A boa ficción ten unha potencia teórica inconmensurable. Fronte ao discurso patriarcal das “novelas de tese”, a teoría literaria feminista ensínanos que as boas novelas son ferramentas para analizar a realidade, para producir prácticas diversas e para darnos ángulos de ataque novos. Sen dúbida, a potencia teórica de La casa del padre toca unha morea de puntos nos alicerces do patriarcado en xeral e no literario en particular.
A novela percorre
as voces de tres personaxes: Ismael, un escritor en horas baixas que se ve na
obriga de coidar do seu pai cando a súa mai ten que ser ingresada; Jasone, a
escritora que abandonou a súa vocación para dedicarse a revisar a obra do seu
home (Ismael) e Libe, a activista política lesbiana que tivo que emigrar a
Berlín para ser quen era, irmá de Ismael e amiga íntima de Jasone. A través
destas tres miradas, Karmele Jaio abre as fiestras dos cuartos cheos de couza
que, no público e no privado, en intersección, o patriarcado vai creando para
nosoutras.
O relato
percorre, coa certeza dunha gubia, a aparente comodidade que atopa cada personaxe
no seu papel dado, nos papeis nos que, aparentemente, foron caendo. Mais cando
cadaquén entra un chisco máis na análise do papel que desempeña, atopa a
estrutura completa da casa patriarcal. Ismael rebélase unha e outra vez contra
as mensaxes que lle sinalan, de forma máis activa ou máis implícita (como a
violación da moza en Pamplona), que a súa voz está deixando outras xordas, que
o seu papel hexemónico afoga a outras. Como parte desa hexemonía, ao longo do
libro Ismael prefire non escoitar, non ver o evidente, non asimilar, nin
sequera no momento máis extremo da novela. Ismael non dá recoñecido que escribe
non só porque Jasone renunciase á súa identidade creativa, senón porque pensa
ter potestade para narralo todo el. E non é así.
Jasone, tras os
anos de crianza, atopa por fin un espazo para reflexionar sobre si mesma. Algo
xa de seu significativo (é dicir, que ese espazo fose imposible anteriormente
mentres o pai das mesmas fillas tivese o luxo de pecharse nun cuarto e crear
grandes obras). A súa posición como “nova euskalduna”, como esposa, como
coidadora... foi creada dun xeito certeiro por parte dos homes que, nos espazos
de poder, non só non alentaron nunca os seus esforzos (como si alentaron os de
Ismael), senón que minaron a súa autoestima ata reducila ao papel de mera
copista. Ata que a pulsión da escrita abrolla coma unha rebeldía sen fin, coma
un cano roto que deita auga imparable cunha forza que arrasa todo ao seu paso.
Na intersección
entre Ismael e Jasone, a sombra de Libe, que tamén revisa as trampas do pasado,
as públicas e as privadas. O conflito de facerse cargo da familia coma un peso,
o silencio ante a súa compañeira a quen nunca leva a coñecer Euskadi, a fuxida
cara adiante...
É esta unha
novela na que a convulsión que provoca o privado maniféstase no público. Unha
novela que fala de mulleres que crean e homes que se cren creadores, de
violencias pequenas e grandes, de como as mulleres poñen as pedras e os homes
se fan os donos dos edificios, de por que as mulleres deixan de escribir e dos
lazos que a teoría nos axuda a ver, mais vividos palabra a palabra coa
intensidade nidia do interior das casas.
La casa del padre, Karmele Jaio (2020)
O interior das casas, por María Reimóndez
Reviewed by segadoras
on
10:22:00
Rating:

Ningún comentario: