VIII Día das Galegas nas Letras. Uxía Casal

 

Foto.- Eduardo Castro Bal

Xenio e enxeño

Poucas son as veces que os sistemas literarios dixiren con facilidade as disidentes. Como Saturno, procuran devoralas antes de que os seus froitos poidan multiplicarse en relatos novos doutros mundos, pechan portas, dificultan os espazos. Cómpre, para as de vidas singulares, recorrer ao xenio para manterse en pé durante as longas travesías antes de transformarse en terroríficas gaivotas que perseguirán a mente dos que quixeron nalgún momento atalas.

O xenio destas disidentes dá medo ao patriarcado. Percorren camiños pouco transitados onde o enxeño é fundamental: o relato curto, a ciencia ficción, os misterios protagonizados por mozas agudas e diversas.

Coa súa ollada singular, provocan sedes dun mundo novo onde o xenio e o enxeño deixen de conxugarse no masculino, onde a pericia dunha escrita demorada e brillante vaia deixando pingas de devezo nas súas lectoras e noutras escritoras. A súa capacidade de observar e describir dun xeito tan natural como desnaturalizante a realidade pon diante da sociedade un espello no que atopar resolucións sorprendentes para as tramas e para as vidas.

Porque as xenias non teñen por que ser agradables, os seus relatos poden aterrar e desacougar durante décadas co buril afiado de quen ve aquilo que fica oculto a plena luz. O seu enxeño é, máis ben, o de dar xenio. E aí sen dúbida unha voz destaca agochada no murmurio co clamor de quen domina as ferramentas para entrar nos nosos máis profundos pensamentos. Así, singular entre as voces, celebramos a nosa señora das letras 2021: Uxía Casal.

Comentarios