Retranca polonesa por Eli Ríos

 


Na libraría que alimenta as miñas ansias de lectura, hai unha libreira das de antes, das que che coñecen as costuras e nutren a alma. Escríbolle unha mensaxe desas en clave: " Recoméndame algo positivo. Estou farta de ler desgrazas." E, alí, na pantalla do móbil alumea un " Teño algo que che vai gustar. É dunha autora que ten un humor parecido ao teu." O peixe está vendido. A carteira encárgase de facerme chegar a novela Sobre los huesos de los muertos de Olga Tokarczuk.


Ben, así de entrada penso que Patri, a libreira, me confundiu con outra persoa. A contraportada di non sei que cousas de Janina Duszejko, enxeñeira de camiños xubilada que acaba por dar aulas de inglés nunha escola rural dunha rexión montañosa no suroeste de Polonia, na fronteira con Chequia. E se isto non estivese suficientemente lonxe dos meus intereses, por riba afeccionada á astroloxía e obsesionada pola obra do poeta William Blake! E, xusto aí, nese intre atravesa os meus miolos a pregunta: por que raios me recomendaría unha obra así? E, claro, só había unha maneira de averigualo.


O desastre anunciado converteuse en realidade. Acabei por discutir, dentro da miña cabeza, coa protagonista e coa libreira. Detestei, con todas as miñas forzas, esa voz en primeira persoa que non facía outra cousa que dar voltas sobre a paisaxe, sobre unha historia de radicalismos ambientais e sobre uns cazadores. Resultoume desagradable saber do asasinato das cadelas, dos xabaríns, dos corzos, etc E, entón, cando utilicei a palabra asasinato comprendín que a novela xa me atrapara por completo. Esa Janina Duszejko, que odiaba, apareceu en toda a súa dimensión como unha muller xubilada, humanista, ecoloxista, sen fillos, enferma, sen cartos,..., que se enfrenta a todo un sistema patriarcal e capitalista.

- ¿En que mundo vivimos? Uno en donde el cuerpo de un ser es convertido en calzado, en albóndigas, en salchichas, en una alfombra que se tiende junto a la cama, en caldo hecho con los huesos de otro ser... Calzado, sofás, bolsos para llevar colgados al hombro, hechos con el estómago de otro ser; seres cortados en pedazos y fritos en aceite... ¿ Es posible que esté sucediendo de verdad algo así de macabro, esta matanza, cruel, enorme, desapasionada, mecánica, sin ningún remordimiento de conciencia, sin la menor reflexión, pues las reflexiones se concentran exclusivamente en la filosofía y la teología? ¿ Que mundo es este en donde la norma consiste en matar y en provocar dolor? ¿No será que algo no funciona con nosotros?(páx. 101) 

E esta paisaxe humana-vexetal-animal non só é un espazo. Está viva e personificada. 

" El invierno empieza justo después de la fiesta de Todos los Santos. Así son las cosas aquí: el otoño recogía sus pertenencias, se sacudía las hojas- ya no las iba a necesitar-, las barría bajo los linderos, le arrancaba los colores a la hierba hasta que se volvía grisácea y difusa. Después todo era negro sobre blanco y la nieve caía sobre los campos labrados" (p. 201)

A paisaxe é unha personaxe máis que limita os movementos, que enche de luz ou escuridade a trama, que determina parte do carácter das persoas que viven na aldea, as súas celebracións ou os momentos e lugares en que se poden desenvolver certas accións. Estas, son a aparente vinganza dos animais que cazan aos cazadores para vingarse dos asasinatos e para vingar, de paso, a natureza. E que pode facer ante esta situación unha muller que "he llegado a una edad y a un estado en que cada noche antes de acostarme debería lavarme los pies y arreglarme a conciencia por si tuviera que venir a buscarme la ambulancia"(p.11)? E aínda digo máis... por que unha señora polaca di o mesmo que miña avoa (cantas veces escoitei iso de "leva sempre as bragas limpas por se tes que ir ao médico?)? Nese momento en que a convertín en familia, en que estaba a sentir o mesmo ca protagonista, en que me preguntaba que vai facer ela soa contra o sistema, entendín por que a libreira-costureira de almas me recomendara a novela: o patriarcado atravésanos a todas e é necesario buscar ferramentas para enfrontalo. E os recursos que encontra Janina Duszejko non están moi lonxe da nosa retranca galega. Nin sequera as solucións aos problemas se afastan moito de queimar un papel nunha cacharela ou de poñer unha xesta para protexernos.

"Un viejo remedio contra las pesadillas consiste en contarlas en voz alta sobre el agujero de la taza del váter y después tirar de la cadena."(p.104)

A protagonista, nun primeiro momento vai tentar convencer á veciñanza do pouco ético dos seus actos, pero sabe que as súas amizades"Ya de por si creen que soy rara"(p.109). O sistema neoliberal atroz non permite que unha anciá cuestione a orde capitalista. Isto non vai deter a Janina Duszejko:

" La ira hace que la mente sea más clara y aguda, que se vean más cosas. Se apropia de las otras emociones y domina el cuerpo. De la ira nace toda sabiduría, no cabe duda, porque la ira traspasa cualquier frontera"(p.24)

A protagonista, e aquí está unha das claves marabillosas da novela, non só vai descubrir quen é a persoa asasina senón que tamén transforma a súa ira en produtiva, en sabiduría e pasa a ser parte da acción, é dicir, nunha novela de asasinatos, investigacións, etc, ela non analiza desde a distancia europeizada, masculinizada e heteronormada, non. Janina Duszejko rompe coa imaxe de avoíña boíña que espera a que o lobo a pape e implícase, activamente, na loita contra as inxustizas. E gostei inmenso de chegar ao final da novela, de coñecer a Janina Duszejko, á súa autora Olga Tokarczuk, deste xiro cara ao compromiso e da recomendación de Patri. O dito, señoras, sigan sempre as recomendacións da súa libreira de cabeceira.

 

Olga Tokarcuk, Sobre los huesos de los muertos, Siruela, 2009


Comentarios