As dez
gatiñas viaxeiras, da autoría de Eva Mejuto (texto) e Víctor Rivas
(ilustración), é un álbum ilustrado para as primeiras lecturas,
pero non só. Nada máis abrir a primeira páxina descubrimos que
tanto o texto como as ilustracións buscan un público que goce da
lectura visual sen importar a idade. A quen lle gusten os contos, a
canción tradicional, as gatas, viaxar e, sobre todo, rir vai
encontrar neste volume a historia precisa. Esa que nos narra as
aventuras e desventuras de dez gatiñas moi aventureiras, inquedas e
algo rebuldeiras, pero, ás veces, tamén un chisquiño desastrosas.
Con
base na tradición oral, un conto con base acumulativa-neste caso de
resta-, esta brincadeira propónnos acompañar as dez gatiñas nunha
viaxe pola xeografía galega. Coas súas mochilas ás costas,
percorren os Canóns do Sil, Lugo, Ourense, Vigo, as illas de Ons,
Meis, o Mosteiro de Armenteira, o pazo de Lestrobe, San Simón,
Rande, Trives, etc Nestas situacións aparecen personaxes como
Gatalía de Castro ou Gatulio Verne e elementos propios da nosa
contorna como a bica, unha carballeira, un pazo, un río, a muralla
romana de Lugo, ... Esta viaxe, chea de ritmo, ofrece uns referentes de
proximidade que permiten coñecer o que temos máis preto, os lugares
que se poden visitar ou nos que desenvolven as persoas a súa vida
diaria porque se un libro resulta como conxunto (historia,
ilustración, estrutura, etc) non é necesario que os espazos de
referencia sexan, obrigatoriamente, indefinidos ou de coordenadas
xeográficas afastadas. Se un libro funciona, cónvértese, nese
momento, en universal. E, aquí, entran no xogo as emocións.
A
viaxe comeza e continúa coa desaparición das gatiñas, pouco a
pouco, pero fano en situacións cómicas. Xuntar a crueza da perda
coa comicidade é unha das grandes ferramentas que ofrece esta obra.
A estratexia necesaria para enfrontar situacións complexas que,
neste caso, rematan nun final esperanzador. O realismo social é a
clave na que traballa a autora coa esperanza de que a rapazada non
teña que vivir estas realidades, pero, no caso de que se dea, que
posúa as ferramentas necesarias para facerlles fronte. Transgedir as
normas do xogo, o da desaparición neste caso xa que sabemos que as
gatas teñen varias vidas, co humor lévanos, nesta obra, a ver a
historia que se conta desde outra perspectiva que, incluso, resulta
divertida e estimulante. A cada folla que pasamos queremos saber.
Intríganos como vai desaparecer a seguinte gatiña. Esa comicidade,
sen agresións nin violencias, alenta a trama. Ademais, as
ilustracións ofrécennos unha lectura visual con moito por descubrir
en cada páxina. Un outro relato que axunta ao desexo de continuar a
viaxe ata o final acompañando as felinas revoltosas.
Esta última páxina do
libro (e non fago spoiler ningún) achéganos, amais, unha profunda
reflexión. Aparecen os nomes dos lugares e das gatas protagonistas.
Nomes que non son denigrantes, que se refiren a quen realiza a acción
e que representan a individualidade de cada quen. Isto que pode
parecer unha curiosidade, resulta de grande importancia xa que as
femias-animais dos contos sempre quedan relegadas a un espazo
secundario na trama, teñen nomes ofensivos ou, directamente, nin se
mencionan (por que sabemos que o can de Heidy se chama Niebla e non
que nome ten a nai de Bambi?) ou aparecen como un colectivo sen
características propias. É moi de agradecer xa non só o conto en
si mesmo, senón tamén esta mudanza dos mundos referenciais que
constrúen, no seu conxunto, unha narración coa que nos divertiremos
moito e que nos ofrece perspectivas interesantes para a rapazada.
Aquí, descubriremos que as gatAs teñen moitas aventuras que vivir e
que están á nosa espera para contala e/ou cantala.
Mejuto, E. e Rivas, V., Dez
gatiñas viaxeiras, Xerais, 2019
As gatiñas viaxeiras por Eli Ríos
Reviewed by segadoras
on
19:24:00
Rating:

Ningún comentario: