VII Día das Galegas nas Letras. Inma António. Manifesto.






A PALABRA NO ESCENARIO


Houbo e hai unha grande xenerosidade para nos levar á escena.

Resistirmos, porfiarmos, construírmos sobre ruínas.

Si. Mais non nos gusta asentar a vida no resistir, cómpre ir máis alá. Porfiarmos era/é preciso.


Construírmos sobre a ruína, construírmos a ruína. Así foi e así é para vivificarmos palabra. Para vivificarmos o xesto: a rebeldía. Para vivirmos.

Houbo e hai unha grande xenerosidade para dignificar a escena. Ela escribe. Desde a soidade do seu espazo, chanta no papel persoas de onte, de hoxe e de mañá: a humanidade que habita en cada ser.

Pénsalle a voz, os movementos, os desacougos, as alegrías.

Nacen espidas e ela ponlles roupa. Nácenlle no país das súas palabras, no seu laboratorio, cuarto propio íntimo. Nácenlle das palabras que dela nacen. Algunhas véñenlle herdadas, outras de cárceres de esquenzo.

Ela escribe e no seu corpo estoupan choros e gargalladas e flúe a tranquilidade necesaria, para ese pouso de serenidade. Todo o que lle importa vai entrar no papel.

Amazona, cabalga e sabe da brida necesaria para dirixir e dominar os cabalos: a apocalipse. Sabe da fame e do alimento do texto.

Houbo e hai unha grande xenerosidade para revirar a escena.

Ela é actriz.

Métese nas palabras e nos seus silencios, pénsaas, devóraas, expúlsaas. Habita en cada unha e alentan no xesto: a rebeldía. Dalle vida ás palabras coa voz, co silencio, co corpo, co movemento.

Hai tantos mundos no seu interior e ela desfacéndose dela, espíndose, habita todos eses mundos.

Non é maxia. É traballo digno. Traballo en escena.

Traballo, o seu que nos pertence, é para nosoutras. Para todas nós. Temos dereito ao seu traballo. Ela ten dereito ao seu traballo.

Houbo unha grande necesidade para vestir a escena. Ela deseña o escenario. O mundo que acolle as palabras que xa son grandes e abandonan a casa do texto. Traza no papel o vestiario. Píntao para ser cosido.

Ela é Dramaturga.

Resistiu. Porfiou/porfía. Constrúe. Ela fixo a pregunta: Que hai aí?

Nesa pregunta que o teatro propón habita a humanidade. Habita a rebeldía.

Que hai aí? Inma António.

Comentarios