Googlear a memoria por Arancha Rodríguez Fernández




Cando Júlia e Marcel, unha parella como outra calquera do centro de Barcelona, deciden adoptar a Naïma, o factor clave para rematar o cadro de familia perfecta, moitas cousas comezan a derrubarse. Ou, mellor dito, a amosarse na máis crúa das verdades.
Mentres que Júlia loita por termar da parella, Marcel vai abandonando pouco a pouco as súas ansias de pertencer a ela e mesmo á familia recén formada coa pequena Naïma, até tal punto que remata por deixalas, previas infidelidades, e crear unha nova familia con Bruna, unha compañeira de traballo. Este feito, dalgún xeito tan manido, nárrase desde o punto de vista da loita de Júlia, da súa vergonza, do seu inevitable sentimento de culpa.
Anos máis tarde, Näima, a filla de Júlia e Marcel, da familia que non foi, atravesa un momento moi similar con Éric, a súa parella. As historias de nai e filla comezan a entrecruzarse, malia as súas vontades (especialmente a de Näima) de sobrepoñerse a algo que parece tan antigo, pero que continúa perseguíndoas, facéndoas sentir fracasadas, obrigándoas a fuxir.

Documenta Marta Carnicero (Barcelona, 1974) en El cielo según google, a súa primeira novela, moitas cousas tan cotiás como profundas e analíticas.

 As narracións de Naïma, a filla desa parella, xa adulta, vanse arroldando coas da narradora omnisciente que nos desvela un pasado que ela non recorda moi nitidamente, malia formar parte fundamental do seu desenvolvemento. Pero, sobre todo, este solapar de narradoras, de historias de vida (Naïma e Júlia, Júlia e Naïma), que ás veces poderían pertencer até á mesma persoa non fan máis que evidenciar que somos o resultado daquelas que nos criaron, do seu loitar e do seu sufrir,  queirámolo ou non.
Naïma, filla desa orfandade de xénero, como a denomina a antropóloga Marcela Lagarde, desa nai que tamén foi traizoada e desleixada, que loitou por levar adiante á nena e os restos da súa propia vida con dignidade pero cun aquel de rabia sempre pegada no peito, atópase de súpeto reproducindo a súa nai, ás veces orgullosa, outras ao seu pesar.

Naïma, que nunca entendera por que na súa infancia a súa nai a obrigou a mudarse a Nantes, comeza a reflexionar trala perda da súa parella nunha situación moi similar (tamén cunha ruptura da confianza, tamén cunha filla adoptada) sobre o proceso paralelo que súa nai viviu uns vinte anos antes. E, intercalado con todo este proceso, ese pai ausente e odiado fai aparición en forma da outra familia, da que formou logo delas, cunha enfermidade terminal, o cal leva a Näima a reformular a súa memoria.

El cielo según Google é unha historia das loitas das mulleres e de como esas loitas nos amamantan, pero é tamén a historia de como decidimos manipular os nosos recordos para poder sobrevivir. Ante a posibilidade da perda de seu pai, un pai que non foi pai pero que existe nalgún recuncho da memoria desa Näima pequeniña, ela obcécase por atopar os porques, as poucas veces que foron xuntas ao parque, aquela música que soaba sempre antes de cear. Eses recordos que a permitan reconciliarse cun ser ao que ten que dicir adeus.

A un tempo, agroman as contradicións, outro pilar básico da historia xunto ao das memorias. As contradicións de mulleres independentes, que toman as súas propias decisións, que se cren capaces e que o son, pero que non poden evitar sentir culpabilidade, derrota, fracaso cando os homes que as acompañan deciden deixar de atender as súas responsabilidades. Mulleres que odian, con razón, pero que continúan presentándose na cama de hospital do pai moribundo para coidar, como xa fixeron antes as súas nais e avoas. Esa loita, compartida por Júlia e Naïma, é tamén un espazo de tensións e de definicións de identidade que fai que unha historia común, como outra calquera, acade un interese fundamental desde a óptica de xénero.


Marta Carnicero introduce na novela elementos moi contemporáneos, si, como a presenza das tecnoloxías, porque é unha novela do agora máis inmediato, pero como lectoras non podemos evitar pensar que esta podería ser unha outra historia dunha muller en loita consigo mesma, moito antes ou moito despois.

El cielo según Google é unha novela sobre a fidelidade, mesmo a cousas das que non somos conscientes, unha novela sobre a identificación, sobre as relacións entre nais e fillas e entre pais e fillas, sobre a confianza, sobre o nomadismo. Tamén, sobre a reconciliación coas pantasmas que nos afogan.
Sobre todo, é unha novela de deixarnos ser. Malia as ausencias, malia os defectos. Aínda que de cando en vez, enganadísimas, googleemos na memoria para buscar a foto máis perfecta daquel día que non existirá para alén da nosa obsesión. E queiramos deixar de odiar, de pelexarnos. Porque somos mulleres cansas (que é o que lles pasa ás veces ás mulleres loitadoras).




Carnicero, Marta, El Cielo según Google, Editorial Acantilado (2018).

Comentarios