Velaquí
estamos as mulleres públicas. As que traballamos co noso corpo. As
que nos expoñemos. As que nunca coñeceremos a xustiza porque a
culpa é eternamente nosa. As que debemos aceptar caladas calquera
man sobre o noso corpo porque caladiñas estamos máis guapas e esa é
a nosa función. As que podemos ocupar certos espazos sempre e cando
respondamos ás expectativas patriarcais. Sempre e cando sexamos só
corpos desexables e dispoñibles.
A
linguaxe patriarcal é certeira: mulleres públicas vs homes
públicos. Deles o espazo digno. Na man deles sempre o poder, a
escusa, o acubillo dos seus iguais. Perpetuándose uns aos outros nos
espazos de relevancia. Botándonos deles cos seus comentarios
noxentos, “bromas”, mans que buscan escusas para tocarnos os
peitos, o cu e aínda por riba dicirnos que non sorrimos. Deles a
capacidade para castigar deixando sen traballo cando non se aceptan
os avances. Deles toda a presión da sociedade sobre a nosa carne.
A
nosa carne de putas, de cabareteiras, de participantes en faladoiros,
de políticas, de modelos, de actrices, de escritoras. Das que nos
expoñemos negándonos a ser decorativas. Das que reclamamos para nós
o espazo propio, o berro da ira, a ruptura das fronteiras (o público
e o privado, o oculto e o visible) que a eles tanto lles conveñen.
Nós,
as que non calamos e somos sometidas nos xulgados ás máis burdas
farsas. Esas nas que os participantes con poder finxen ignorar -mais
saben, porque son cómplices- que a natureza do acoso fai que este
aconteza no privado, que finxen ignorar que hai testemuñas con
relacións laborais co acosador, que deciden deixar fóra os
testemuños de quen apoiou o da vítima. Se algo está claro, fronte
toda a morralla patriarcal que nos venden a través precisamente do
cinema, do teatro e da literatura, dos medios, sobre como as mulleres
somos unhas lurpias mentireiras que como non temos abondo que facer
con dobres e triplas xornadas laborais nos dedicamos a “desfacerlles
a vida a homes de ben”, é que eles nunca pagan.
Pero
as mulleres públicas imos facer que paguen. Levantando a voz e
poñéndonos do lado de mulleres como Iria Pinheiro. Das que fronte a
todo fican en pé. Das que nos teñen para termar delas cando a
aldraxe supera o soportable. Das que non están soas, porque as
mulleres públicas, se por algo nos caracterizamos, é por
arremuiñarnos e protexernos entre nós. Ante o asoballamento da vía
legal temos outras abertas. A primeira, deixar de consumir produtos
financiados, producidos, dirixidos e escritos por acosadores. Por
desgraza, moito que desbotar. Mais tamén moito novo que acoller,
apoiando a quen carga coas consecuencias laborais reais de todo isto.
Asistindo a cada unha das representacións, dos novos proxectos que
Iria Pinheiro e outras mulleres públicas queiran lanzar.
Porque as mulleres públicas estamos aquí para
conquistar, xuntas, o espazo que é noso. Un espazo que outros fan un
campo de batalla e no que está na man de todas que deixe de selo.
Porque o único que as mulleres públicas queremos é crear, falar e
transformar a sociedade. E por todo iso somos tan perigosas. E tan
imparables.
Manifesto das mulleres públicas. A Sega en apoio a Iria Pinheiro
Reviewed by segadoras
on
15:56:00
Rating:

Ningún comentario: