![]() |
Fragmento da portada do libro |
Tras
as portas do rostro é
o primeiro
conxunto de poemas, xa que non foron concebidos de xeito unitario, de
Marica Campo; unha escolma de corenta e dous poemas escritos durante
vinte anos, desde 1971 ata 1990 que ven a luz en agosto de 1992. Conta
cun prólogo de Pilar Pallarés e de Manuel María, que axudaron a
darlle visibilidade á producción poética da escritora. Comenta o
prologuista canto admira e goza da lectura de poemas desta poeta, e doutras
autoras coetáneas ás que cita, facendo fincapé no valor da poesía
escrita por mulleres e, moi especialmente, á de Marica Campo. Pilar
Pallarés resalta a aconfesionalidade da obra, en como foxe da
autobiografía para mostrar o colectivo, o “cerne do drama humano”.
Varios
poemas deste libro foron musicados e popularizados polo grupo musical
Fuxan os Ventos.
O
título vén reflectido na primeira cita do libro dun poema da
escritora Alejandra Pizarnik: “... pero pecha as portas do teu
rostro/para que non digan despois/ que aquela muller namorada fuches
ti”1.
Nesta obra recolle a máis autoras e autores, ademais de artistas,
aos que homenaxea coa súa escrita, onde conformar un nós poético
no
que pon en valor as diferentes voces e manifestacións artísticas
coas que identifica o seu propio eu artístico e voz poética.
O
libro recolle poemas de diferente temática, ton, lonxitude e forma,
ben orixinal nalgúns dos deles, aínda que todos cun fío condutor: o telúrico, a oda á nai terra, ás raíces,
ás orixes, ao ser cando se posúe un lugar. De aí que o poemario
comece co texto Apoteose
da hebra, un canto
ao mundo rural, ao Val de Mao, no Incio, matria da autora. Este
universo telúrico compartirao anos despois coa escritora Olga Novo,
no seu libro Cráter,
moi próxima tamén xeograficamente, de Vilarmao na Póboa do
Brollón. Aparecen outros temas ao longo do libro como son a
existencia, o paso do tempo, a morte, o amor sempre nun continuo
diálogo coa lectora e con ela propia como autora. O eu
feminino que percorre toda a obra, diríxese a un interlocutor
masculino nos poemas de temática amatoria, que nos lembra ás
cantigas de amigo, no seu tratamento, mais o eu poético non agarda
impasible, nin resignada, senón farta e cansa da espera.
¿Non vés acenderme a luz
para que escriba?
Xa estou farta de agardar.
Está a mesa fría.
Cheira a humidade
e a mobles vellos.
Voaron os papeis
e non sei se é que a pluma verte
tinta
ou se me sangran os dedos
de estreitar a túa ausencia.
Non
se conforma co status quo das cousas: quixen saber o nome
das cousas/ porque non aceptei os nomes/ que os outros lles daban./ E
aventurei mil palabras (...).
E finaliza a escolma, a autora,
pechando o percorrido a través das diferentes temáticas cun soneto
no que a voz poética desexa trascender á morte.
Marica Campo,Tras as portas do Rostro, Baía Edicións, 1992
1Tradución
de Verónica Martínez
Tras as portas do rostro por Verónica Martínez Delgado
Reviewed by segadoras
on
09:19:00
Rating:

Ningún comentario: