Pasar
as páxinas do Spleen
en catro tempos de
Arancha Nogueira é adentrarse nun mapa onde todos os puntos marcados
nos resultan familiares. Un mapa por onde todas as que nacemos entre
finais dos oitenta e principios dos noventa vagamos zombies, cansas e
ansiosas. Un espazo que creou como punto de encontro para o acougo e
o entendemento, para a empatía e a rede.
Un
discurso poético con pegadas dunha Lupe Gómez cando lemos as súas
vontades “de saír correndo polas rúas/ espida e vermellísima/
case igual que como nacín” e, como os de Lupe, versos directos,
desgarrados, reais, que doen por momentos e que, por outros, sacan un
sorriso. Un espello no que non sempre e cómodo verse, mais si
necesario.
Encontramos
aquí unha cidade escura e gris, unha Compostela na que vivimos de
aluguer, na que os corpos teñen cicatrices e nada teñen que ver cos
maniquís utópicos, na que xa non están as amigas de sempre porque
tiveron que emigrar e onde as que aquí ficamos imos dun lado para
outro en constante transición precaria. Nogueira mostra sen filtros
de Instagram a crúa realidade da nosa xeración cunha angustia
constante que percorre todo o poemario sobre as promesas nunca
realizadas, os obxectivos nunca acadados e con ese conflito continuo
co que vivimos entre a realidade e a ficción. Porque, como ben di,
“o feo sempre nos molesta” nunha ollada afeita ao mundo de Mr.
Wonderful, cheo de
emoticonos e un mundo dixital tan perfecto como irreal que nos fai
cuestionarnos a cada paso. Ben ao contrario, o que nós temos como
paisaxe é unha “chaira enorme de plantas de interior” que nunca
fotografamos por vergoña a partillar. E como iso, o silenciamento do
número de lavadoras que poñemos, do blue
tac que queda pegado
nas paredes de cada piso que habitamos e das postais que non imos
mandar porque iso, como o feo, incomoda.
Neste
clima de ansiedade e nervosismo, a voz poética deambula cansa, chea
de sono, entre luces de neón e afters e encontra a calor de quen
mira e goza feliz da cidade (“ollar para ti daba case calor/ todo
en ti era un sanxoán”). Unha voz poética que, confesa “eu
quería ser labrega pero só son outra cousa” porque non todo
dependía de nós como o mantra que nos repetiron de pequenas. E por
iso a fascinación de mirar para quen trae “o sol nunha manda de
area”.
Prometéronnos o futuro e agora
temos que pagar a cómodos prazos as ilusións que nos inxectaron. Un
poemario, este Spleen
en catro tempos, de
perfecto tamaño para acompañarnos nunha vida ás présas que sucede
en transportes públicos por non poder permitirnos nada de noso.
Nogueira, A., spleen en catro tempos, letra inversa, toxosoutos, 2018
Punto de encontro por Ánxela Lema París
Reviewed by segadoras
on
09:40:00
Rating:

Ningún comentario: