Aurora Marco, por Lupe Martínez



Non sei como nin por que, pero o certo é que tiven a sorte de verme inoculada co veleno da guerrilla antifranquista no País. Un País que, como en moitos outros eidos, foi punteiro nese fito histórico. Iso supón que queira devorar, literalmente, todo aquilo que se publica sobre o tema, o que tampouco é moito, ou a min así mo parece. Por iso, cando aló polo 2011 souben que a Mestra e Catedrática Aurora Marco, que con tanta xustiza está a ser recoñecida, publicaba un volume integramente adicado ás mulleres na guerrilla antifranquista, lisquei lixeira cara unha das miñas librarías de confianza para facerme coa obra.

Cando collín o libro entre as miñas mans non puiden evitar sorrir pola grata primeira impresión: a capa de cor morada xa presaxiaba que ía botar unhas cantas horas “mullereando”, no sentido empoderado do termo. Souben que, se ben a historia da guerrilla no campo de batalla e incluso teórico é eminentemente masculino, as mulleres non ían quedar relegadas á mera función de comparsas neste fito.

530 páxinas onde se repasa minuciosamente ao longo de 26 capítulos o papel das mulleres na guerrilla, e da guerrilla en xeral. Por alí desfilan as irmás Rodríguez López, Chelo e Antonia, da familia dos infortunados Soulecín; Antonia Díaz López, rebaixada á categoría da perdida de Luis Trigo Chao O Gardarríos; María Pérez Mellid, dona do dono do monte, o mítico Benigno Andrade García O Foucellas; as irmás Gallego Abeledo; a mítica Manuela López Suárez, de Carres....e unha chea delas. Moitas máis están nomeadas, identificadas, biografadas....e outras moitas non, nin o estarán nunca por ser este un tema escuro, clandestino, turbio, vergoñento, doloroso.

Gústame que a autora antes de meterse en fariña, e que fariña!, lembre unha vez máis o papel das mulleres no franquismo e a consideración machista e nacionalcatólica que se tiña delas, e que faga un breve esquema do papel xenérico das mulleres dentro das guerrillas, ben incorporadas á vida no monte ou ben como guerrilleiras da chaira, papel este non suficientemente estudado nin valorado na súa xusta medida. Gústame que despois de centrarnos no tema cunha composición moi xenuína da situación, Aurora apunte sen contemplacións coa súa pistola Astra cargada con historias vividas e vívidas que trazan unha historia da guerrilla antifranquista a través do papel e da contribución das mulleres. Así, mullereando, non lemos, máis ben escoitamos coma se estivésemos ao lume dunha lareira negra negra coma a época que se retrata, os testemuños cargados de dor e tamén, xa é tempo, de fachenda por saber que se estaba no bando correcto. Falan os homes, falan por fin as mulleres e fálase de ambos; así se constrúe unha deleitosa historia da guerrilla no País.

A autora, por riba, abusa claramente de todos nós, non sei que con consciencia ou non. O certo é que o libro amosa unha profusión de imaxes excelente: mulleres, homes, meniños, casas, refuxios. Todo é pouco. Asemade, a parte máis científica de Aurora deixase sentir no excelente traballo arquivístico no que se apoia para compoñer, insistimos, unha historia de mulleres nun fito no que tentaron esquecelas. Xa se encargou Aurora de que non fose tal.


Mulleres na guerrilla antifranquista galega, Aurora Marco (2011, Laiovento)


Comentarios