me deixan as segadoras, para contarvos que as rapazas non só nos preocupamos de ser as princesas dos contos.
O meu nome é Susana Sánchez Arins. Nasci no ano 74, pouco depois do 25 dos cravos, num país que non chegou à liberdade pola revolução, cousa que andamos a pagar as herdeiras desta pseudo-democracia. levada por uma quase doentia propensão leitora, figem estudos de filologia. a falta de uma, duas, o que me permitiu achegar-me a um manado enorme de literaturas, livros e escritoras. como isso me soubo a pouco, ainda realizei estudos de post-grau em teoria e crítica literária, ou em literatura portuguesa, nem sei, porque é uma questãozinha burocrática à que não dei atenção. ponho escola no ensino secundário, o qual me faz lembrar todos os dias que ainda há muito por fazer para conseguir a igualdade entre mulheres e homens. eles seguem a sonhar com a esposa perfeita e elas continuam a ilusionar-se com a chegada dum príncipe azul... sou mulher, de aldeia e galega, e essas três identidades marcam a minha personalidade com força. ainda em riba sai poeta... actividade autenticamente subversiva num mundo anestesiado através do retorcimento da palavra e do discurso. tenho três poemários publicados, [de]construçom, (espiral maior, 2009), com o que ganhei o Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé, a noiva e o navio (através editora, 2012) e aquiltadas (estaleiro editora, 2012). levo um blogue para os meus escritos ao que pus por nome dedoscomovermes, pois assim são os dedos, diz marilar alexandre, das mocinhas escravas que tecem sedas para meninas ricas. e levo um outro blogue para as minhas leituras, como pam daboca. a minha actividade com as segadoras, não deixará de ser uma continuação do processo iniciado nestas duas bitáculas: da acção individual ao compromiso coletivo.
AS SEGADORAS
Reviewed by segadoras
on
13:24:00
Rating:

Noraboa e sorte nesta andaina.
ResponderEliminar