Un,
dous, tres e catro. Os libros de narracións de Eider Rodriguez
(Errenteria, Euskal Herria, 1977). Co primeiro —Eta
handik gutxira gaur (E
pouco despois agora, 2004)—
presentouse coma unha voz que merecía ser seguida. Co segundo e o
terceiro —Haragia
(Carne,
2007) e Katu jendea
(Unha morea de gatos,
2010), respectivamente— confirmou a promesa do primeiro:
reafirmouse como escritora brillante. Con este cuarto, Bihotz
handiegia (en fase de tradución ao
castelán; publicarase o vindeiro ano co título Un
corazón demasiado grande), amosa unha
madurez incontestable, creando atmosferas hiper-realistas partindo de
feitos incluso surrealistas.
Os
derradeiros estertores dunha persoa querida, dunha relación hai
tempo desfeita, do propio corpo, das casas e rúas entre as que se
medrou, dun sistema familiar golpeado por un grave accidente... van
aparecendo entre as páxinas deste libro, aos poucos, cunha linguaxe
que se prega ao que se conta, provocando golpes de ironía,
perplexidade, risa e desacougo. Coas fronteiras impostas —tanto
físicas como administrativas— que allean corpos individuais e
colectivos sempre como trasfondo.
Coidando
ata o máis mínimo detalle e recreando sensacións, Rodriguez vai
construíndo ambientes, capa a capa, e en cada ambiente sitúa as
historias que quere contar, coma se agromasen dun bulbo nutrido de
olores, cores, olladas e silencios. As súas son historias tan cotiás
que normalmente adoitan denominarse pequenas,
pero que son totalmente centrais nas vidas das protagonistas desta
escritora. Ler este libro é como mirar a vida dos personaxes a
través dun microscopio ateigado de sensacións. Resumindo: un
pracer.
Eider Rodriguez, Bihotz handiegia, Editorial Susa, 2017
Baixo o microscopio por Amagoia Gurrutxaga Uranga
Reviewed by segadoras
on
20:00:00
Rating:

Ningún comentario: