Aurora Marco, unha comadre galega, unha muller afouta, unha das imprescindíbeis

Foto de Santos Díez 
(Ollo de vidro-ACAB)

Coido que coñecín a Aurora en Noia, e foi con Antón Avilés de Taramancos, amigo de ambas, poeta e taberneiro e polo que ambas sentiamos cariño, amizade e agarimo; Aurora escribiu un libro, no ano 2003, co título Avilés de Taramancos. Un francotirador da fermosura. Corrían os anos 1980... partillabamos tamén as dúas seren ensinante, ela na USC, como Catedrática de didáctica de lingua e literatura galegas, eu como profesora de historia... E logo, o tempo e os traballos leváronnos a vérmonos en moitos lugares e eventos. En Compostela, no grupo de traballo de igualdade do C.C.G, no proxecto do Álbum de mulleres. Nas actividades da Concellaría da muller, onde Aurora formaba parte dun grupo de teatro de Noia, que representou unha obra na sala Galán... en actividades da memoria histórica... nas actividades da comisión que traballou para conquerir que o legado de Carlos Maside estivese en Compostela.... Mais alén de todo iso, Aurora foi, é e será para min, unha grande mestra, unha historiadora que me permitiu coñecer, descubrir e saber tantas historias de vida das mulleres galegas que foron pioneiras, loitadoras e que abriron fiestras e luces polas que hoxe, nosoutras respiramos e camiñamos.

A capacidade de traballo de Aurora é inmensa, e asemade o seu rigor na investigación e pescuda de datos, fotos, materiais, entrevistas etc... para mostrares a esas mulleres tan esquecidas e ocultas. Lembro con unha inmensa curiosidade, que logo foi alegría, a presentación do DICIONARIO DE MULLERES GALEGAS, obra de Aurora, no salón do Hostal de Compostela, nun mes de marzo do ano 2007, coa presenza dunha parte do goberno galego, e o salón ateigado de moitísimas mulleres. Son deses fitos que gardas no corazón por sempre. 

Non vou faceres un relatorio de toda a obra de Aurora Marco, pero si querería referirme a algún dos libros que, para min, son imprescindíbeis de leitura e presenza nos anaqueis dunha biblioteca: Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011); Teresa Alvajar Lopez. Memorias dunha republicana (2012); Elas (2015); Irmandiñas (2020), e proximamente sairá unha obra sobre Carmen Sierra Domínguez, unha das pioneiras universitarias que traballou no Seminario de Estudos Galegos, este ano do seu centenario. Tamén traballou co audivisual, nunha biografía sobre Concha Castroviejo Blanco-Cicerón. 

Isto non é mais que un curto percurso do labor de Aurora, que non me perdoaría se non citara os traballos que publicou sobre o seu querido mestre e profesor Ricardo Carvalho Calero... E aínda así, con tanto feito, Aurora disfruta do seu tempo na horta, no mar, nas festas, nas conversas de vagar do verán no seu territorio de Miñotos... será neste espazo da ría de Noia onde colle folgo para tanto traballo...? 

Os premios e recoñecementos que recibiu dan boa mostra do seu bo facer: Premio Tomás Barros, Premio Ánxel Fole, Premio Luis Tilve, Premio Sereo da Cultura, Premio Mulleres en Acción, Premio Galiza Mártir, Premio Mártires da liberdade, Premio Xoana Torres, etc... etc... 

Aurora Marco é pois unha galega das letras, como así o decidiu a plataforma feminista de crítica literaria A Sega e é xa unha das mulleres imprescindíbeis da cultura e a historia da Galiza... e que o siga sendo por moitos anos. 



Encarna Otero Cepeda-Historiadora e Feminista

Comentarios