MANIFESTO.
A palabra no escenario
Houbo
e hai unha grande xenerosidade para nos levar á escena. Resistirmos,
porfiarmos, construírmos sobre ruínas. Si. Mais non nos gusta
asentar a vida no resistir, cómpre ir máis alá. Porfiarmos era/é
preciso. Construírmos sobre a ruína, construírmos a ruína. Así
foi e así é para vivificarmos palabra. Para vivificarmos o xesto: a
rebeldía. Para vivirmos.
Houbo
e hai unha grande xenerosidade para dignificar a escena. Ela escribe.
Desde a soidade do seu espazo, chanta no papel persoas de onte, de
hoxe e de mañá: a humanidade que habita en cada ser. Pénsalles a
voz, os movementos, os desacougos, as alegrías. Nacen espidas e ela
ponlles roupa. Nácenlle no país das súas palabras, no seu
laboratorio, cuarto propio íntimo. Nácenlle das palabras que dela
nacen. Algunhas véñenlle herdadas, outras de cárceres de esquenzo.
Ela escribe e no seu corpo estoupan choros e gargalladas e flúe a
tranquilidade necesaria, para ese pouso de serenidade. Todo o que lle
importa vai entrar no papel. Amazona, cabalga e sabe da brida
necesaria para dirixir e dominar os cabalos: a apocalipse. Sabe da
fame e do alimento do texto.
Houbo
e hai unha grande xenerosidade para revirar a escena. Ela é actriz.
Métese nas palabras e nos seus silencios, pénsaas, devóraas,
expúlsaas. Habita en cada unha e alentan no xesto: a rebeldía.
Dálle vida ás palabras coa voz, co silencio, co corpo, co
movemento. Hai tantos mundos no seu interior e ela desfacéndose
dela, espíndose, habita todos eses mundos. Non é maxia. É traballo
digno. Traballo en escena. Traballo, o seu que nos pertence, é para
nosoutras. Para todas nós. Temos dereito ao seu traballo. Ela ten
dereito ao seu traballo.
Houbo
unha gran necesidade para vestir a escena. Ela deseña o escenario. O
mundo que acolle as palabras que xa son grandes e abandonan a casa do
texto. Traza no papel o vestiario. Píntao para ser cosido.
Ela
é Dramaturga.
Resistiu.
Porfiou/porfía. Constrúe. Ela fixo a pregunta: Que hai aí?
Nesa
pregunta que o teatro propón habita a humanidade. Habita a rebeldía.
Que
hai aí?
INMA ANTÓNIO.
VII Día das Galegas nas Letras. INMA ANTÓNIO
Reviewed by segadoras
on
21:48:00
Rating:
Ningún comentario: