Espero que, cando todo acabe, reciban todo o recoñecemento que
merecen. Xente así son os verdadeiros heroes e heroínas das guerras, os que non levan
medallas, nin condecoracións, nin saen nos xornais. Son os
resistentes do silencio. Só agardo que no futuro os teñan en conta
como merecen. (páx 118)
Cando
o silencio é a única opción para sobrevivir, a literatura crea os
espazos necesarios para recoller a resistencia. E iso é o que fai
Eva Mejuto na súa obra Memoria do silencio.
Ficcionada, iso si, porque pouco sabemos das historias (reais) de
Lola e Frieda: " Ambas as dúas tiñan moitos trazos
en común: a valentía, a afouteza e, tristemente, o feito de que,
como mulleres, pasaron de esguello pola Historia."
(páx.149). Así, Lola, Xulia, Amparo, Frieda,..., falan en primeira
persoa sobre o momento que lles tocou vivir, no verán de 1943, cando
Ribadavia aínda está presa no medo do franquismo, cando os nazis
extraen o volframio das minas galegas. Di Lola que "Hai
pouco máis de catro anos que acabou a nosa guerra (nosa non, deles,
que nós nunca a quixemos), como non imos ter medo?"
(páx. 21) e que "o peor é o medo, que queda atoado
no corpo e non deixa vivir, nin pensar"
(páx. 22). E ante o terror, a sororidade e a esperanza. A loita pola
liberdade.
As
mulleres invisibilizadas son as protagonistas desta historia, as
irmás Touza, nunha época na que poderiamos pensar que xa está todo
contado: a Galicia da II Guerra Mundial. O curioso é que non se
trata tanto do que se conta senón de como se conta. Esa é unha das
xenialidades desta novela! A perspectiva das mulleres nun conflito
no que só se valoran como arma de guerra1
e nun lugar periférico da contenda como Ribadavia. Xusto ese punto
no que acontecen realmente as cousas importantes sen que ninguén lle
preste atención. E esa fenda é a que permite ás irmás Touza
salvar máis que cincocentas persoas dunha morte segura porque
ninguén quere, nin pode, nin sequera imaxinar que as mulleres do
rural galego teñan a capacidade de tecer unha rede que permita
"pasar" persoas xudías a Portugal e que, de alí,
embarquen para América.
Unha
das mulleres que consegue chegar ao outro lado da fronteira é Frieda
quen interroga sobre Lola e as irmás: " Que se lles
perde salvando a vida ̶ e
arriscando a súa propia ̶
de homes e mulleres que non coñecen de nada, das que
nin comparten relixión, nin lingua, nin cultura?" (páx.
99) e á que Lola lle contesta que: "Compartimos que
somos persoas, e temos dereito a vivir en paz e sen medo"
(páx. 99).
Persoas.
Diso trata esta novela: de persoas que nos contan, na súa voz, a súa
propia historia de costumes diferentes, de realidades distantes, de
amores diversos, de desexos semellantes e dereitos iguais. Xente que
se encontra nun determinado momento e decide xuntar as súas forzas
para construír un universo mellor lonxe dos belicismos e do odio.
Mulleres que sortean o medo para rachar o silencio e as cadeas do
terror tecendo redes. Así que " Valla esta lembranza en forma
de libro de chamada de atención cara as mulleres, invisibles, que
loitaron pola liberdade e pola xustiza, por cambiar o mundo no que
lles tocou vivir"2.
Mejuto,
E., Memoria do silencio,
Xerais, 2019
1https://escolapau.uab.es/img/qcp/violencia_sexual_guerra.pdf
2páx.
149
A resistencia ante o silencio por Eli Ríos
Reviewed by segadoras
on
08:10:00
Rating:

Ningún comentario: