Este
partido comeza cunha pregunta: como subverter nun único texto a idea
superficial do que as adolescentes son e do que lles interesa; como
darlles voz ás mozas que practican deporte; como facer iso dende un
xénero como o teatral? De xeito estrito, a pregunta son tres. Mais a
singularidade desta obra teatral de Sarah Delappe permite facer estas
e moitas outras, expande o noso entendemento do xénero e da
adolescencia como as protagonistas estiran os seus músculos.
Mais
antes de saír ao campo, quenzamos. Aí é onde comeza e transcorre
toda a acción desta peza: un grupo de mozas futbolistas quencen,
rotan, exercitan, pasan, corren e sobre todo falan, antes de saír ao
campo. Pasan diante de nós en seis semanas nas que nunca chegamos a
saber os seus nomes, só os seus números. As súas voces fúndense e
singularízanse nunha escrita teatral que deixa a quen a le sen
alento, devecendo por ver sobre o escenario esta marabilla textual.
The Wolves é ese
equipo de mozas que xuta contra a representación das adolescentes
cunha voz clara e implacable. Delappe artella un discurso certeiro e
sutil que se contrapón ao sector da sociedade máis deostado do
imaxinario. Porque, que son as adolescentes no noso imaxinario
colectivo occidental? Que as representa? A cor rosa. A
superficialidade. Os risiños. O falar de mozos e de farrapos e de
bolsos e de maquillaxe. E non é que estas cousas estean mal en si
mesmas, estano porque son as únicas representacións que as mozas
atopan cando se buscan e porque promoven un único tipo de feminidade
que xa sabemos a onde leva. Se nos paramos a mirar, os mozos, pola
contra, dan cunha gran cantidade de espazos de representación onde
descubrirse como seres humanos importantes, útiles, válidos e
interesantes para a sociedade. Seres humanos a miúdo violentos
(abonda con ver a maioría de xogos ou aberracións como a película
O xogo de Ender, por
poñer dous exemplos), sexuais e sempre centrais no discurso. Madía
leva non reaccionar logo batendo á mínima, o ego fraxilizado en
canto deixan de ser o centro de atención, en canto a outra que se
supón que debe aplaudir e admirar, fala e ten voz e vida propia.
Na
representación, elas, as adolescentes, quedan resumidas a unha
mariquita de papel insultante. Diso fala The
Wolves, permítenos escoitar, como
dende o furado da porta mais sen ningún tipo de vouyerismo, as
conversas destas mozas que falan de política, de abortos, de
discriminación, de orientación sexual, de corpos. Que se enfrontan
e se apoian, que son conscientes do mundo no que viven e que son
diversas. Que queren chegar a algures. Que precisan ardentemente que
as escoitemos.
A
linguaxe de The Wolves está
viva en cada liña, segue a dinámica dun bo partido de fútbol onde
as conversas se superpoñen, se entrecruzan. É unha escrita de
enorme complexidade onde a migración, a crítica á idea da “nación
estadounidense” (que podería ser calquera europea para o caso), as
conversas sobre a regra, o sexo, a falla de oportunidades por ser
mozas se expresan co ritmo incesante dos pases, das chilenas e da
adrenalina que está por vir.
Delappe,
dramaturga estadounidense que comeza o seu camiño, xuta e mete gol.
Afirma, no prefacio da obra, que concibiu o texto coma unha película
de guerra, pero o campo de batalla neste caso é un céspede
artificial (o campo grande é para os rapaces), mais que mesmo nese
céspede artificial “a estas mozas se lles permite definirse elas
mesmas. Os seus corpos son delas e son fortes. Non queremos coñecelas
como propiedades ou accesorios dun home -o mozo, o pai, o
representante institucional da escola ou o goberno- coñecémolas
xuntas, as unhas coas outras. Estamos no seu campo. Non elas no
nosos”.
Oxalá
algún día as vexamos sobre as táboas porque de certo as
protagonistas de The Wolves abren
outro mundo posible que habita xa neste. Un mundo que axuda a que por
fin as mozas e todas nós con elas poidamos sentirnos listas para
afrontar a vida. Para que comece o partido.
Delappe,
Sarah. The Wolves,
The Overlook Press, Nova York 2018.
Xute! por María Reimóndez
Reviewed by segadoras
on
11:16:00
Rating:

Ningún comentario: