Ultimamente cada
vez me irritan máis os debates ao redor do chamado poliamor como unha especie
de feira sexual e afectiva na que se practica de todo menos a xestión emocional
propia e allea. Para min, que levo toda a vida non sendo monógama, a revisión
de como establecemos os nosos afectos dun xeito policéntrico fica bastante lonxe
deste tipo de enfoques. O importante de vivir a vida fóra da monogamia é
precisamente poñer en cuestión o sistema cos actos de coidado do día a día, con
negarse a establecer certas categorizacións entre as persoas que integran a
nosa vida, con centrarse na intensidade das relacións, na súa profundidade, e
non na cantidade, ou na duración. O importante é crear mundos seguros nun mundo
que para nada o é con persoas que coidamos e apoiamos, tamén establecendo os
límites claros do que queremos e do que non. Un traballo que semella simple
mais que implica enfrontarse a un re-coñecemento constante, a observarnos e respectarnos.
A desbotar persoas da vida propia que introducen nela o tóxico, a dicir que non.
De todo isto fala
a serie This Close. Mais, como veremos, o que acabo de relatar non ten
nada que ver coa sinopse que podemos atopar en calquera guía de televisión. Sen
dúbida o primeiro do que nos falarán, como nos indica o titular de La
Vanguardia é de que é unha serie “escrita por dos sordos” e, por se non nos
quedaba clara a anomalía, incidirán en que “incluso” estivo nominada en Cannes
(como? Unha serie escrita por “xordos” pode estar nominada nun festival dese
calibre? Que vai ser o seguinte!!) e que en resumo o que tentan é “mostrar su
día a día” (de que outra cousa van falar dúas persoas xordas nunha serie?). O
que pasa no seu día a día é que “Kate y Michael, [...] además de confidencias
comparten tristemente una discapacidad: los dos son sordos”. Pois nada,
xa quedou todo claro!
Se non fose pola
indignación que me provocaron estas críticas, seguramente nin mencionaría
necesariamente que Kate e Michael son persoas xordas, aínda que por suposto
forma parte fundamental do seu relato poñer no centro non a súa “discapacidade”
senón o xeito en que as persoas que *s rodean e a sociedade en xeral percibe
quen son ou crea circunstancias que lles fan a vida bastante complicada, cando
non imposible. É este un feito que atopamos dende o relato familiar de cadaquén
(Kate coa súa mai que quería a filla “perfecta”, é dicir, oínte, e tenta por
todos os medios facela encaixar e Michael que provén dunha familia marcada polo
abandono paterno e o alcoholismo da súa mai interpretada por unha excepcional
Marlee Matlin) ata o día a día dos seus respectivos mundos laborais. Hai tantos
momentos onde a e o protagonista teñen que enfrontarse á violencia dunha
sociedade que quere asimilalos ou ignoralos que prefiro que cadaquén se achegue
ao seu relato cos ollos abertos e unha dose grande de autocrítica sobre o pouco
que reflexionamos sobre os mundos diversos das persoas xordas no noso día a
día.
Mais volvamos ao
principio. This Close, efectivamente, é a historia de Kate e Michael,
unha moza branca heterosexual do interior dos Estados Unidos e un rapaz branco
e homosexual con certa tendencia ás adiccións que se coñeceron nunha escola
especial e que agora viven en Los Angeles. Kate e Michael son tan inseparables
como complex*s na súa interacción. A serie é unha marabilla de guión e
actuación, un encadeamento de momentos hilarantes con outros estarrecedores, un
achegamento á burbulla de afecto que Kate e Michael crean, aos seus conflitos e
ao problemático que lles resulta ao resto de persoas da súa vida entender ese
vínculo inquebrantable baseado, precisamente, na creación dun espazo seguro
(que non simple) nun mundo hostil.
Había tempo que
non vía unha serie que me conmovese tanto, na que se nos puxese de diante o
moito que a sociedade monógama fai deste tipo de relacións unha anomalía que
debe ser “curada” (sempre no fondo hai a pregunta de se a relación entre Kate e
Michael é “normal”, por que é sempre máis importante ca as parellas dunha e
doutro, por que Kate sempre socorre a Michael e viceversa por riba de todas as
demais persoas). Esa incomprensión é para min a grande xordeira presente na
historia. Para alguén que se atopa a miúdo nese mesmo lugar e que non clasifica
a importancia das relacións por se me deito ou deixo de deitar coas persoas
implicadas, houbo tantos momentos nela que me fixeron vibrar que a volvería ver
vinte veces.
Nese contexto, o
feito de que Michael e Kate sexan persoas xordas non é máis ca unha
circunstancia rica e valiosa para calquera persoa ouvinte. Escoitar en silencio
as súas conversacións, comprobar as dificultades para vivir nun mundo onde case
ninguén fala a túa lingua, as imposicións novamente para ser “normal” (para
aprender a falar, levar audífonos sempre que sexa posible, para “finxir” que se
entende o falado cando non...). E, por suposto, para min como intérprete foi
marabilloso ver nunha serie non a visión surrealista de películas como aquela
infame protagonizada pola Kidman, senón o traballo real das compañeiras de
linguaxe de signos. A súa importancia, as súas relacións coas persoas coas que
traballan, as complicidades e conflitos.
Cada un dos
episodios desta serie de dúas breves temporadas é un auténtico tesouro, un
impulso para seguir creando mundos moito máis interesantes que aqueles que polo
xeral vemos na pantalla e que “mesmo” reciben premios e atención mediática ampla.
This Close, Shoshannah Stern e Josh Feldman
Os afectos inquebrantables, por María Reimóndez
Reviewed by segadoras
on
09:43:00
Rating:

Ningún comentario: