Xela e eu medramos na mesma cidade e compartimos xeración. Coñezo a moitas persoas que foron amigas e coñecidas de Xela e todas as poetas que participan neste acto frecuentaron a Xela. Porén, Xela e eu nunca fomos amigas o que me levou a preguntarme por que estou eu hoxe aquí. Pois ben, lembro que Xela e eu só nos encontramos unha vez, na antesala dun recital no que ela participaba. Alí, tivemos unha breve conversa na que Xela manifestou o súa indignación pola escasa acollida que tivera o seu poemario “Darío a diario” adicado ao seu bebé de nome Darío.
Como daaquela eu non tiña fillos, non acababa de comprender totalmente a súa protesta. Pero, agora que son nai, dou moito en reflexionar sobre a ambigua valoración da maternidade, que pasa da mistificación cristiá da nai abnegada e sacrificada ao desprecio machista pola maternidade e que denigra, obxectiza e controla o corpo das mulleres e das súas crianzas, soméntedoos á violencia obstétrica, entre outras violencias.
Mais teño a impresión que, mesmo en ambientes filofeministas, o tema da maternidade, coa súa evidente dimensión corporal, hormonal e instintiva non está sendo suficientemente discutido e moi pouco reivindicado. A min paréceme que isto sexa debido a un comprensible medo a volver á gaiola da “natureza feminina” que tivo atrapadas as mulleres durante séculos. Naturalmente, falo da miña sensación subxectiva, e das miñas reflexións hoxe, como resultado de ter experimentado as mareas de estróxenos, oxitocinas e prolactinas que inundaron o meu cerebro nos últimos catro anos, mudando radical e definitivamente a miña interacción co mundo.
Hoxe Xela non está aquí para darme a súa opinión pero penso que non é imprescindible poñernos a falar de feminismo agora, porque eu xa sei cal vai ser a miña función esta tarde neste acto. Eu estou aquí porque me manda Xela, para que lle recite os poemas de “Darío a diario”, para reivindica-los, para facérvolos amar e para comprendermos que, como ela xa ben sabía, non son poemas menores, “cousiñas de femias”. Son poemas grandes, importantes, universais. Dito coas palabras de Xela:
“Tódalas nais son eu e todas, coma min, saben que es único.”
En memoria de Xela Arias, femia con cría, coma min.
PONTE
O meu cachorro
é leve como o sol de Outono,
cheira a escuma,
sabe a chuchamel
e ten pel de seixo.
Abrazoo e florezo
por dentro,
latexo
abrindo dedos como pétalos
para recoller o cachorro
meu en min.
Entón,
mamamos,
pulsando con remotos tambores,
mergullando por boscos de soños ocos,
escorregando nun río de leite,
antiguo, fondo e maior.
Logo,
misturamos os alentos
nunha mesma branda praia,
ondas grosas, lentas e mestas
que abrazan ondas pequeniñas de vidro
a brincar e repenicar.
E paseniño,
imos acougando,
quedos e silentes,
esvarando a modo
nun burato branco e sen tempo.
Finalmente,
cachorro e eu durmimos
acubillados nun sono luminoso e morno,
e velaí,
unha femia con cría,
sen outro nome, lugar ou canción
que esta aberta, poderosa claridade
acochada no burato mol
da cunca do peito.
Cachorro. Unha achega a Darío a diario, por Cristal Méndez Queizán
Reviewed by segadoras
on
20:35:00
Rating:

Ningún comentario: