Eu tamén quero aprender, por Andrea Barreira

Ilustración de Rebecca Green


De nena, todos os veráns, corría ao formigueiro do xardín a esfaragullar unha galleta e pasaba o tempo vendo como as formigas carrexaban o doce. Teño certa querenza estraña polos bechiños. E polos paxaros, por non centrarme nos animais que pasaron polas casas que habitei, aos que nunca nunca xamais serei quen de esquecer.


Non merquei o libro Cómo ser una buena criatura de Sy Montgomery polo meu cariño aos animais, pero ben podería, porque é imposible que che cause indiferenza se che gustan, aínda que sexa un pouquiño nada máis. Tampouco pola marabillosa portada de Rebecca Green, que fai que os ollos se vaian a esas tapas duras como se foran as dun cofre do tesouro. Detéñome aquí porque ben merece unha mención especial estes coidados debuxos. Hai quen asocia esta portada a un libro infantil, ou xuvenil. Está ben, pois neste libro fálase da vida, de como cambia e medra, de como se transforma ao convivir cos animais, axúdache a crecer e, ao mesmo tempo, a pasar un momento entretido, como un bo libro de LIX. Así, en cada capítulo hai un debuxo do animal do que se fala, unha ilustración divertida, fermosa, cos trazos marcados, acompañada por unha cita do texto, como por exemplo:



Nos enseñó a amar. A disfrutar de lo que la vida nos da. Incluso cuando son desperdicios”. (páx. 68)



Fala de Christopher Hogwood, un porquiño que chegou nun moi mal momento vital para facer feliz a esa familia e para unir á veciñanza ao redor do seu coidado. Pero non é un libro infantil. Definiríao máis ben como un libro para lembrarnos, ás persoas adultas, todo o que nos quedar por aprender, camiñar e que non deberiamos esquecer que nós tamén somos criaturas que forman parte da natureza. A propia Montgomery recoñécese como parte da natureza, vínculo que reforza en cada viaxe que fai por todo o mundo, un mundo cheo de animais apaixonantes que se transforman en seres tan próximos que forman parte de se propia.


Pero xa me disperso. Estaba contándovos por que lin este libro. Descubrín á naturalista estadounidense Sy Montgomery a través da lectura de El embrujo del tigre. Un libro emocionante que nos leva ás terras dos tigres devoradores de persoas. A escrita de Montgomery envólvete de tal xeito que, sen decatarte, estás nas terras das que fala. Non son só os animais que describen ou os seus hábitats os que enfeitizan. É ela, co seu xeito de contar o mundo, quen ten enmeigalla sen que te decates. Cunha escrita sincera explica todos os periplos para ser quen de ver e estudar a estes grandes felinos.


Despois de tal experiencia lectora, cando vin Cómo ser una buena criatura, non tiven máis opción que levalo comigo. E non me decepcionou. 


Cada capítulo está adicado a unha criatura, a un animal que marcou dalgún xeito á autora e á súa vida. Con coidado, pero de xeito directo sen ocultar nada, nárranos como se crearon os vínculos animais e como, a partir deles, a súa concepción do entorno, da vida, do día a día, das relacións, de ela mesma… foron mudando. Entre as páxinas atoparedes cadelas e cans, un porco, un polbo, unha araña, un armiño, tres emús, dous canguros arbóreos. Atoparedes un modo de vida, atoparedes unha volta á natureza, un recoñecemento ao feito de que formamos parte dela.


Cómo ser una buena criatura é un libro intenso, cheo de momentos cruciais, desesperados …



Sabía que tenía síntomas graves de depresión. Alarmada, me dispuse a combatirla. Me obligué a engullir comida y agua. Tomaba vitaminas. Como antes, iba al gimnasio tres veces por semana. Pasaba tiempo fuera a diario para que me diera el sol. En un intento por estimular mi debilitado cerebro, compré cintas para aprender italiano mientras conducía. Nada servía”. (páx. 129) 



e tamén de momentos en apariencia insignificantes, como esta escena da súa infancia con Molly…



Sin embargo, así como mi madre valoraba la feminidad, yo veneraba la caninidad. Me fascinaban los poderes sobrenaturales de Molly: oía el coche del trabajo de mi padre mucho antes de que llegara a casa; olía una lata abierta de Ken-L Ration en cuanto mi madre la sacaba de la nevera; veía en la oscuridad. Me preguntaba si yo sería capaz de adquirir semejantes superpoderes”. (páxs. 30-31)



O libro amósanos tal e como é a vida, chea de momentos bos e malos que nos van construíndo como persoas e, como diría Montgomery, amosándonos como ser boas criaturas. Convídanos a vivir, empúrranos a convivir, pois fálanos dos animais como criaturas que nos axudan a sobrevivir. Non pasa desapercibida a súa labor de naturalista, pois é observadora, está atenta aos detalles (interiores e exteriores), e ademais logra coa súa escrita a que nós tamén sexamos así, a valorar ata as arañas, tan deostadas elas, que tanto medo dan… Medo aprendido, di a autora. Como tantos outros. 


Cunha escritura limpa, directa, cargada de poesía e cotiandade, Sy Montgomery remexe as nosas entrañas. Así, cando rematei a lectura, non puiden evitar lembrar a todas e cada unha das criaturas coas que me fun atopando na miña existencia. Foron aparecendo, como as fotografías coas que se pecha o libro, os recordos, as aprendizaxes, a alegría de coñecerse a tristeza das despedidas. Pechei o libro e, pensando en todos eses seres, sentinme máis chea e con ganas de seguir aprendendo como ser unha boa criatura.



Cómo ser una buena criatura, Montgomeri, Sy, errata naturae 2019

Comentarios