Enfróntome á primeira
lectura do poemario Linguaxes Dixitais (Ed. Urutau, 2018), de
Clara Vidal, esperando – polo título - unha sorte de imaxinario
tecnolóxico, se cadra unha distopía futurista. Atopo, logo de
varias lecturas, un poemario que nos interpela a moi distintos
niveis, todos sensoriais, un poemario que redescobre moitas cousas
que sempre estiveron aí, máis analóxicas que tecnolóxicas; máis
orgánicas que futuristas.
Se tivese que resumilo
nun só concepto, Linguaxes Dixitais é sede: unha sede
inmensa de todo, unha vontade da voz poética de se empapar de todo o
que flúe na súa contorna, e de facelo precisamente a través do
tacto. Daí a importancia do díxito como marca identitaria deste
suxeito poético curioso, que se inserta no vivido como as mans no
pan sen fornear, mais tamén o díxito como xeito de interrogar e
interactuar co mundo.
Isto lévanos
directamente á primeira parte do poemario: linguaxe corporal. Unha
parte que comeza cun “fozabas en min a lingua” que presenta unha
clara escrita desde o corpo. Asegura a crítica Nora Catelli que
desta escrita desde o corpo xorde a intimidade, comprendendo o corpo
como o lugar máis íntimo pola súa intransferibilidade. Así, Clara
Vidal vai trasladándonos, co corpo e coa lingua, a instantes tan
punzantes como instransferíbeis.
A lingua aparece neste
poemario como sinónimo de vida, e a vida como orixinaria da terra;
deste xeito esta linguaxe corporal ofrece a poesía como unha
gastronomía: un xeito de beber os versos, de encarnalos (e tamén
aí, nese acto de canibalismo sensíbel, a erótica, presente ao
longo de todo o texto).
Polo tanto, o dixital
aparece como un xeito de elevar o verbo vivir, de facelo máis
intenso, de permear en todo, e a lingua como unha potencialidade que
converte os instantes que describe en verbos reflexivos. Así, todo
se devora.
A segunda parte do
poemario, linguaxe musical, alude á outra cara da moeda dese díxito:
fronte ao banquete da linguaxe corporal, o intanxíbel que representa
a música.
Traio a colación dúas
citas moi diversas que se me viñeron á cabeza lendo esta linguaxe
musical. Tan diversas como contemporáneas nas súas temáticas.
Unha, da filósofa estadounidense Martha Nussbaum que, na súa ética
das emocións, asegura que na música está todo: a humanidade
básica, o pensamento crítico, o emocional (fundamental para a
teórica)... e que ademais é universal e consegue conectarnos a
todxs nese coñecemento compartido, mesmo máis que o resto de artes.
A outra cita, do músico indie Joe Crepúsculo, que asegura en La
canción de nuestra vida: “la música es tan frágil / que los
recuerdos se quedan impregnados para siempre / vamos a bailar”.
Non sei se será a música
ou nós xs fráxiles, pero non cabe dúbida de que existe unha
relación intrínseca entre ela e os recordos: eses intres que pasan
coa rapidez da luz teñen tamén unha querenza por ficaren
impregnados nas melodías, como con apego. E tamén con apego, a voz
poética de Linguaxes Dixitais fala deses acordes que quedan
para sempre, como trabas no corpo. Porque ao final, di, “todas as
pezas rematan”. Pero coa precisión do aguillón, Linguaxes
Dixitais permítenos recuperar algo diso que co tempo se vai
borrando da memoria, eses instantes que se constrúen tamén nas
ausencias e nas omisións, nunha peza ecléctica e engaiolante.
Finalmente, o poemario
consegue reconciliar esa disección entre o instante e o que queda do
instante: o que queda no corpo e o que queda nos fondos. E todo coa
polisemia elegante de Clara Vidal, como tamén resalta Emma Pedreira
nas lapelas deste libro, que consegue de novo con ese aguillón
afiado e preciso tatuarnos a marca da experiencia para termos tamén
o privilexio de non perdela nunca. Para recordarnos tamén a nós
coñecendo o mundo co limiar das mans. Así, como lemos este libro.
Ás apalpadelas.
Vidal, Clara, Linguaxes Dixitais (Ed. Urutau, 2018)
Sinfonía das apalpadelas por Arancha Rodríguez
Reviewed by segadoras
on
09:10:00
Rating:

Ningún comentario: