Manifesto Nosa Señora das Letras 2019




 Escachar a palabra

Apoiada no espello, unha treboada. Ninguén é capaz de contela, nin sequera o texto. O universo enteiro ábrese no seu puño contido. Desafíanos e desacóuganos porque sabe que as imaxes que nos contaron non son certas.

Ela, a treboada apoiada no permanente espello, pariu o fillo do que ninguén nos falara. Fíxose corpo. Deunos voz. Perseguiunos coa súa forza, intemperiadas, ata un infinito que chegou demasiado axiña. Arrasou os marcos, desbotou as imaxes para quedar coas palabras.

E a palabra permanece. Permanecen os seus anacos que non buscan recompoñernos, senón escacharnos por dentro. Transgredir e transcender. Cada palabra escrita co sangue da vida. Na poesía, na tradución, na edición. Abrindo dun lado e doutro un cento de espellos nunha imaxe súa que quixeron presentarnos solitaria, mais que agora é nosa para multiplicala, porque nela nos recoñecemos.
Non é tempo de pararse a mirar. Nun mundo do que sempre se sentiu parte activa, dende o coidado e a ollada atenta, sensible á imaxe que fixeron dela, rebelde contra a estampa sexualizada do gusto de señores que dan títulos de poeta nova, ela fendeu o espello, desbotou as estampas, construíu a diario. Retorceu as palabras, escachounas. E no seu xesto inconmensurable aliméntanos cos anacos para converternos nós tamén en escachadoras, para espallar a súa rebeldía e talento incomparable, como espallamos a partir de hoxe o seu nome que tamén é noso: Xela Arias.


Comentarios