Cando
estaba na libraría e abrín esta banda deseñada pola última páxina
o abraio foi descomunal: trinta e cinco referencias bibliográficas!
A curiosidade xa prendera... Como é posible incluír tantos datos
nun cómic? Iso sería lexible? Así que saiu do andel e veu comigo
para a casa. Tardei un chisco en collelo de novo e lelo. Que grande
erro! Como me arrepinto dese tempo perdido!
É
certo que o mellor desta novela gráfica non son os deseños, pero é
que o contido... O texto é para rir desde a primeira liña ata a
última, pero rir de chorar, eh? Desas veces que colles maniotas na
barriga e a túa familia te mira como se perderas todos os parafusos
de vez.
Banda
deseñada feminista? Sobre a historia cultural da vulva? Documentada
e con milleiros de datos técnicos? E a isto disque lle engades
humor? Pois aí está a chave, señoras!
El
fruto prohibido é un libro sobre o que pensaremo,s unha e outra
vez, moito despois de rematar a súa lectura. De forma humorística
reflecte a nosa sociedade patriarcal e o desexo dos homes de decidir
sobre os corpos e a sexualidade das mulleres invisibilizando,
interpretando, modificando ou censurando de tal maneira que se non
aparecesen as referencias bibliográficas ata poderiamos pensar que o
surrealismo se apropiou do racionalismo humano. Neste sentido, o
capítulo en que se fala da exhumación do cadaver da Raíña
Cristina de Suecia sorprendeume ata tal punto que aló fun comprobar
todas as referencias bibliográficas porque non me entraba na cabeza
tal nivel de tolemia colectiva. Claro! A estupefacción deixou paso a
un estado de rabia que aínda perdura.
E
o recurso do humor, de facer o relato ameno, a pesar da densidade
conceptual, consegue o seu obxectivo: que a mensaxe se fixe na nosa
memoria. O texto é o protagonista e ocupa, como vemos no exemplo,
cadros completos e, estes argumentos, fannos reflexionar, ao longo de
toda a obra, sobre a Historia, sobre ese discurso histórico en que
os homes usaron o seu poder, desde a relixión ou a ciencia, para
intervir o corpo das mulleres ou explicarnos que debiamos sentir e de
que maneira.
Nesta
obra tan divertida, a autora fai un percorrido desde o Exipto do
século V a.C, no que as mulleres honraban a deusa Bastet con danzas
que mostraban as súas vulvas, ata o século XXI e os tabús sobre a
menstruación pasando polo século XIX e as fábulas nas que o demo
era vencido só con mirar os xenitais das mulleres. Historias ás que
non daremos creto e iremos ao google para comprobar se son reais (a
da sonda Pioneer é o summum
do absurdo). Pedagogos, sexólogos, a Biblia, Freud, os conceptos
político-filosófico-sociolóxicos, etc, etc, etc, analízanse,
dunha maneira lúdica e aguda, para cuestionar a mirada patriarcal na
que asentan os estigmas, as represións e as exclusións e para que
nós, tamén, nos cuestionemos as bases desta sociedade. A ferramenta
que nos doa Liv Strömquist para cambialas é repensarnos desde o
humor. Non tardedes tanto coma min en abrir as páxinas desta obra.
Strömquist,
L., e tradución de Pagán, A.,
El fruto prohibido,
reservoir books, 2017
Comentarios
Publicar un comentario