Está
claro que cada lectura altera, modifica, muda a nosa maneira de ollar
o mundo. Desde lecturas das que non gostamos e das que tomamos nota,
algo tamén positivo, até lecturas que descobren partes ocultas que
existían dentro de nós sen o sabermos e que instalan unha nova
lente que xa, para sempre, nos fará enfrontarnos ao mundo, á vida,
dunha maneira diferente. Este tipo de lecturas, polo menos no meu
caso, non son as que máis abondan e cando chego a unha delas quedo
semanas e semanas remoendo e dándolle voltas unha e outra vez
dicíndome: “joder, que razón ten! É que non debería ser doutra
maneira”. Isto é o que consegue Vasallo co seu Pensamento
monógamo. Terror poliamoroso (2018),
un libro que me gusta concibir como un agasallo (quizais pola
musicalidade que a propia palabra garda co apelido da autora) que de
maneira tan xenerosa nos fai ás que decidimos sentarnos a explorar
este seu último libro. E digo un agasallo porque lonxe dun ensaio
máis que analiza e estuda en profundidade unha cuestión sobre a
que, por suposto, aprenderemos, Vasallo comparte connosco unha
lección de vida, unha reformulación completa das estruturas que
rexen o noso cotián, necesaria, rompedora, transgresora e
revolucionaria desde nunha linguaxe clara, familiar, sarcástica e
chea de humor, porque xa explicou nalgunha entrevista que non quere
ser unha disidente de clase e procura falar para que todo o mundo
poida entendela.
Pois
ben, como xa nos foi adiantado nos seus múltiplos artigos publicados
na revisa Píkara
e no libro (H)amor 2
(2015) no que colaborou, a verdadeira revolución amorosa pasará
pola destrución do sistema relacional piramidal que representa a
monogamia para, sobre as cinzas, comezar a nos concibir como leiras,
como campos de patacas, a entendérmonos como tubérculos que
fortalecen as raíces conscientes da importancia dos coidados que
merecen cada unha das partes que forman unha terra da que nos
alimentaremos dunha maneira sa e responsable. Noutras palabras,
Vasallo convídanos a dinamitar os vínculos tal e como nolos deron
en entender até agora e anos mover no que ela deu en chamar “redes
afectivas”.
Para
alén disto, o interesante do discurso de Vasallo, o click
que produce nas que lemos a súa obra, é que non procura dar coa
fórmula ideal que mellore as nosas relacións de parella, como vemos
en tantos outros libros, ben ao contrario, retira o foco do binomio e
analiza as dinámicas relacionais desde unha óptica crítica que
sinala como factor principal do desastre amoroso no que nos
encontramos a monogamia como sistema por ser un ideal excluínte que
conseguiu instalarse no imaxinario como único modelo de amor posible
e como sinónimo de éxito social. Un sistema xerárquico, a
monogamia, que prioriza unha serie de relacionamentos perante outros
perdendo todo sentido humano e comunitario ao infravalorar calquera
tipo de vínculo situado fóra da considerada como a máis profunda,
real e importante das relacións: a de parella, a de amor. E é que
Vasallo ensínanos algo que se ben parece sinxelo xamais nos paramos
a formular así: “No es el qué, ni el cuánto: es el cómo”. Con
esta frase lévanos ben lonxe do centro, cóllenos da man e sitúanos
na periferia, na marxe das marxes como único lugar desde o que poder
ollar cara ao centro e observar o alarmante paradigma amoroso en que
estamos afundidas e que en absoluto se vai ver resolto pola posta en
práctica da palabra tan de moda actualmente: o poliamor.
Lonxe
do que podiamos agardar nun primeiro momento, Vasallo non confía en
absoluto neste modelo relacional como aposta política porque
deitarse cunha ou varias persoas ao mesmo tempo non deixa de
reproducir a nosa maneira de nos relacionar. Noutras palabras,
entende o poliamor como unha monogamia multiplicada, en serie, que
non problematiza o problemático do sistema amoroso actual e que, por
santo, non conseguirá solucionar a estrutura patriarcal actual.
Xa
que logo, a verdadeira revolución afectiva, a revolucionaria forma
de tecer redes, de crear comunidade, non pode pasar pola acumulación
de relacións baseadas nos modelos actuais. Por este motivo, Vasallo
convídanos a reformular a nosa maneira de nos mover no mundo, motivo
polo que tamén nos achega unha reflexión do máis necesaria sobre a
nosa maneira de entender as amizades, as relacións familiares, de
veciñanza e mesmo a soidade, concepto que apenas entendemos como
lugar de tránsito e nunca como lugar onde poder habitar, por seren
paradigmas relacionais que o sistema monógamo conseguiu relegar a un
plano secundario por non contar co estatus social outorgado á
parella que, por outra banda, instalou unha feroz competencia entre
as mulleres ao sinalarnos como rivais as unhas das outras, como
obstáculos que poden dificultar o noso acceso ao privilexio social.
Este
ensaio ábrenos os ollos e demóstranos que a chamada cultura
poliamorosa hipster
tan de moda resulta moi cómoda para un neo-liberalismo que concibe
os corpos como mercadoría, como moedas de cambio emocionais, e ao
que non lle interesa que comprendamos a opresión e o racismo
islamófobo (tema no que a súa obra tamén resulta un foco de luz
necesario) que esconden as dinámicas escollidas para termos os nosos
afectos ben ordenados, etiquetados e clasificados. Unha moda cool
que nos fala de amores
libres como se os amores puidesen existir doutra maneira. Un sistema
que sitúa a problemática no eu, no narcisismo individual e
capitalista que esquece o colectivo, o nós.
En
resumo, se algo temos que agradecer a Vasallo é que nos abrira as
portas e nos ensinara a leira, o campo de patacas que coidar e segar
unhas e outras de maneira consciente e sa para poder comezarmos a
vivir en rede.
Vasallo, B. Pensamiento monógamo. Terror poliamoroso
La oveja roja (2018)
Devir campo de patacas, rizoma por Ánxela Lema París
Reviewed by segadoras
on
08:20:00
Rating:

Ningún comentario: