" Cada vez que se acenden, as luces do palco iluminan unha realidade secular: o patriarcado."1 Así comeza no prólogo, Xurxo Souto, este anecdotario sobre músicas galegas. Esta coidada edición xa deixa as estadas ben cimentadas antes de entrarlle ás páxinas: é unha colección de anécdotas, unha crónica ilustrada das músicas galegas que vai desde o tradicional até o rock and roll. E completa Laura Romero na presentación: "Neste libro ilustrado hai máis dunha trintena de mulleres referentes para calquera música hoxe en día. Todas supuxeron unha revolución na nosa escena musical"(páx. 7). Estamos, polo tanto, ante unha obra de divulgación que pretende visibilizar o papel das mulleres na música dunha maneira lúdica e atraente. Non encontraremos biografías cunha morea de datos, non. As autoras, Laura Romero e Iria Pedreira, poñen o foco de atención en aspectos vivenciais sen descoidar unhas breves notas biográficas que non fan senón esporear a nosa curiosidade para seguir sabendo sobre mulleres con traxectorias tan abraiantes como Maruxa das Cortellas, Finita Gay, Matilde Balseiro ou Áurea Rodriguez, entre outras moitas.
E o
patriarcado, que se nos mencionaba no principio, atravesa as vidas de
todas as músicas. Desde as roupas e aquel "Mirade! Un
gaiteiro vestido de muller!"2
que lle berraron a Eclíptica Órbita, desde as dificultades para ser
admitida nun grupo até as invisibilizacións ou as precariedades.
Pero non só, a sororidade tamén percorre os camiños con elas. Así,
o grupo Alén recorda como lles cederon o espazo para ensaiar e lles
prestaron parte do material para tocar na Casa Encantada de
Compostela, as Garotas da Ribeira contan como "beben dunha
cultura popular feminina, dándolle visibilidade e
internacionalizando unha maneira de estar no mundo"(páx
66). As sinerxias tamén son característica da produción das
músicas: moitas delas tocan en varios grupos, pero, tamén, destacan
as colaboracións entre compañeiras nun ámbito totalmente
masculinizado. E o seu traballo chega até nós grazas á memoria,
grazas ao boca a boca que rescata do esquecemento figuras que
marcaron unha nova forma de facer as cousas porque diso trata esta
recolla: das mulleres que abriron camiños. É certo que se nos queda
curta. Demasiado curta porque sabemos que Laura Romero ten feita unha
recolla moito máis ampla das músicas galegas. Pero, como primeiro
paso, é de agradecer esta escolla cun estilo agradábel na escrita
que se combina cunhas ilustracións nas que encontramos o complemento
perfecto para engadir un chisquiño máis de información.
Para
as profanas no tema resulta unha aventura cada liña e, para as que
saben algo máis, seguro que van encontrar algunha que outra sorpresa
ben interesante nestas páxinas. Este é un deses libros aos que
volver unha e outra vez e que, con certeza, achega ferramentas
necesarias para rematar coa invisibilización das músicas galegas.
Romero,
L. e Pedreira, I., Ferreñas Rock and Roll,
Baía Edicións, 2019
1páxina
9
2páx.
23
Por que non me soaba de nada? por Eli Ríos
Reviewed by segadoras
on
12:58:00
Rating:

Ningún comentario: