Aí estabas ti, mais eu non o sabía por Belén López Vázquez. V Día das Galegas nas Letras.




Iniciaba eu a adolescencia, descoñecía, nuns casos ou non existían no vocabulario ao uso da época noutros, o significado de conceptos como nación sen estado, colonizada, feminista, diglosia, androcentrismo, conciliación, violencia de xénero, empoderamento e outros moitos pero xa me emocionaban as músicas de Fuxan os ventos e deixaban unha forte pegada en min algunhas das súas cancións, poemas que falaban dun mundo que si coñecía ou (re)coñecín nesas letras coas que me sentía identificada.
Así, á menor oportunidade cantaba, mal pero con moita paixón, algúns dos seus temas máis coñecidos. Gustaba especialmente –moi especialmente Marica– de “Muller”, pero tamén de “O carro e “O aradiño de pao que enlazaban de cheo coas miñas orixes rurais da montaña coruñesa; gustaba de “Irmaus” mais tamén de “Fame, soidade e bágoas”… con esta última sentín que “tiña futuro e tiña mañá porque Galiza empezaba a espertar”, cando menos en min.
Axiña souben que Manuel María era o autor dese “Carro”, que o “Irmaus” solidarios o escribira Celso Emilio … mais tardei algo máis en saber que outras moitas cancións que remexían a miña conciencia, como o “Aradiño de pao” ou a “Fame, soidade e bágoas” tiñan letras nas que participabas parcial ou totalmente ti, Marica Campo, e especialmente esa “MULLER” que máis me emocionaba porque me incorporaba, de forma explícita, aínda que fora pola boca dun home, na historia do pobo galego como MULLER, filla de emigrantes que son…
Como podía ser que non soubera que estabas ti detrás desa letra, Marica Campo? Semella inxusto ese descoñecemento selectivo por xénero, querida amiga.
Como pode ser que tardara máis en saber da autoría dos teus poemas, algúns referidos especialmente a min como muller cando si a coñecía dos outros? Sabes, sabemos, aínda que non o falemos acotío, que non podo atribuír a causa exclusivamente á miña ignorancia, senón ao contexto social, onde se non se tratara dunha festa homenaxe o que me leva hoxe a escribirche, poderiamos pararnos a debater sobre alienación ou o androcentrismo, por empezar por algures.
Pareime un pouco nas letras, Marica, porque non debería ser que escribiras máis de 20 poemas para musicar e tivera, hai unha semana, que pedirche me enviaras unha relación porque non daba encontrado a información completa, outra mostra máis do ocultamento das mulleres, desta vez na escrita.
Anos despois coñecinte en persoa, desta vez como autora do fermoso poemario Tras as portas do rostro e do libro de relatos Confusión e morte de María Balteira, que eu promocionaba de forma apaixonada no meu recente traballo na empresa Bahia Edicións mentres cantaba no coche as letras desas cancións túas.
A promoción da túa obra tróuxome moita felicidade e o relato “Confusión e morte de María Balteira” deume a oportunidade de conectar máis aló da relación de traballo con moitas mulleres galegas, profesoras dos centros de ensino deste país coas que tomaba café nos institutos falando dese relato e dos outros que se inclúen no libro do mesmo título, así como doutras mulleres e cousas que nos interesaban como tales… trouxo a sororidade aínda que eu non sabía que o era, mesmo creo que non se usaba ese termo por entón. E quero pensar que trouxo tamén un pequeno cambio que se amplifica ao trasmitirse e manterse no tempo, pois estou segura que o alumnado adolescente non quedou indiferente coa lectura da túa obra.
Voume parar un pouco en Confusión e morte de María Balteira, publicación que sabes adoro, tirando das palabras da profesora e galicianista Kathleen March, que di do seu estilo:
“[…] vai levado por un ritmo de auga e natureza, ritmo creado pola relación variada e insistentemente contigua que hai na súa obra entre muller, mundo vexetal e mundo animal” e porque as personaxes que aparecen nos outros relatos do libro, mulleres xuntas pero diversas nun único volume, son protagonistas activas que toman as súas decisións e non un mero adorno natural, real ou imaxinario e, por suposto, podemos ver a poeta detrás deses relatos pois a exquisita e rica linguaxe amósase cun gran ritmo poético, as palabras bailan coa narración, e iso é só unha parte da calidade literaria desta obra.
E aínda me deterei un chisco máis no relato da Balteira para destacar tres aspectos:
  • Recuperas maxistralmente unha figura histórica das cantigas profanas galego portuguesas, María a Balteira.
  • Preséntasnos esta muller libre, sexualmente activa e que decide sobre o seu corpo e a capacidade de ser nai, e amosa unha relación de poder con respecto aos homes, algo inaudito no momento.
  • Mais tamén a imaxinas vella, con medo á morte e recorrendo á súa amiga, deixando patente a importancia da solidariedade entre mulleres.
Desde a súa publicación en Bahia Edicións, en xuño do ano 1996, foi tal a calidade e impacto do texto orixinal que derivou nunha obra de teatro, varias lecturas dramatizadas, catro edicións e varias reimpresións, así como nunha edición crítica no ano 2006. Hoxe, 22 anos despois, a obra segue a manter todo o interese e vixencia.
Para min, Marica, es ante todo unha poeta, pero pégaslle con habelencia a todos os paus da escrita con variados rexistros, como mostra o teu traballo, ademais de en Confusión e morte de María Balteira, noutras obras como a novela Memoria para Xoana (Espiral Maior), na adaptación teatral d’O divino sainete(Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Maior) e tamén nos títulos de literatura xuvenil que foches escribindo, E Xoel aprendeu a voar(Alfaguara Obradoiro), Noutra dimensión (Ed. Galaxia), Abracadabras (Ed. do Castro), mais, desde o meu modesto punto de vista, interesado, ben é certo, nos relatos que aparecen en Confusión e morte de María Balteira e que te fixeron de sobra coñecida, querida Marica, fas un repaso polos sentires e faceres, reais ou imaxinarios das mulleres galegas na historia, que non é pouco e que te honra.
Hoxe non podo deixar de mencionar tamén a túa xenerosidade, sempre disposta a colaborar alí onde te chaman, mesmo dando comida e durmida na túa casa da Mariña, que tamén o era de Teresa Cabello, como fixeches comigo… Mais, por desgraza, quero facer ver que se todo o traballo que fixeches o fixera un home, serías moito máis recoñecida do que o es… e ben o sabes.
Por iso tamén dou os parabéns ás compañeiras de A Sega por escollerte este ano como “Galega nas letras” e pola iniciativa en xeral.
Despídome co desexo de que o “Alí estabas ti, mais eu non o sabía” co que principiei a miña homenaxe se converta para ti, Marica, e para todas as mulleres en “Alí estabas ti, Marica Campo, e ben que se notaba” porque a “Muller” que tantas veces cantei viña da túa man e os relatos incluídos en Confusión e morte de María Balteira contan historias do que somos, sentimos e nos pasaron a moitas mulleres, e tamén son obra de Marica Campo.
Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións
[Texto lido o 15 de agosto na homenaxe a Marica Campo organizado pola A Sega en Lugo].
Aí estabas ti, mais eu non o sabía por Belén López Vázquez. V Día das Galegas nas Letras. Aí estabas ti, mais eu non o sabía por Belén López Vázquez. V Día das Galegas nas Letras. Reviewed by segadoras on 09:01:00 Rating: 5

Ningún comentario:

Con tecnoloxía de Blogger.