No mesmo lado, o compromiso
Ti, na liberdade, da contra-ética do poder.
Lémoste e sentímoste na arela dun teatro de nós que te abrigue e nos abrigue, dramaturga, que nos adentra no paseo das esfinxes e nas certezas de Ofelia.
Lémoste e aprendemos, ensaísta, que nos enreda na ecuación teatral de Don Hamlet, para nos mostrar esa obra enteiramente nova; para nos levar ao outro lado da música, para nos guiar pola poética, sobre un certo estado de conciencia e nos erguer desde a prensa o libro das columnas.
Lémoste e gozamos, narradora, da lingua coa que nos convocas, nesa teoría de xogos en que lle dás a man ás afinidades electivas, para andarmos mundo; a lingua que non se pode chamar silencio, e por iso nos legas as chaves do tempo para abrirmos ao futuro o reino que un día perdemos.
Ti, que sabes do couto á liberdade, do silencio, da banalización, das estratexias para neutralizar o discurso ético e literario.
Lémoste, poeta, e gozamos e cantamos e a música reservada estoupa e xorde o ruído e soñámoste co violín e préndensenos as túas palabras coas que vestimos minutos de poemas polo papagaio nunha rota ao interior do ollo contigo no outro lado da música, na Cidade Alta.
Ti, que reclamas a liberdade de ser escritora galega nunha Galiza viva e democrática.
Galiza, esa palabra, que pronunciaches con boca chea.
Ti, que dixeches isto é tamén unha muller que resiste.
Igual que un tigre ignora a tigritude:
Salta.
Penélope tece o tecido do regreso.
Celebrámoste, gozamos, saltamos contigo, LUÍSA VILLALTA.
Manifesto. Luisa Villalta a Nosa IX Señora das Letras
Reviewed by segadoras
on
08:51:00
Rating:
Ningún comentario: