Nunha lectura superficial, Sangre en el ojo podería resumirse como a baixada aos infernos dunha escritora chilena que, nunha noite de festa en Nova York, queda cega por comezárenselle a encher os ollos de sangue. Nunha lectura superficial hai quen entendeu esta novela como un relato do horror que nos produce ás persoas videntes, e máis aínda aquelas que nos dedicamos á escrita e á lectura, a perspectiva da cegueira. Este tipo de interpretacións non só me resultaron sorprendentes na pouca atención ao detalle, senón que dende un punto de vista da atención á diversidade corporal creo que caen no insultante cara a aquelas persoas que carecen do sentido da vista e, oh! sorpresa!, seguen levando vidas plenas e mesmo len e escriben libros.
A escrita de Meruane creo que é precisamente antagónica a estas
interpretacións superficiais que dela se foron facendo (e sen dúbida
totalmente antagónica á visión das persoas que non vén como
“tolleitas” ou “desvalidas”, mesmo se o libro non pretende
facer ningún comentario sobre a diversidade funcional ou
discapacidade). Esta novela desacougante, onírica e perturbadora,
fala de moito máis que da superficie. Fala moito máis que da
sensación da dependencia que a cegueira produce (polo menos
inicialmente) ás persoas videntes, das tensións que a situación
provoca na aparente perda de autonomía da protagonista.
A través da cegueira, Meruane fala de moito máis ca todo iso, fala
das cousas que non queremos ver, do interior aburrido e podre das
relacións nas que o anódino consome a existencia e, en particular,
fala ao meu ver dos límites da percepción e da linguaxe, do
coñecemento, dende o punto de vista do desarraigo e da migración.
Porque a Meruane protagonista desta novela (dado que xoga co equívoco
do seu propio nome, para cegar a lectora co artefacto vizoso da
“autoficción”) é unha migrante chilena en Nova York, unha
muller partida polas circunstancias de vida doutras. Así, a
protagonista regresa aos Estados Unidos, o país no que os seus pais
emigraron con ela e logo abandonaron para regresar a Chile mentres
ela decidía retornar, rexeitando a patria primixenia construída
como tal. A novela interróganos permanentemente sobre o regreso,
sobre todo na sección abafante na que Meruane (o personaxe) acaba de
novo en Chile, na casa natal, rodeada dun afogo sen precedentes no
que todo o mundo pretende tomar decisións informadas e polo seu
suposto ben, sobre a súa vida, sobre a súa cegueira, sobre o que
ver e o que non.
En toda esta aparente baixada aos infernos, chama poderosamente a
atención como a protagonista, no canto de construírse como vítima,
reafírmase a cada paso. Ela si atopa na cegueira un espazo, unha
única vía de saída, de autoafirmación e de coñecemento. Unha vía
chea de sensación de perigo, de incerteza e de xenreira. Non é a
súa unha evolución amable, é unha evolución que parte moitas
veces da manipulación e da rabia, creando un personaxe complexo e
difícil de caracterizar, rebelde coas caixas nas que queren
inserila.
A novela vai avanzando por estes temas coa creación dun universo
próximo ao terror, no que o que era coñecido e familiar se volve
máis ameazante a cada paso e aquilo que se nos presentaba como
abxecto teima en converterse en fogar. A novela pasa do desarraigo
como enfermidade ao desarraigo como cura. Á creación dun fogar
incómodo, sobre todo para as outras, que deixan de entender os
límites do que a protagonista quere ou precisa pero no que ela, por
fin, é quen de ver.
Lina Meruane, Sangre en el ojo, Caballo de Troya, 2012
O desarraigo como enfermidade por María Reimóndez
Reviewed by segadoras
on
08:41:00
Rating:

Ningún comentario: