Construír esta recensión
non foi tarefa fácil. Porque non o foi reconstruír a lectura, como
supoño que á autora non llo resultou reconstruír os feitos. É
algo que nunca saberei, claro, pero que Alexandria Marzano-Lesnevich
consegue facerme crer malia a súa escrita case aséptica, de informe
criminal. Hai pequenas cousas (a descrición do alento do avó tralas
comisuras rotas dos seus beizos, o calor case desértico de Iowa, os
lentes demasiado grandes para a cara finísima de Ricky) que nos fan
sentir que si, que isto é unha novela, non un informe policial. Que
nos ofrecen esa verdade, non unha verdade obxectiva, telegráfica,
senón a verdade da supervivente. Esa que case nunca se conta. E que
cando se conta, molesta. Se cadra por iso me custou tanto construír
esta recensión.
The Fact of a Body,
traducido por Flora Casas como “Nada más real que un cuerpo” na
edición de Libros del Asteroide, é o primeiro libro de Alexandria
Marzano-Lesnevich. Antes da súa publicación, en 2017, a autora era
máis ben coñecida pola súa profesión como avogada e doutora en
dereito. Foi precisamente un dos seus casos o que a levou a escribir
a ditosa novela que, contra todo prognóstico, gañou o Lambda
Literary Award e o Chautauqua Prize en 2018, malia ser escrita ante
todo – como afirma a propia autora – cunha vontade catárquica.
Partindo da revisión das
actas do xuízo de Ricky Langley, un pedófilo confeso acusado de
matar a un neno e abusar sexualmente de varios nos Estados Unidos, a
protagonista (a propia Marzano-Lesnevich) vai entrelazando a historia
de Langley e as súas vítimas cos seus recordos da infancia. Así, a
Luisiana dos 90, na que Ricky Langley matou a Jeremy Gillory e foi
finalmente apresado, vaise mesturando de xeito case natural coa Nova
Jersey dos 80, cunha familia de “clase media” e aparentemente
funcional e respectada, na que cada noite o avó sae silenciosamente
da cama para masturbarse fronte ás netas, primeiro, e para abusar
delas, despois, obrigándoas a gardar silencio. Unha delas,
Alexandria. A outra, a súa irmá.
Así, a medida que unha
Alexandria Marzano-Lesnevich xa adulta se obsesiona co caso de Ricky
Langley e percorre medio país en busca das probas que remitan á súa
historia, ela mesma vai rachando co mito das violacións por parte de
descoñecidos e lanzándonos á cara a crúa realidade de que a
meirande parte das violencias sexuais acontecen no ámbito da familia
ou da contorna máis próxima e, o que é aínda máis grave, baixo
unha atmosfera de silencio sepulcral. Así se forma unha maraña de
fendas: a historia de Ricky, dos seus abusos e tamén dos que el
recibiu por parte da súa familia, en paralelo coa decisión dos pais
de Alexandria de ignorar as agresións do avó ás súas fillas, e da
propia Alexandria de tentar vivir como se iso non tivese acontecido,
por unha presión moi para alén dos seus propios sentimentos de
humillación.
A familia, esa estrutura
inamovíbel, ese construto intocábel, esa fonte (tantas veces) de
violencia socialmente aceptada.
Por unha parte, hai unha
precisión brutal dos detalles na narración: non cabe dúbida de que
toda a información foi investigada minuciosamente. Por outra,
Alexandria Marzano-Lesnevich consegue non caer na descrición
morbosa, nin dos abusos, nin do asasinato. Prefire contar a
supervivencia, a recuperación, en ambas historias. Esa parte que os
textos patriarcais obsesionados coa romantización da violación como
elemento disruptivo prefiren non contarnos.
A autora constrúe unha
novela a cabalo entre o thriller, o terror psicolóxico e a novela de
memorias, na que parece rescatar a tradición estadounidense das
novelas-documento dos 60 (remítenos facilmente ao A sangue fría
de Truman Capote) pero coa sensibilidade narrativa e a ollada
perspicaz do Matar a un reiseñor de Harper Lee. Porque a
medida que avanza a novela, o que parecían as historias centrais (a
descuberta do asasinato, as distintas sentenzas polas que pasa Ricky,
o destino do avó de Alexandria) van perdendo forza en prol de
narrativas moito máis potentes e reflexivas: narrativas sobre as
cousas que decidimos non contar, narrativas sobre os discursos que
non deixamos que transcendan para continuar aleitando aqueles cos que
nos educaron, narrativas sobre o perdón.
Sobre como non hai respostas fáciles.
Sobre as paternidades e maternidades. Sobre a necesidade de perdoarse
a unha mesma por ter sido unha vítima, por contraditorio que pareza.
Sobre como sacar de todo ese desacougo
a relevancia de contar estas cousas, de non deixar que se oculten
máis.
Sobre como contándoas tamén curamos.
Sobre como curando nos facemos fortes.
Nada máis real. Nada máis necesario.
Nada más real que un
cuerpo. Un asesinato y unas memorias, Alexandra
Marzano-Lesnevich, tradución de Flora Casas, Libros del Asteroide,
2018.
Nada máis real, nada máis agochado por Arancha Rodríguez
Reviewed by segadoras
on
10:04:00
Rating:

Ningún comentario: