As alumnas de Paula Carballeira por Mónica Cores

Crieime escoitando as historias sobre a escola de meus pais durante o franquismo. Unha escola chea de medo, de golpes con varas por falar galego, de leite en po e de servidume absoluta. Miña nai sempre conta o caso dunha compañeira de clase que era obrigada a traer cada día unha vara de vimbio coa que sabía que a mestra, Dona algo, lle ía pegar por non saber ler ben.


En “As alumnas”, ese mundo narrado na casa, cobrou máis vida e devorei esas case cen páxinas coma quen busca nun álbum de fotos familiar en branco e negro o seu pasado.

Elvira e Rosa, amigas dende a infancia, foron alumnas da pedagoga Maria Barbeito e foi tal a súa influencia que ambas decidiron ser mestras buscando seguir o seu exemplo. Ás veces, as que nos dedicamos ao ensino soñamos, non digo que non haxa algo pretencioso en iso, en poder ofrecer ilusión e formación a partes iguais. Mais, que ocorre con Elvira e Rosa? Que ven a guerra e logo a ditadura e, o ensino xa non é libre se non unha especie de cárcere onde se busca que ninguén saia do camiño marcado polos que mandan.

Rosa, ou Paula Carballeira, fala da liberdade como aquilo que “entendemos mellor o que é cando nos falta”. E a estas dúas mestras fáltalles. As dúas son a cara dunha moeda. Elvira, cedendo ás presións impostas, deixando o ensino e aguantando un matrimonio polo que dirán. Rosa, rebelde, castigada continuamente pola súa maneira de ensinar, ao borde da fame e da soidade. Nesa moeda as dúas nunca se miran pero comparten espazo.

Rosa e Elvira reencóntranse tras anos sen verse no enterro de Maria Barbeito e nese encontro van facendo memoria e abrindo debate. O libro é unha homenaxe absoluta a esta pedagoga culta e liberal que introduciu na ensinanza galega métodos como os de Montessori ou Decroly buscando unha transmisión de coñeementos viva. Co auxe do franquismo, Barbeito foi destituída do seu cargo e posteriormente forzada á xubilación con acusacións como formar unha biblioteca escolar con autores pouco recomendables, ser partidaria da coeducación ou descoidar a educación moral das nenas.

Outros temas de interese na obra son o tratamento ás mulleres e ao galego. Na ditadura, existían manuais de como ser boas esposas, xa non mulleres, esposas. Esposas que soubesen bordar, cociñar e criar aos fillos e fillas mentres poñían boa cara. Onde ían a a parar os soños e as ansias desas futuras esposas? Con respecto ao galego, máis do mesmo, oprimilo e rexeitalo buscando non só acabar coas ansias de soñar se non coa arma para expresar eses soños. Acabar co propio.

Paula Carballeira é para min das mellores narradoras orais do mundo e, esta peza de teatro destila iso. Contar algo importante e facelo dunha maneira única, que chega ao corazón. De aí, os premios que esta gran historia vai acumulando, Premio Nacional de Literatura Dramática, Premio Follas Novas á mellor obra de teatro 2023 e Premio Luisa Villalta a proxectos pola Igualdade.

Rosa: Todo o que non é normal trae mala sorte. Que é normal?

Elvira: O que segue a norma.

Rosa: E quen marca as normas?

Elvira: Nós non.

Rosa: Non. Nós non”


Carballeira, P., As alumnas, Galaxia, 2022

Comentarios