Aurora Marco, referente na investigación histórica

Foto da web de Aurora Marco

Ao escoitar o nome de Aurora Marco vénme á cabeza Chelo Rodríguez, as guerrilleiras e as irmandiñas; e tamén Noia, O Confurco e Miñortos. Porque para min, como investigadora e compañeira da Cátedra de Memoria Histórica da UDC, Aurora é a referente que lle pon voz ás invisibilizadas, a que recupera ás esquecidas e ás silenciadas, a Republicana de Honra do Barbanza.

Vivimos nun mundo machista que ao longo da Historia ocultou o papel das mulleres na sociedade de maneira individual, colectiva e profesional. Un labor de censura e privación de liberdades na que os ilustrados fomentaron a desigualdade e o franquismo potenciou, relegándonos ao ámbito doméstico e familiar. Por iso, desde as últimas décadas agroman novos estudos de xénero que tratan de reescribir a Historia. Con todo, no último cuarto do século XX os nomes propios de mulleres postos en valor eran poucos, igual que as biografías e as monografías temáticas. Ademais, as obras que había, moitas realizadas por homes, non adoitaban ter un enfoque feminista. E é por isto polo que me vou centrar no 'Dicionario de Mulleres Galegas' que a profesora Aurora Marco López publicou en 2007.

Á hora de realizar unha investigación histórica adoitamos partir dunha diagnose previa na que establecemos as pautas xerais do traballo, buscamos información e consultamos publicacións sobre o tema de estudo. Segue logo un arduo traballo de campo con entrevistas e pescudas en arquivos e bibliotecas tanto públicas como privadas. Por último, unha complexa fase de gabinete na que clasificamos, organizamos, redactamos, editamos imaxes e damos forma a un produto final, ben sexa unha entrada web, un artigo ou un libro.

Neste proceso, os avances tecnolóxicos facilítannos a investigación a especialistas, abríndoa a todo tipo de usuarias. Pero no pasado século estes progresos nin tan sequera se albiscaban. Así, non podiamos aproveitarnos dunha rede galega de bibliotecas públicas, cada vez máis completa; os préstamos interbibliotecarios estaban restrinxidos; as fotocopias nos arquivos eran un privilexio ao alcance de moi poucas persoas; e as solicitudes de reproducións por correo postal infrecuentes. Por outra banda, para consultar publicacións especializadas e documentos tiñas que desprazarte ao lugar no que se conservara esa fonte para vela in situ. E outro tanto ocorría coas cabeceiras galegas das hemerotecas, que estaban sen dixitalizar ou, como moito, accesibles nun soporte fotográfico tipo microfilme e microficha que non permitía a cómoda busca por texto libre grazas ao recoñecemento óptico de caracteres (OCR). Iso facía que a procura de información fora dificultosa, vendo de vagar as publicacións que te interesaban e deixándote os ollos na pantalla do lector.

Relacionado con isto último, a Biblioteca de Galicia puxo en marcha cara a 2011 a Galiciana, unha hemeroteca dixital que conta cun importante fondo bibliográfico e hemerográfico. Se accedemos á web e buscamos os termos "Aurora Marco" aparecen cinco entradas. Tres delas refírense aos goles que marcou o desaparecido equipo de fútbol vigués "Aurora". Asoutras á nosa protagonista, sendo a primeira de 1970 con motivo da lectura da súa tese de licenciatura en Filosofía e Letras xunto varias compañeiras e compañeiros. Facendo o mesmo na hemeroteca restrinxida de 'La Voz de Galicia', aparécennos 1885 noticias que inclúen as palabras clave "Aurora Marco" entre 1972 e 2023. Na máis antiga, a xornalista Victoria Armesto, Totora, cítaa nun artigo dedicado á creación da primeira cátedra de Lingüística e Literatura Galega da USC. Pero para saber a que se refiren as restantes, teriamos que abrir páxina a páxina e ler de que tratan. E esa sería a parte que nos levaría algo máis de tempo.

Cando Aurora iniciou o seu traballo por volta de 1980, as escaseza de fontes escritas levouna a partir case de cero, empregando criterios diferentes aos usados para biografías masculinas. Comezou cun exhaustivo baleirado de fondos bibliográficos de monografías, catálogos, xornais e revistas localizando mulleres en artigos e novas sobre actividades, exposicións, publicacións, actuacións ou conferencias. Tivo que apoiarse tamén na documentación de arquivos e nas entrevistas a testemuñas, principal fonte de transmisión oral que lle permitiu aproximarse á realidade de moitas outras cuxos nomes non estaban plasmados en papel.

Logo dunha fonda e longa pescuda, virían períodos nos que clasificou e organizou a información, corroborou datos, ampliou outros e fixo correccións. Todo un proceso para redactar centos e centos de biografías e darlle forma a unha obra pioneira, pois un dos puntos fortes do "Dicionario de Mulleres Galegas" é que se trata do primeiro compendio exhaustivo publicado na nosa terra. Outras das súas fortalezas atópanse na metodoloxía usada e no rigoroso traballo de investigación.

A compilación recolle preto de 2000 voces de músicas, actrices, políticas, monxas, escritoras, pintoras, nobres, tecedeiras, sindicalistas, guerrilleiras, mestras, deportistas, labregas, tradutoras... un amplo abano de mulleres desde as orixes ata 1975. Con biografías breves e non tan breves, completas ou máis incompletas polos motivos expostos, o "Dicionario"constitúe, nas súas propias palabras, "unha obra aberta" para futuras investigacións. E é así como se converte na fonte documental de referencia para outros estudos de xénero de ámbito nacional ou local. Por poñer un par de exemplos, Irene pasou de ser a porteira recollida por Aurora a converterse en Irene González Basante, unha lenda do deporte galego nada na Coruña en 1909 e falecida en 1928. Eu mesma coñecín á pintora Avelina Viñas Calvo grazas a que ela a citara antes, podendo ampliar a súa biografía -e a de outras moitas artistas- para o proxecto da Memoria das Mulleres do Concello de Pontevedra. E gustaríame pensar que nalgún momento as actrices de teatro noiesas que se recollen no "Dicionario" serán postas en valor.

Se outra das publicacións de Aurora Marco, "As Precursoras" (La Voz de Galicia, 1993), fora a encargada de abrirlle o camiño ao "Dicionario"; o "Dicionario de Mulleres Galegas fixo" o mesmo coas "Mulleres na Guerrilla Antifranquista Galega" (Laiovento, 2011) e coas "Irmandiñas" (Laiovento, 2020), agardando expectantes polas próximas novidades.

Unha máis que merecida e agardada homenaxe para a Nosa Señora das Letras 2023 pola súa contribución á Historia, ao Feminismo e á Cultura.


Carmela Sánchez Arines, Historiadora da Arte

Comentarios