Paula
Carballeira non é a primeira autora que lles dá unha volta aos
denominados contos de fadas tradicionais, toda esa materia feita para
alertar crianzas, inocularlles ás rapazas o amor romántico, o medo
e preparalas para ser procesadas como produtos cárnicos e estéticos
pola Factoría Disney. Antes de Carballeira foron Angela Carter, Anne
Sexton, Margaret Atwood, Sara Henderson-Hay, Tanith Lee e, na nosa
propia tradición Marilar Aleixandre, Eli Ríos, Carmen Blanco e
mesmo unha servidora. O tema dá para moito pero tamén son moitos os
anos de reclusión no estereotipo e, a cada terremoto, dez ou doce
réplicas haberán de seguilo. Eis que aínda non cubrimos nin unha
terza parte dos danos e perdas que produciu (e segue producindo) tal
estropicio. Mais este libro, en apariencia sinxelo, non é unha
réplica máis senón que ten vontade sísmica de seu.
Paula
Carballeira (Maniños,1972) é autora dunha amplísima obra literaria
que recolle poemarios, libros de contos, novelas LIX así como un
amplísimo percorrido na oralidade, polo que entendemos que está
afeita a rescatar as personaxes da tradición fundacional e
reprantexalas no noso imaxinario.
Esta
achega que nos fai en Hai quen escolle os camiños máis longos ten
un algo dese rescate, de labor de limpeza da pátina de riquiñismo
falsario daqueles contos dos Irmáns Grimm ou de Perrault que
resultaron tan válidos ao patriarcado para facernos ás nenas de
moitas xeracións medoñentas e ben comportadiñas. Carballeira sabe
do que escribe xa que durante anos andou á procura dun voz propia
para cada obxecto e figura; xa foron as casas, as –nunca- mascotas,
os lobishomes, o mortos vivintes, todo ser vivo ou inanimado ten
pasado polos seus dedos e boca convertidos nun algo persoal e único
unha vez filtrado pola súa maxia.
Así é
que ía tocando falar delas, das princesas dos contos, o primeiro
contacto de todas nós coa oralidade. Paula Carballeira toca no
embigo emocional de todas nós para facer bambear unha serie de
prexuízos. Vainos espir a Carapuchiña, a Bela adormecida, as
crianzas atrapadas na casiña de chocolate e a Branca de neve. Nin a
avoa se salva deste descarnamento. O lobo, xira escaldado sobre os
seus pasos, o cazador é ninguneado.
“Mira
o lobo con tenrura/Se queres/ Pregúntalle coma se fose un veciño/ A
ver que che di”
Neste
acto de revolución poética, moi aleitada por un silencio dos de
escoitar, é cando é preciso escoller entre dous camiños, como a
nena do conto; nós, lectoras, escollemos tamén: pasamos polo texto
como espectadoras ou axudamos a reconstruílo a base da nosa memoria
e pouso?
Mais
que escolleu a autora, a contención ou a concisión? É un poemario
limpo ou contido? Por unha banda as palabras, rescatadas daquela
polisemia alegórica dos autores que nos quixeron modelar modelando
as rapazas e mulleres das súas historias a base de prohibición e
consello. Por outra o libre albedrío.
“Escolleu/
Cando non estaba ben visto/ Que avoas coma ela/ Decidisen/
Vivir/
Vivir no medio/ Vivir no medio do bosque”
Carballeira
frea o que podería ser un discurso invasivo para a rebelión e deixa
que as (xa súas) personaxes e as lectoras poidamos decidir que
camiños frecuentar e baixo que premisas. A avoíña decide sobre a
súa capacidade de estar soa. Para a Bela adormecida durmir non é un
castigo, o castigo é ficar en pé e calada. Á Carapuchiña nin
tratar de persuadila cando emprende o seu camiño. As crianzas
famélicas terían comida a casiña da bruxa, reprantexemos esas
maternidades tamén, desde a intrahistoria.
Un
texto que se remexe contra o xa escrito. Que deixa moitas farangullas
no chan do camiño máis longo para que a cousa teña visos de
cambio. Poemario no que os versos respiran audaces, no que os poemas
teñen un aquel de acritude contra a historia inicial, xogan a
revirarnos. Mesmo podemos sentir e entender o anoxo da autora contra
algunhas daquelas mentiras porque sentirnos enganadas polas historias
que nos contaran, que pretenderon guiarnos polos camiños máis
curtos, é xusto e necesario.
Paula
Carballeira, Hai quen escolle os camiños máis longos, Positivas, 2018
Hai quen escolle os camiños máis longos por Emma Pedreira
Reviewed by segadoras
on
09:39:00
Rating:

Ningún comentario: