A memoria dos paxaros, por Eli Ríos


 

A aparición dun mozo inconsciente nunha reserva de aves a noite do Samaín coincide cunha serie de fenómenos estraños que se empezan a dar na vila1. E eses fenómenos estraños poñen de relevo unha problemática maior: a perda da memoria.




"Tan potente como para nós a memoria"2 é o patrimonio cultural que se transmite de xeración en xeración e que cingue esa memoria individual e a colectiva. Non hai patrimonio que acubille unha identidade cultural se olvidamos os feitos que aconteceron nun territorio, a lingua coa que se comunican as persoas, os ritos e ceremonias de noso, as festas, a música, as danzas, etc

De todo isto fálanos esta novela de Teresa González Costa, A memoria dos paxaros, desa perda dos nomes dos paxaros como símbolo e imaxe potentísima do esquecemento dun legado cultural.



A avoa lémbralles ás persoas do pobo que "Os nosos devanceiros vivían en harmonía con este lugar"(páx. 177) porque se algo caracteriza a identidade cultural é ese carácter anónimo e colectivo, pero será o empresario, que quere construír un complexo turístico, quen lle retruque que o respecto polo lugar, polos costumes e polas pedras sagradas "son supersticións que impiden que a xente consiga os seus propósitos"(páx 177). Nun tempo en que todo é mercadoría e o seu coidado depende do seu valor comercial, perder a memoria, non saber nomear os paxaros ou esquecer o Con da Gaivota e o Con da Corva conleva o borrado da memoria colectiva, o non recoñecemento do pasado e o olvido dos referentes simbólicos en que asenta o futuro de calquera comunidade. Asi, cando un petroleiro ameaza a costa co seu verquido de chapapote e o empresario propón a compra dos terreos comunais a un baixo prezo, é cando o colectivo, cando as mulleres buscan as solucións no saber ancestral e nas aprendizaxes transmitidas oralmente para evitar a catástrofe. Elas como transmisoras dos coñecementos históricos e culturais, como xestoras dos recursos e como promotoras da biodiversidade. 

Destruír un patrimonio e romper a relación coa natureza ou coa contorna desauga nese perigo que menciona Ilena na imaxe anterior: "Cando podrezan as uvas nas viñas ou cando non teñades auga coa que vos lavar" (páx. 177) e as mulleres afoutas desta novela non están dispostas a iso. Desde a reivindicación dos territorios comunais, o comercio local ata o mantemento dos espazos que permiten a cría das aves (e con este as relacións co tempo, co que nos queren dicir, etc), a xestión dos recursos propios frente as imposicións foráneas é unha loita que conxuga a tradición transmitida polas mulleres máis maiores da vila coa recolla destas pola xente máis nova, coma Celeste, para chegar a facer un uso responsable e sostible no futuro. E esta conxunción axunta na transmisión natural do coñecemento:


̶ Agora contareiche eu o final da historia, mamá.

̶ Escoito atentemente.3


Escoitemos, pois, atentamente a historia dos paxaros que nos falan da nosa memoria colectiva.


Teresa González Costa, A memoria dos paxaros, Xerais, 2020



1Texto da contracapa

2páx.26

3páx. 215

Comentarios