O futuro pasa por nosoutras por Eli Ríos

(páx. 26)

Hai agasallos que chegan como océanos roleiros. E producen a mesma fascinación das augas bravas! Regueifa en Bergantiños de Alba María Rodríguez é un libro de investigación, si, deses de moreas de datos e reflexións profundas que, neste momento, me apetecían ben pouco. Só pensar en concentrarme en frases académicas complicadas e complexas, xerábame unha preguiza de dimensións épicas. Aínda así, a curiosidade xa aguilloara... que razón tiña a persoa que mo trouxo para escoller este e non outro? por que a regueifa e non un libro de poemas ou unha novela? que sabe que eu non sei? E, así, sen querelo cheguei ao punto final e un " xaaaa?!" deu na chave deste estudio. Fíxoseme curto, moi curto, quedei con ese sabor no padal do texto que les dunha sentada porque o equilibrio entre o académico e o divulgativo levoume páxina tras páxinas sen que me decatase.
O que nun principio parece a análise de dúas figuras, Celestrino de Leduzo e Calviño de Tallo, convértese nunha clara reivindicación centrada en dous puntos: un estado da cuestión e o relevo xeracional.



"A carencia de tradición de estudos relacionados coa improvisación Galiza é un feito constatable".(páx. 29)

A autora, seguindo a liña da colección Chave Mestra, nunha loita contra a desmemoria e de posta en valor do tradicional, achega un estudio da xeografía da regueifa, as primeiras manifestacións, a orixe do termo, o proceso de profesionalización, etc, pero sempre desde o papel social da improvisación. O valor da palabra como parte de toda a vida. Así, sorprendémonos reflexionando sobre a importancia do trigo, o centeo e o millo en relación coa regueifa ou sobre o que supuxo a chegada da electricidade para as representacións. Ou, incluso, dos roles de xénero.

             

"Dos anos que veñen agardo a consolidación dunha conciencia feminista nunha manifestación que vén sendo profundamente machista, novas estradas de cara á profesionalización real da arte improvisada; a valorización, na fin, da improvisación oral como arma cargada de futuro para este país". (páx. 17)

E o futuro asenta nas compañeiras que, antes ca nós, mantiveron as nosas manifestacións culturais vivas. Ao longo deste estudio, amplo e ben documentado, imos seguindo as pistas das mulleres regueifeiras nas esfolladas, nos lavadoiros, nas festas, nos grupos de principios de século, etc, ata que o franquismo coloca na esfera pública aos homes " mentres, no ámbito privado, as mulleres continúan improvisando nas casas, nas fontes, nas fiadas e tamén cos seus fillos e fillas" (páx. 54).

           

" Na gravación, da que ofrecemos uns fragmentos no disco que acompaña este libro, improvisan xunto co anfitrión Josefa de Vigo, apodada Josefa da Xastra (Coristanco), e máis Bardanca, regueifeiro ocasional..." (páx. 63)


A visibilización, na súa propia voz, de Josefa de Vigo e a reivindicación das mulleres regueifeiras como protagonistas da historia neste libro sonoro, diverso que nos ofrece unha escolma ben contextualizada. Chegamos a ela, na parte final, xa coas estadas ben firmes para comprender, en toda a súa amplitude, o traballo de Dorothé Schubart e as palabras, reveladoras, da autora cando fala sobre Lupe Blanco e do futuro da regueifa:

                 

" Canda ela, outras moitas mulleres improvisadoras de Galiza conquistamos os espazos públicos e mostramos por todo o país que existe un futuro e pasa por nosoutras". (páx. 76)


Traballo necesario, atraente e moi ameno, de Alba María Rodríguez que nos vai espertar moitas curiosidades e facer que lle deamos unha volta á vitalidade das diferentes formas de repente porque "unha das primeiras batallas que debe gañar a improvisación oral galega é lograr difusión"(páx 16).

Hai agasallos que chegan como océanos roleiros e producen unha intensa fascinación. Este é un deles.

Rodríguez, A. M., Regueifa en Bergantiños, aCentral Folque, 2017.

Comentarios