Relendo outro clásico: The Little Foxes (1941) ou unha raposa entre raposos, por Paula Bouzas

 


Cando se trata das grandes producións do Hollywood clásico, adoitan mencionarse nomes de directores como D. W. Griffith, King Vidor, Vincent Minelli, William Wyler ou Howard Hawks. O que se ignora a miúdo é que algunhas das súas películas, rodadas entre os anos 20 e 50, teñen como guionistas a mulleres. É o caso dunha das obras máis coñecidas e valoradas de Wyler, un clásico que animo a revisitar (ou a visitar por vez primeira): The Little Foxes (1941). 

A película está baseada na peza teatral do mesmo título, escrita por Lillian Hellman (dramaturga e activista política), que elaborará tamén o guión para a película. No reparto, destaca especialmente a súa protagonista, unha grandísima Bette Davis. Tan potente foi a súa interpretación, que a película quedará vencellada para sempre á imaxe da súa personaxe, unha muller rica e ambiciosa, que abandona todo escrúpulo para imporse ao seu home e aos seus irmán, e potenciais socios, ante a posibilidade dun negocio millonario. A tradución desta película ao español foi, de feito, La loba. Pero propoño que nos esquezamos desta premisa (que o título en español non fai máis ca ratificar) e (re)descubramos unha historia que vai moito máis alá. 

A acción desenvólvese nunha comunidade sureña dos Estados Unidos en torno a 1900 e parte da pretensión dunha familia xa moi acomodada por aumentar aínda máis a súa fortuna investindo nunha fábrica algodoeira. Trátase de dous irmáns, Benjamin e Oscar Hubbard, e da súa irmá, Regina Giddens, que ao contrario ca eles non tivera acceso á herdanza e atopara no matrimonio a única opción de manter o seu estatus. Agora os dous irmáns precisan de Regina para acceder aos cartos de Giddens, o seu home, unha persoa con certa consciencia social que rexeita o proxecto polas nefastas consecuencias socioeconómicas que suporá para a comunidade. Os tres irmáns actuarán guiados pola codicia e o egoísmo, sen o menor respecto polo seu entorno, mais haberá unha diferenza: os actos de Benjamin e Oscar son grupais, ampáranse na conspiración, na clase, e comportan elevadas doses de hipocrisía e autoengano, mentres que os actos cometidos por Regina serán individuais e autoconscientes. Pregúntome se será por iso que nas lecturas dominantes as accións dos primeiros parezan minimizarse, mentres que só as accións de Regina resultan abominables. Ou quizais se deba isto a que se trata dunha muller e que, finalmente, acaba conseguindo o que quere. Sexa como for, parece que na lectura imperante, ao final, só ela será considerada merecedora do calificativo ao que fai referencia o título orixinal. 

Esta lectura, lamentablemente, eclipsa unha profunda crítica á sociedade capitalista, no seu conxunto e na súa complexidade, representada polos tres membros da familia Hubbard. Neste sentido, podería destacar brevemente algún detalles do guión, como, por exemplo, que un dos irmáns desempeñe un cargo público, mercadee con bens comúns, como auga ou enerxía, e prometa man de obra barata para conseguir un trato que o beneficiará. Pero, ademais, eclipsa unha visión crítica da sociedade patriarcal e a desigualdade de xénero. De feito, un dos aspectos máis interesantes do guión é a introdución de voces femininas diversas e interesantes que tematizan, dunha ou doutra maneria, esta problemática. A mesma Regina reflexiona sobre as súas circunstancias, menciona como quedara fóra da herdanza por ser muller e como recorrera ao matrimonio como saída, todo iso como acre reacción ao ver reducida a súa asignación por parte do seu home como castigo (a un acto cometido, por certo, polos seus irmáns, non por ela). A resposta final de Regina será egoísta e implacable, certo, pero intégrase nun contexto que, sen ben non a xustifica, tampouco se pode pasar por alto. O seu contrapunto no relato está representado pola súa cuñada Birdie (Patricia Collinge), a muller de Oscar, que ao contrario de Regina, é unha persoa amable e empática. O que Birdie recibe a cambio é o maltrato por parte do seu home, o desprezo por parte do seu fillo e a condescendencia por parte do resto, un entorno que preferirá mirar cara ao outro lado ante o seu problema de alcoholismo. Unha Birdie lúcida e autoconsciente protagonizará unha das escenas máis significativas da película, onde de novo reflexiona sobre o papel que se lle asignou por ser muller, favorecendo a evolución dunha terceira figura feminina: a filla de Regina, Alexandra (Teresa Wright). Esta personaxe será a que experimente unha maior evolución. A que comeza sendo a filla perfecta, a rapaza cándida e superficial que espera instrucións sobre o que dicir e o que pensar, desenvolverá o seu afán de independencia e rexeitará asumir a ignorancia e a pasividade que se agardan dela. Non será unicamente Birdie a que sirva de catalizador desta evolución, senón tamén a relación que Alexandra mantén co seu pai e co seu amigo David, do que está namorada. A relación co seu pai caracterízase polo cariño mutuo, mais tamén polos intentos do proxenitor de que actúe e pense por si mesma. Pola súa banda, a actitude de David, que sen confesarllo abertamente comparte os seus sentimentos, non está baseada en modelos do cortexo que agochan no fondo fortes dinámicas de dominación. Hai breves momentos no guión, novamente detalles, que revelan un intento moi consciente da autora por afastarse destes modelos e mostrar un tipo de interacción diferente: el non emprega os eufemismos esperados cando está con ela, non se dirixe a ela con afagos e non agarda que ela necesite axuda cada vez que emprende calquera actividade física. Aínda que se pode percibir tamén certo paternalismo, a verdade é que se trata de interaccións baseadas no reto, que impulsan dinámicas relacionais menos convencionais, bastante gratificantes. 

E, para rematar, quixera destacar o traballo de Jessica Grayson, que interpreta a criada negra dos Giddens, personaxe que, nas súas contribucións, introduce unha profunda carga crítica: “Hai persoas que devoran a terra e mais a xente que nela vive, e tamén hai persoas que se quedan paradas mirando como o fan”. 

Trátase, en fin, dunha obra complexa, que convida a observar criticamente o comportamento dunha clase social e as súas consecuencias, tendo en conta ademais as fortes diferenzas de xénero existentes dentro desta. 


The Little Foxes (1941) 

Comentarios