Guía
d’A Sega para o cultivo da cultura en tempos de confinamento
Son
estes tempos de pensar en comunidade, de sachar, sementar e
compartir. Son tamén tempos de reclamar dignidade para quen cultiva,
mais tamén respecto para quen consome e responsabilidade a quen
regula. A fin de contas, no mundo da cultura galega, as que
producimos e as que consumimos estamos todas sachando na mesma leira.
Por iso agora máis que nunca é tempo de sacharmos xuntas.
Dende
A Sega queremos agradecer a todas as artistas que estes días ofrecen
acceso á cultura dende a súa vontade de construír comunidade nos
termos que elas mesmas deciden, polinizando de xeito salvaxe unha
terra que se viu de repente posta en barbeito. A súa contribución á
leira común axúdanos a pensar nas moitas persoas que nestes e
noutros momentos teñen un acceso complicado á cultura, sexa por
motivos económicos, xeográficos ou polo proceso de introdución
permanente de especies invasivas a través das canles maioritarias de
difusión da cultura (en particular, a RTVG -grazas #Defendeagalega
por seguir sachando!-). Cómpre entender estes xestos nun marco que
concibe a cultura non só como unha “industria”, senón como
elemento vital dos coidados. Non vaia ser que nos despistemos e
acabemos confundindo reclamar dereitos laborais con poñer granxas de
pitos.
Cultivar
nos balcóns, en pisos pequenos, en soidade, nas casas cheas de
violencia, naquelas que non teñen nin conexión dixital ou nas vidas
nos que os traballos das mulleres se multiplican, tanto fóra da casa
(pensemos que a maioría de persoal médico, de limpeza, dos
supermercados, dos mercados, do agro, as coidadoras de maiores, etc.
somos mulleres) como dentro, demostran que a cultura é tamén o
espazo do colectivo, do tanxible, do encontro e da presenza.
Lémbrannos que o dixital actúa só como complemento ou, nestes
casos, lánguido substituto do teatro, da lectura compartida, do
cinema.
Nestes
tempos máis que nunca, o traballo das entidades culturais e das
administracións precisa ofrecer a leira e axudar na sacha para que
na construción da comunidade non conte só a vontade senón os
dereitos laborais e o coidado que nós, as produtoras, tamén
merecemos. É por iso que dende A Sega desenvolvemos algunhas
recomendacións para que as sementes que agora botemos axuden a
seguir creando o vizoso campo colectivo que tanta falta nos fai como
país.
Para
as artistas:
-Únete,
somos máis fortes unidas. Non adoptes unha actitude pasiva, fai
propostas que pensen no colectivo non só no sentido laboral.
Considera que a cultura non é o único sector afectado, en todo o
que fagas ten en conta o comunitario e a xustiza social. Ser crítica
está moi ben, pero procura non machucar as outras. Mazar en quen
sementa, mesmo se o fai de xeito diferente a ti, non é unha
estratexia produtiva. Se cadra é máis produtivo centrar as críticas
en quen ten os cartos e o poder e non nas compañeiras que deciden
dar saída ao seu entendemento de comunidade do xeito que consideran
preciso.
-Sé
consciente de que podes facer intervencións en liña e cobralas á
xente que pode pagalas, establecendo diferentes categorías (xentes
sometidas a ERTES, autónomas sen ingresos, persoas no paro ou en
exclusión social) como fixo Alba
María co seu curso de regueifa en
liña.
-Apoia
outras artistas participando nas súas actividades en liña para
darlles visibilidade ás súas intervencións e axudalas nas
estratexias de márketing dixital.
Para
as entidades públicas:
-Garante
que todos os contidos que solicites a artistas nestes tempos sexan
remunerados igual que serían nun
encontro presencial. Unha cousa é que nós queiramos construír
comunidade e outra que iso se aproveite por parte das entidades
públicas para precarizar máis o noso contexto de traballo. Fai como
fixo o Salón do Libro Infantil e
Xuvenil de Pontevedra, que pasou todas
as súas actividades físicas, coas dificultades que iso entraña, a
virtuais con pagamento de todas as artistas implicadas.
-Fai
un plan de continxencia: analiza con que cartos contas, onde os vas
investir, que actividades podes programar que dean apoio ás
creadoras en traballo conxunto con elas.
Por exemplo, podes promover a publicación de libros electrónicos ou
música apoiando as editoras existentes e as libreiras. Unha acción
importante dos plans de continxencia é consultar coas librarías
locais (por exemplo, se es un Concello) se lles gustaría ter unha
plataforma de venda en liña para poder dar saída á venda de
contidos dixitais ou físicos. Estas adoitan ser investimentos
importantes que as librarías pequenas do país non teñen moita
capacidade de enfrontar. Abre unha vía de financiamento para elas,
así quedaralles para o futuro e estarán en mellor posición para
competir coas plataformas dixitais agora e despois.
-Intenta
investir en cuestións que ofrezan un futuro menos precario ao
colectivo de artistas con quen traballes. Por exemplo, ademais de
remunerar intervencións concretas como farías nun contexto físico
(por exemplo, se ese unha biblioteca, un club de lectura virtual),
intenta, sobre todo no caso das administracións de maior entidade,
ofrecer cursos non presenciais sobre temas que lles interesen a
colectivos de artistas concretos. Contratando a quen imparta o curso
e as persoas precisas para organizalo estarás creando traballo e
deixando a comunidade de creadoras en mellor situación (por exemplo,
cursos sobre xestión das industrias culturais, manexo de programas
concretos para crear pezas artísticas na rede, etc.). Acorda o
contido dos cursos sempre co número máis amplo de persoas que
integran o colectivo en concreto.
-Simplifica
e garante a transparencia do acceso aos fondos: procura financiar a
poboación que como administración tes máis próxima. Axudarás
tamén a fixar as artistas no teu territorio. Fai convocatorias con
requisitos sinxelos, concretos e telemáticos. Non distribúas nunca
cartos aleatoriamente.
-Promove
cos cartos dos que dispoñas por cousas que se cancelaron e non poden
retomarse alianzas entre aqueles sectores culturais afectados. Non
esquezas que a cultura non son só as
caras visibles, ofrece apoio a bedeis,
limpadoras, vendedoras de entradas, persoal técnico autónomo, xente
de redes e comunicación, deseño, músicas ambulantes, artesanía
local.
-Finalmente,
esta é unha pandemial mundial. Non esquezas promover traballos que
axuden a crear alianzas entre artistas e culturas, dende Galicia a
outros lugares, sobre todo os afectados por confinamentos. Agora máis
que nunca, deixa unha parte do teu orzamento dedicado ás traducións,
á organización de cursos virtuais ou encontros con persoas de fóra
dando traballo ás intérpretes galegas
(utilizando mecanismos de interpretación remota, do cal te poden
informar na AGPTI,
a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da
Interpretación). Permite que as artistas creen alianzas que
contrarresten as causas raíz da pandemia dun xeito transnacional.
-Pon
a disposición material se o consideras preciso, pedíndolle á xente
que pague.
-Únete
e fai propostas coas artistas, se sachamos todas xuntas iranos
mellor. Se queres compartir e promocionar obras, faino en sinerxía e
nas condicións que as propias autoras requiran.
-Se
traballas nun medio, aproveita para incrementar a programación
cultural. Nestes días de tanta sobrecarga informativa monotemática,
a xente precisa máis que nunca da cultura.
Para
as co-creadoras (público)
-Se
tes o luxo de seguir tendo traballo, asigna unha pequena cantidade
semanal a pagar por algún produto cultural galego ou subscríbete a
librarías coma a Lila de Lilith
para que poidan contar cun fondo para manter a súa actividade. Apoia
proxectos coma o da editora Urutau
que puxo de balde os seus libros na rede, mais pide que quen poida
pague por eles. Se ti que podes pagas, quen non pode seguirá tendo
acceso á cultura.
-Se
formas parte dalgunha asociación, es mestra, bibliotecaria, etc.,
planifica actividades que poidas remunerar con artistas galegas,
tanto para o confinamento como un plan de choque posterior (por
exemplo, que no curso que vén as escolas planifiquen máis
actividades de cultura galega ca nos cursos anteriores). Establece
obxectivos e prioridades, apoia a quen máis necesidade ten. Se cadra
neste momento é importante convidar aos centros sobre todo a aquelas
autoras, contacontos, teatreiras, cantantes e cineastas que non teñen
un traballo fixo adicional e priorizar aquelas que quedaron sen
ingresos. Por fortuna, en Galicia temos unha vizosa cantidade de
artistas e podemos utilizar este criterio sen perder ningún tipo de
calidade. Infórmate da situación de cadaquén cun trato próximo,
respectuoso e humano (é dicir, non chames ás nove da noite un
domingo ou te irrites se unha persoa non contesta ao teu correo en
dez minutos: as artistas non somos un Opencore, nin estas accións
poden entenderse como actos de caridade cara a nós. Sachamos todas
xuntas ou non sachamos!). Non esquezas as caras menos visibles que
comentamos antes: tamén teñen cousas que contar e ensinar e igual
precariedade.
-Se
non tes ingresos, se nesta crise traballas sen fin para manter os
servizos esenciais, se estás esgotada por ocuparte do coidado
doutras, se estás en situación de violencia de xénero ou pola túa
identidade de xénero ou orientación sexual, se padeces unha
enfermidade mental ou discapacidade, resumidamente, se estás nunha
situación na que a túa preocupación principal no confinamento non
é “que te aburres”, acude á cultura. Dinos que precisas ou
simplemente goza das películas do Novo
Cinema Galego, dos concertos de Najla
Shami, MJ ou de Éric
Dopazo, das versións tolas de Monti
Castiñeiras, da distribución en
aberto das series galegas no arquivo da TVG, de teatro liberado por
Teatro do Noroeste, Berrobambán ou
Chévere, das lecturas das primeiras
páxinas de autoras de Xerais,
dos festivais de poesía na rede Miña
casa, meu lar, Corona Ipsum, dos
festivais literarios coma os organizados dende Viva
Lugo e de todos os produtos culturais
en galego que se dispoñibilicen porque se alguén os merece
gratuítos, es ti.
#Nonnoscanceles Sacha!
Reviewed by segadoras
on
16:41:00
Rating:

Ningún comentario: