O bolso das emocións por Beatriz Maceda

 


As persoas que compartimos vida con animais, sabemos que recibimos deles moito máis do que damos, que podemos ter máis complicidade coa nosa cadela que con moitas persoas por moi achegadas que sexan. E non podemos estar máis de acordo cunha frase da protagonista desta historia – As persoas que mancan os animais son a peor xente do mundo (páx.52)

A autora, Eva Mejuto, neste pequeno gran libro de setenta e nove páxinas, narra con habelencia esa relación que se establece entre Xoana e o seu can, Neko. Protagonistas inxustas, xunto coa súa mai, das consecuencias da violencia de xénero.

Neko é o apoio, o desafogo e até o cómplice dun segredo doloroso, que na súa compaña é máis doado de levar.

Papá di que parezo unha toliña, todo o día a falar contigo, pero que lle vou facer se es ti quen mellor me entende? (páx.10)

Malia ser un tema difícil de tratar para as crianzas, a autora é quen de sacarnos o sorriso a través dos pensamentos, as conversas de Xoana, as trasnadas de Neko, e mesmo ese bolso da xuíza, sen por iso deixar de transmitir a incerteza, as dúbidas, a loita dos afectos e os desafectos que, nestas idades, son tan difíciles de manexar pois aínda non temos as ferramentas para facelo.

Segundo vai avanzando a historia, as personaxes tecen redes de acompañamento e cariño que fan máis doado que Xoana intente superar unha circunstancia tan dura e inxusta. E esta mensaxe, transfórmase en fundamental para entender que as redes só rachan cando non somos quen de poñernos no lugar da outra, do seu sentir e do respecto a liberdade de ser e estar no mundo.

Aínda que o libro está pensado para lectoras e lectores a partir de dez anos, non estaría de máis que o lesen persoas adultas, especialmente as que traballan no eido da xustiza. A personaxe encarnada pola xuíza reflicte a sutileza e a humanidade precisas cando se traballa nun xulgado de violencia de xénero. A inutilidade da burocracia fronte a eficacia do escoitar. 

Tampouco esquece Eva Mejuto, a importancia de recoñecernos nas outras persoas, malia que as circunstancias sexan diversas e, nese recoñecernos vai esmorecendo a soidade.

Tiña un aspecto moi... diferente, divertido. Eu nunca vira un neno coas uñas pintadas de cores... (páx.60)

Debías pintalas ti tamén, axudan a ver a vida con outra luz, en serio. E a quen non lle guste, que non mire! (páx.64) 

O tempo interno da historia transcorre nun día, pero a través da súa lectura podemos imaxinar perfectamente os meses, os anos anteriores. Cheos de incertezas, de emocións e sentimentos encontrados das personaxes, cada unha delas desde o lugar que lle toca vivilos. A autora sitúanos nese cuarto, nese xulgado, gris, frío; até nas viaxes familiares que nalgún momento semellaron felices e cheas de ilusión, pero que agora, con todo o que está a vivir Xoana, adquiren outra perspectiva.

Por iso, instintivamente, desde crianzas, procuramos refuxios ante o incomprensible dunha dor innecesaria. A lectura, é a protagonista silenciosa que axuda a Xoana para escapar dunha realidade que intúe que non é boa, que algo non vai ben, pero tampouco sabe como enfrontalo. Neste caso, serán os mangas, en especial unha colección, ese lugar no que agocharse na procura do silencio. Pechando a porta ao que non queres, nin debes escoitar.

Neko é un libro necesario para as crianzas e para as persoas adultas. A autora, Eva Mejuto, consegue que como lectoras reflexionemos, mais sen sentirnos incómodas, ante unha historia na que o tema de fondo é doloroso e sacándonos mais dun sorriso. Porque até nas peores situacións, o humor pode ser unha apócema máxica se na súa composición non faltan o afecto e a xenerosidade.

 

Eva Mejuto, Neko, Ed. OQUELEO. Obradoiro Santillana, 2021

Comentarios