Todas sabemos do movemento sufraxista e, máis ou menos vagamente, de como este conseguiu o voto para a muller. Coñecemos o movemento sufraxista así como unha precuela do feminismo, tal e como o comprendemos agora, e pode que algúns nomes sacudan a nosa cabeza mentres o pensamos: Emmeline Pankhurst, Emily Davidson, Annie Kenney... Nos pasados anos, algún que outro filme protagonizado por Meryl Streep foi do pouco que chegou até nós sobre o movemento sufraxista.
Sally Heathcote. Sufragista, novela gráfica publicada en
español por Ediciones La Cúpula, cóntanos o sufraxismo desde dentro, narrando
unha historia de vida que non escatima en detalles, realidades e dramatismo, a
un tempo que se fai amena e próxima grazas ao formato. Non sorprende que a
novela vaia xa pola súa sétima edición. Comezando coa historia persoal de Sally
Heathcote, unha sufraxista de orixe humilde que se ve inserta no movemento
desde os suburbios de Manchester, as súas autoras, Mary M. Talbott, Brian
Talbott e Kate Charlesworth conseguen universalizala até facer de Sally
Heathcote. Sufragista o retrato de toda unha loita.
A novela comeza cunha agonizante e anciá
Sally Heathcote que recorda a súa vida desde a mocidade. Orfa e pobre a comezos
do século XX, comeza a traballar ao servizo da sufraxista Emmeline Pankhurst,
fundadora da Women's Social and Political Union (WSPU). Lonxe de
presentar un escenario idealizado, Sally Heathcote. Sufragista retrata o
movemento sufraxista como un grupo no que a maioría de mulleres pertencían á
alta burguesía, así como os esforzos de Sally para poder chegar a integrarse no
mesmo, considerada por moitas iletrada e inútil para a causa. Porén, logo de
pasar por diferentes casas onde os abusos sexuais e as ameazas ás criadas
estaban á orde do día, cansa de vivir en inseguridade, Sally convértese nunha suffragette
(termo orixinalmente despectivo para as mulleres que defendían o sufraxio
universal, e do que finalmente o movemento se apropiou).
A través de Sally imos coñecendo
paulatinamente as súas siglas, as súas cores, as súas demandas e o xeito de
realizar as protestas. Tamén as súas loitas internas, os conflitos entre elas –
maioritariamente entre as máis radicais e as máis moderadas – e os distintos
grupos que foron nacendo dentro do sufraxismo: algúns asociados a partidos e
sindicatos, outros independentes. Fóra do seu formato, o libro ten unha clara
intención didáctica, ofrecendo ao final da historia un completo material de apoio
con anotacións sobre a historia e as protestas referidas, bibliografía e
fontes, cartaces e pancartas inspiradoras das plasmadas na novela e unha
cronoloxía extremadamente útil para seguir os acontecementos. É aí tamén onde
nos decatamos de que Sally Heathcote é unha personaxe de ficción, unha escusa
para darnos a coñecer o movemento desde dentro, e familiarizarnos con figuras
como as de Pankhurst ou Annie Kenney, aínda que chegadas a este punto, tanto
nos ten que Sally existira ou non. Ela é a nosa vía para entrar no movemento
sufraxista de comezos de século.
Na novela gráfica, que non lle viría mal
ler a algún que outro sabedor do feminismo que afirma que “antes as cousas non
se facían así”, coñecemos como as sufraxistas aprendían autodefensa, impartindo
obradoiros e cursos para todas, eran violentas e practicaban distintos tipos de
resistencia. Alén de rachar co mito de que as sufraxistas eran pacíficas (o cal
implicou unha grande discusión dentro do movemento que mesmo o fraccionou entre
aquelas que apoiaban a violencia e as que non), a represión do estado non era
menos rotunda. No libro asistimos aos seus encarceramentos, torturas e
alimentacións forzadas cando as sufraxistas emprendían folgas de fame. Tamén
nos fan partícipes da súa loita por seren consideradas presas políticas, cousa
que nunca chegou a acontecer.
Así mesmo, os patróns da sociedade
patriarcal que hoxe experimentamos reproducíanse case do mesmo xeito neses
1900: en moitas ocasións, a prensa facíase eco das manifestacións emprendidas
polas sufraxistas facendo alusión aos seus vestidos, á súa beleza física ou a
cualidades que nada tiñan que ver coa súa protesta. En moitas outras ocasións,
os seus propios compañeiros de partido facían mofa delas e das súas
reivindicacións (co clásico argumento de que primeiro están os dereitos dos
traballadores, e despois o das mulleres). Así o aseguran ao longo da novela:
“los hombres trabajadores son tan injustos con las mujeres
como los de otras clases” (p.35)
En conclusión, Sally Heathcote.
Sufragista é unha novela gráfica imprescindíbel para calquera que desexe
aprender máis sobre o movemento sufraxista en Inglaterra, precursor do
feminismo; un libro ben documentado e cun discurso coherente e rotundo que,
xunto ás magníficas ilustracións e o coidado da imaxe, converte a lectura nunha
gozosa aprendizaxe.
Sally Heathcote. Das historias que hai que contar por Arancha Rodríguez Fernández
Reviewed by segadoras
on
13:24:00
Rating:

Ningún comentario: