Ilombe
é unha nena moi especial e non só porque saia da casa disposta a
rescatar á súa nai; tamén porque nos agarra da man e nos pide,
decidida, que vaiamos con ela a través da lama dos camiños, que nos
ensuciemos a pesar dos medos.
El
viaje de Ilombe nace con tres obxectivos: ser un referente para
as crianzas afrodescendentes, ser unha ponte de entendemento entre
culturas e manter a memoria oral de Guinea Ecuatorial. Así, o nome
da protagonista non é casual é o da primeira autora dun libro
infantil da literatura dese país: Raquel Ilombe.
Seguindo
os seus pasos, Alejandra S. Ntutumu escolle tres lendas que vai
engarzando como se fosen unha soa. Cada historia representa as
distintas etnias de Guinea Ecuatorial: fang, annobones e ndowe1.
Segundo nos imos mergullando entre as páxinas, vemos
unha serie de personaxes que teñen certas similitudes coas que
poboan as nosas propias lendas: ogros, vellas e animais pero que
forman parte dos contos tradicionais deste país africano.
Para
reforzar as raíces, a autora mantén o idioma materno introducindo
palabras da lingua Fang, que se ve resaltada no propio texto a través
das ilutracións de Lidya Mba, o que facilita que queden cravadas na
nosa mente mentres avanzamos na lectura.
Cunha
linguaxe fluida, pois o libro está escrito baixo as guías da
lectura fácil2,
adentrámonos no bosque mesto guineaecuatoriano. Segundo avanzan os
pasos de Ilombe, esta vai medrando e nós con ela. Pero entremos no
lodo do camiño ao ritmo do ngoom3.
Como
se nos estivesen contando a historia a viva voz, de entre as páxinas
comezan a escaparse árbores, tartarugas, leopardos e gorilas... Cada
un deles achega unha lección importante a Ilombe: a seguridade das
redes, a necesidade de tecelas. Cada encontro non é van, empúrrana
de xeito cariñoso, ás veces incluso cruel. Así é a natureza.
Porén, se é tratada con respeto amosará o seu lado amable.
Ntutumu
non oculta os medos da nena, amósaos igual que ensina a resolución
de Ilombe por deixalos atrás e non permitir que lle impidan avanzar
cara ao seu propósito: atopar á súa nai. As ilustracións de Lydia
Mba reflicten estas sensacións e, aos poucos, vanse escurecendo
segundo os perigos aumentan, segundo se achegan as personaxes
máxicas. Non hai que esquecer que Ilombre camiña, segura, cara tres
ogros. E en cada paso vemos o temor da infancia, a seguridade da
etapa adulta, a sabedoría e protección da vellez.
Pero
se algo hai que resaltar en El viaje de Ilombe é a resolución
dos conflitos cos que se atopa a rapaza que parten da intelixencia,
da colaboración e, sobre todo, do diálogo. Entón a lama do camiño
non é unha barreira, convértese nun xogo máis no que ensuciarse
ten premio.
Alejandra S. Ntutumu (texto), Lydia Mba
(ilustracións), El
viaje de Ilombe,
Colección
Afrocuentos, Editorial solidaria POTO POTO, 2017
1
Información aportada pola guía
de lectura.
2
Lectura fácil: lectura adaptada para facilitar a comprensión dos
contidos, de xeito que sexa accesible a un público amplo
A lama que cubre os nosos pés por Andrea Barreira
Reviewed by segadoras
on
09:08:00
Rating:

Ningún comentario: