Cando se estreou Terminator
eu tiña 9 anos. A historia é agora ben coñecida: dende un futuro apocalíptico
(no 2029, xa pouco queda) envían ao pasado un robot cada vez máis indestrutible
para acabar co líder da resistencia humana tras tomaren as máquinas o control
(grazas á malvada rede de intelixencia artificial Skynet) en 1997 (glups!)
detonando unha bomba nuclear. O interesante do asunto é que, en realidade, para
eliminar o famoso líder do futuro, John Connor, a malvada intelixencia
artificial decide matar a súa mai. Mesmo con 9 anos, o revolucionario desta
idea non me debeu pasar desapercibido, porque a premisa da película recoñece a
importancia dunha muller na trama, algo bastante pouco frecuente (aínda que se
pensamos en Alien, tamén dirixida por James Cameron, algunha pista
podiamos ter). Aínda por riba, esta película desfacía algo que de pequena
sempre me resultou incomprensible: aquí a muller non pega berros e mira dende a
banda cando hai problemas. Pelexa, foxe, loita e ao final é ela quen gaña. É
ela, Sarah Connor, quen acaba co Terminator. O filme inicial ten dado para
moito, para facer unha crítica da masculinidade que complementa moi ben este
personaxe, pois o home que a acompaña representa os valores da empatía e a
tenrura dun xeito pouco frecuente na ciencia ficción. Ou ben, vendo a saga
completa, para interpretar o Terminator coma o patriarcado que sempre toma unha
nova forma. Mais iso sería máis adiante. Polo de agora estamos a mediados dos
oitenta e no centro dunha película súper taquillera atopamos de xeito
sorpresivo unha muller nada convencional.
A cousa puido
quedar aí, mais a miña obsesión con Terminator realmente comeza co Terminator
2, O xuízo final. É aí, en plena adolescencia (a estrea foi no ano 91),
cando a imaxe de Sarah Connor no manicomio facendo elevacións en barra cando
chega o Terminator provoca en min unha revolución visual absoluta. Na miña
mente adolescente, ela é a muller que quero ser. Racha coa imaxe da mai
abnegada, renega de ser simplemente o colector do heroe, bate na porta das
rebeldes, tolas e fortes, distánciase doutras producións pseudofeministas
posteriores que agora nos abafan (penso nos insoportables Anxos de Charlie
onde mesmo se nos queren vender corpos de mulleres coma fideos que dan patadas
en tacóns, é dicir, a manifestación retroprogre de ser “feminina e feminista”
máis agudizada). Sarah Connor era o antagónico diso. Unha muller encerrada por
tola (nin lánguida nin suicida), pero a máis corda de todas. Unha muller que se
prepara para a vida, que sabe que vai haber un enfrontamento crucial e que para
iso ten que estar o máis forte posible en todos os sentidos. Unha muller,
ademais (e adianto spoiler) que non morre nunca. Na trama da ficción adoito
as mais ou as heroínas deben perder a vida polo fillo. Non aquí.
A partir dese
momento, non puiden separarme xa de Terminator. Ademais de deixarme
sorprender pola nova versión da máquina que cada secuela foi presentando ante
os nosos ollos, e aborrecida dalgunhas desviacións ao longo do tempo, o
interesante para min foi sempre entender e ver a Sarah Connor correr, loitar,
defenderse e esmagar, unha e outra vez, a ameaza masculina do Terminator.
Unha podería
pensar que co tempo a fórmula se esgotaría. De aí a importancia desta última
entrega, a máis revolucionaria de todas. Terminator. Dark Fate é para
min a culminación dunha proposta revolucionaria no entendemento da ciencia
ficción dende óptica feminista. Dende o principio, mete labazada tras labazada
ás expectativas patriarcais de calquera espectadora.
Para comezar, o
inicio é unha ruptura da trama que ten todo de declaración de intencións:
despois de evitar o chamado “día do xuízo final” (é dicir, o día en que as
máquinas se fan cargo da terra e destrúen a humanidade), Sarah e o seu fillo
John están felizmente na praia... ata que chega un Terminator orixinal (Schwarzenagger)
-despistado, cómpre aclarar- e mata o fillo. Pero entón para que serviron todas
as demais películas? Non consistía todo en salvar o pesado do fillo para ben da
humanidade? Pois aí quedaches, John querido. Está claro que o que se nos vai
presentar vai ser algo ben diferente, mais que?
O inicio é unha
peza fundamental do renacer da saga, máis feminista ca nunca, pois Sarah fica
desprovista do seu papel materno. É unha muller que tivo éxito no propósito
común malia o custo persoal. Ademais de deixar claro que o obxectivo nunca foi
salvar a John, senón evitar a holocausto humano, o traballo contra a visión de Sarah
como mai abnegada queda aquí culminado totalmente. Despois deste flashback, a
trama continúa nun presente máis próximo ao noso.
En México
(escenario, por certo, unha e outra vez repetido na saga e non de xeito
accidental como veremos, aínda que non se entende por que son actrices e
actores españois que representan as personaxes mexicanas), materialízanse unha
muller espida (clásico ben recoñecible para calquera que siga a saga) e, pouco
despois, un home espido. A muller, Grace, é novamente un corpo impoñente (o da
actriz canadense Mackenzie Davis). Lévalle unha cabeza a todo o resto de
personaxes, incluído Schwarzenagger. Como no resto da saga, o home é un Terminator
enviado para asasinar a Dani Ramos, unha operaria mexicana que será unha ameaza
para as máquinas (que, malia os esforzos de Sarah, volven ao seu) no futuro. Na
primeira escena trepidante que cada película ofrece, o Terminator novo entra na
fábrica transmutado no pai de Dani pero por fortuna Grace está aí para salvala.
Grace axiña explica que é unha humana mellorada, que o seu corpo foi sometido a
unha serie de intervencións que o fan moito máis forte, potente e resistente,
se ben esas melloras tamén teñen un custo, pois está calibrada para encontros
moi intensos pero breves coas máquinas, o cal fai que se “apague” cando estes
pasan e quede baleira de enerxía. Por iso cando están case en mans do Terminator,
só sobreviven grazas a outra muller que non podía ser máis que... Sarah Connor.
Unha Linda Hamilton de sesenta e catro anos dentro e fóra da pantalla, magnífica
e poderosa.
Sen desvelar
moito máis da trama, sen dúbida durante toda a película se percorren varios
aspectos de interese político. Dende a migración mexicana aos Estados Unidos (por
exemplo, o Terminator desta volta utiliza os mecanismos de control fronteirizo
para tentar matar a Grace, Dani e Sarah), a cuestión racial e, sobre todo, a
crítica da idea de que o heroe ten que ser un home, algo que se intúa, malia as
apariencias e como xa argumentei, en toda a saga. Igualmente presente están o
humor e as autorreferencias, que fan que esta película sexa un tapiz magnífico
de contidos (no noso caso non podemos esquecer a dobraxe ao galego que nos deu
a mítica frase “A rañala, raparigo”, tradución de “Hasta la vista, baby” do
orixinal en inglés).
A centralidade
feminina da saga fica desta volta indiscutible: as protagonistas absolutas son
as tres mulleres... e o vello Terminator, que ofrece unha alucinante reflexión
sobre a familia, a humanidade e o sentido da xustiza. Sen desvelar moito da
trama, o vello Terminator foi quen de establecer relacións que superan a
visión, por exemplo, sexual e tradicional da familia. Dalgún xeito materializa
a mítica frase final de Connor na segunda entrega cando dicía: “Se unha máquina,
un Terminator, pode aprender o valor da vida humana, se cadra nós tamén”.
Mais o relato son
elas nunha narrativa que se reescribe, precisamente, a través de Connor. Ela, a
mai torturada unha entrega tras outra, asume agora que Dani é unha nova versión
de si mesma. Ata que comprendemos que a persoa capaz de inculcar coraxe aos
seres humanos para recuperar o planeta non pode ser outra que... Dani. E por
ela tanto Grace coma Connor e o vello Terminator están dispostas a todo. O
heroe sae por fin da escena para que entre a sororidade.
E si, non podo
evitar o spoiler de esperanza: por suposto, ao final da película as
mulleres gañan. E saen da súa batalla máis preparadas para protexerse as unhas
ás outras, deixándonos coa idea de que se cadra esa é a lección máis importante
que pode transmitirnos a ficción.
Terminator. Dark Fate
Cando o heroe sae de escena, por María Reimóndez
Reviewed by segadoras
on
09:33:00
Rating:

Ningún comentario: