Dos ecos ás voces . Manifesto

imaxe da web de Aurora Marco

Vivimos perseguidas pola ladaíña: “non houbo mulleres”. Se pola historia patriarcal occidental fose, seriamos “simplemente” as recolectoras irrelevantes fronte ao poderoso cazador. Vivimos perseguidas pola ladaíña: “non hai mulleres”. Aínda a día de hoxe vémonos na obriga de buscarnos, as unhas ás outras, tendendo a man. En calquera acto, aínda segue sendo máis urxente ca nunca nomear as mulleres, porque axiña a historia patriarcal nos fai desaparecer do discurso e dos espazos. 

Entre esa ladaíña, porén, intuímos durante moito tempo os ecos. As historias das mulleres que se agochan nas familias, nas notas a pé de páxina, nos anexos pequenos dos libros. Un coro de murmurios que foi silenciado e reducido á mínima expresión, un silencio que nos deixa orfas de pasado, que desposúe as valentes do dereito á honra presente. Que nos deixa sen memoria. 

Na corrente dos ecos, porén, sempre hai algunha que escoita. E que non só escoita, senón que é quen de utilizar as ferramentas do amo para desfacerlle a casa, que coñece os útiles da disciplina (o arquivo, os documentos, as entrevistas, os vestixios) para facer dos murmurios, voces. Para recuperar de xeito minucioso e devolvernos a todas nós os traballos, as arelas, os sufrimentos, os logros e o orgullo das que viñeron antes. Elas son quen de retirar o cascallo da historia patriarcal, de desenterrar a foxa común da desmemoria daquelas que nos precederon. É un traballo arduo e interminable. 

Facer falar as voces das devanceiras rebeldes é unha cousa, facer que canten, outra aínda máis emocionante. A Nosa Señora das Letras 2023 é batuta firme que, fronte a ladaíña e o murmurio, compón unha sinfonía clara: ou nós mesmas nos mantemos vivas na memoria ou ninguén o fará por nós. E por iso este ano, para recoñecer ese traballo inxente de facer cantar as voces das pasadas en sinfonía estrondosa, seremos as presentes quen cantemos con feitos, documentos, memoria e homenaxes o traballo da Nosa Señora das Letras 2023: AURORA MARCO.


Comentarios