Celebrar
o singular, a saída dos marcos estritos e censuradores, represores.
Festexar o esforzo por crear outros imaxinarios, outros relatos sobre
como entender os praceres e o erotismo. A romaría é sempre unha boa
nova e chegou da man de Desequilibras
e caer, de Cristina
Ferreiro Real, un dos poucos casos da primeira década deste século
que presenta unha poética rupturista nun eido aínda fortemente
marcado pola heteronormatividade como é o erótico.
Ferreiro,
alén de presentarnos unha sexualidade empoderada, rematada en A,
consegue que deixemos de lado a importancia do ti
ao que o eu
se dirixe porque, como deixa claro, non atende a categorías. Ou
quizais si, quizais si que atende a elas mais non entende,
xustamente, a maneira estipulada de as comprender, motivo polo que se
me ocorre pensar que tres das letras que compoñen o título aparezan
marcadas en vermello na capa do libro. DIC como presentación do
dicionario erótico que significa o poemario no que o eu
se declara “omnisexual” e non ten vergonza de expoñer o seu
corpo “blando e suave” porque ha “ser a máis guapa/ sen
maquillaxe/ polimórfica perfecta e orgásmica”.
Porque
disto trata o glosario erótico que Ferreiro nos presenta, de que nos
“amen en diagonal” e nos deixemos levar. De rachar coas
etiquetaxes que o heteropatriarcado tan ben deseñou para ter os
desexos ben ordenados nun catálogo no que a diversidade, o plural,
non teña espazo. Por iso o eu
desta obra sabe ben os prefixos que debe empregar e fala sempre desde
o omni-
e o poli-,
desde o abundante e a varidade, desde o mixto e as vontades de
experimentar.
A
voz que fala, coñecedora da sociedade que tan romanticamente
delimita e censura os nosos praceres, declara as súas vontades de
“renacer alotrópica” porque sabe que só removendo os alicerces
desta sociedade heteronormativa en que nos movemos, só indo ao cerne
do que nos limita e cohibe, poderemos renacer outramente e movernos
con outras linguaxes, outros dicionarios.
Non
é casual, por tanto, a importancia que se lle outorga á linguaxe ao
longo de todo o libro de quen se declara “destruidora da linguaxe”
e de quen concibe o acto sexual como un proceso de “interpretación”
ao que só poderá chegar o ti
se acepta moverse nos códigos do seu imaxinario, do seu dicionario
que, por suposto, lonxe está do cánon da erótica: “se me
masturbas poetizándome a lingua/ se me lixas por dentro, verbo que
me alimenta a boca,/ abro o ventre/ onde te contemplo para que me
interpretes”.
Celebrar a poética que Ferreiro
presenta neste poemario é celebrar a valentía de situarse nas
marxes nun eido no que aínda nos movemos ás tentas. E aínda que
haxa versos que caen, por momentos, no tópico romántico e cómodo
ao que estamos habituadas o eu
consegue rompernos os esquemas e dinos que “tal vez debas saber que
te penso unicornio” e, de novo, sorrimos alotrópicas, raras,
polimorfas, fortes, verdadeiras.
Ferreiro Real, C., Desequilibras e caer, Bubela, 2009
Polimorfismo erótico por Ánxela Lema París
Reviewed by segadoras
on
09:38:00
Rating:

Ningún comentario: