No
tienes ni idea de la importancia del tiempo en el que vives (páx.
222). Se esta reflexión xa é para darlle voltas un par de días,
nesta situación de confinamento en que nos encontramos, no momento
da escrita desta recensión, adquire un valor incalculábel. Así que
admito que a lectura deste libro ten un aquel de diacronía
sincrónica. Tranquilidade. Aínda este #euficonacasa non fixo
que perdese a cabeza por moito que Saussure se estea a remexer no seu
cadaleito. Abramos as nosas mentes porque para achegarnos a esta obra
imos precisar das interpretacións xeohistóricas e, así, poder
comprender a disposición lonxitudinal de todas as estruturas
espaciais que nos propón a autora ao longo de diversos tempos e, ao
mesmo tempo, a transversalidade das mesmas en cada época concreta.
Todo isto que está explicado de maneira moi complexa, Jeanette
Winterson cóntao, nesta novela, dunha maneira tan sinxela, divertida
e con razóns de tan pura lóxica que nos preguntaremos como é que
non se nos ocorrera antes. Si, incluso os parámetros que inventa!
Desta forma, é totalmente natural que Einstein sexa unha das
personaxes activas deste relato ou que compartamos espazo ficcional
co gato de Schrödinger ou o Papa Gregorio XIII en pleno século XXI.
Os conceptos de burato negro, velocidade da luz, atomización ou
alquimia enceréllanse nun mundo referencial de Star Trek, o
Rei León ou Regreso ao futuro para exemplificalos, para
atraparnos de cheo dentro desas estruturas sociais da historia e
definir as presentes. E todo isto nunha trama ben actual.
- Entonces le hablaré más claro. Creo que lo que está
ocurriendo con el Tiempo nos brinda una oportunidad única para
controlar el Tiempo. Seremos los que decidamos sobre la duración de
las estaciones. Si queremos que sea verano todo el año, lo
conseguiremos; si preferimos que nuestros enemigos vivan siempre en
invierno, lo harán. Si a la gente de algún país le falta Tiempo,
nosotros se lo venderemos obteniéndolo de gente que tiene Tiempo de
sobra. Pero el comercio global del Tiempo debe ser controlado por
Quanta.
- No se puede comerciar con el Tiempo- dijo sir Bertie.
- ¿Por qué no?- sonrió Regalia Mason- Comerciamos con todo lo
demás.1
A
protagonista, Silver, é orfa e vive coa súa tía en Tanglewreck nun
tempo en que se producen paradas no tempo, saltos ao pasado e ao
futuro, os días nunca teñen a mesma duración e, ademais, hai
Tornados de Tempo que levan as persoas a outras dimensións
temporais. E, neste comerciar con todo, a protagonista vai descubrir
a avaricia da súa tía, do estraño coleccionista de reloxos, Abel
Darkwater, ou de Regalia Manson que quere controlar e vender o tempo
desde a súa empresa estadounidense. Tamén encontra o contrario: a
amizade nos seres que viven baixo terra e que arranxan todo o que a
sociedade occidental denomina refugallo, ou o Café de Ora en que a
solidariedade é a clave.
Sen
facer moito spoiler, aínda
que sería imposible explicar todas as idas e vindas no tempo sen
facer unha paráfrase extensísima, a protagonista, Silver, é o
Gardián do Tempo. Xa. Ante esta oración sen concordancia de xénero,
eu sufrín o mesmo estrañamento ca vós, así que sentín a obriga
moral de achegarme (coas limitacións propias evidentes2)
ao orixinal.
A
visión política de partida do texto é unha escolla dos neutros
(coma o caso do exemplo), da flexión de xénero para determinadas
criaturas, etc, pero a intervención da traducción desde unha
perspectiva patriarcal e a imposición dese suposto masculino
xenérico ten unhas implicacións gravísimas. Á parte disto,
prodúcese tal desconcerto na persoa lectora ler como Silver se
refire a si mesma en masculino que hai momentos en que xa non se sabe
quen fala e quen non. E aquí regresamos ao Gardiá do Tempo: ao
longo de todo o texto fálase do Gardiá do Tempo como un reloxo,
pero na páxina 322, Silver afirma " ... y yo soy el Guardián
del Tiempo" A confusión terminolóxica, por esta
intencionalidade no uso do masculino para referirse a unha personaxe
feminina, dificulta a lectura ata puntos insostibles como o da páxina
146:
Así
que, se tedes as competencias, recoméndovos moito esta
distopía-espello da sociedade occidental-neoliberal, pero na súa
versión orixinal ou, en todo caso, nunha tradución que non
invisibilice as personaxes femininas porque merece moito a pena
observar a súa evolución espazo-temporal e lonxe de maniqueísmos.
Todas as dimensións das súas accións van conseguir engancharnos á
historia desde as primeiras páxinas e máis en tempos en que
comerciamos con todo.
Winterson J., El guardián
del tiempo, Montena 2007
1páx.
130
2E
aínda ben que a curiosidade, e as aulas de inglés do instituto, me
permitiron esta achega porque se o orixinal chega estar nunha lingua
na que non teño competencia ningunha como o chinés, hindi ou o sueco
non podería resolver esta cuestión. Nese caso, igual ata chegaba a
pensar que a autora non tiña moita idea do que era a coherencia na
flexión de xénero e que a narrativa non era unha das súas
habilidades. Ui! Vaia! Creo que é o momento de reler
o ensaio de Joanna Russ, Cómo acabar con la escritura de las
mujeres porque creo que comentaba algo ao respecto...
Comerciar con todo por Eli Ríos
Reviewed by segadoras
on
10:16:00
Rating:

Ningún comentario: