Insurrección na gaiola por Lara Rozados


Anaco da portada orixinal do Premexentes

O premexentes non pode cos paxaros rebezos (ou memorias dun escribano) é a segunda peza teatral para público infantil publicada por Marica Campo, despois d’O cazador de estrelas, no número 48 dos Cadernos da Escola Dramática Galega, en outubro do 84. O que se propón para lles pór en escena ás espectadoras miúdas é unha historia tan vella como o mundo, e a posibilidade de darlle a volta. A gaiola ocupa a maior parte do escenario, e nela moran diferentes paxaros, lembrando un tempo en que eran libres e voaban pola fraga. Como adoita facer na súa obra, Campo recorre á hibridación entre xéneros e emprega elementos líricos dentro desta dramaturxia, que arrinca literalmente co canto dos paxaros, a través da métrica popular, con heptasílabos e octosílabos que riman nos pares: “Nacemos para voar / libres pola Fraga un día / co Cuco e co Paspallás / co Peto e coa Cotovía”. Tamén empregará un escribano como voz narradora, autodiexética, con todo, xa que fala empregando a primeira persoa do plural a integrarse como un paxaro máis, malia non estar xa dentro da gaiola, senón na parte esquerda da escena sentado no seu escritorio. O manexo da luz e a proposta escénica da gaiola son elementos ben sofisticados (a segunda lémbranos á moi recente Hámster, do dramaturgo moañés Santiago Cortegoso, seleccionado para os III Encontros Magalia no 2008, que tamén empregaba unha parella destes animais como epítome da submisión / rebelión).
Desde fóra da Gaiola, un personaxe con uniforme paramilitar, o Premexentes, mantén a orde establecida, a través dos (que el pensa) seus cómplices entre os paxaros oprimidos, tan necesarios coma a opresión directa para que esta se perpetúe: a Laverca é a primeira en dicir (cumprindo co seu papel parapolicial para que o Premexentes non sospeite) que é unha blasfemia pensar que existen a Fraga e a liberdade. Mais os seus compañeiros rebélanse, a risco de rebaixarlles o Premexentes o alpiste. Non queren cantar o que el lles ordena cantar, senón os seus propios cantos. Pero o Premexentes sabe como ter as cousas baixo control: “Remataremos cos rebezos. Botaremos fóra a imaxinación. A escola educará para a Gaiola”. Cómpre considerar que esta peza foi escrita nun momento en que o ensino estaba a se normalizar, despois de décadas de ditadura fascista, incorporando programas e contidos acordes cunha sociedade democrática, e as linguas que durante o franquismo foran silenciadas e castigadas: aínda fora o 79/80 o primeiro curso en que se impartiu lingua galega como materia no ensino público. E así e todo, trinta e catro anos despois, ao abeiro da LOMCE, non perderon actualidade ningunha esas palabras do Premexentes.
O nacemento dun merliño serve para acrecentar a insurrección. O Premexentes quere matar de sufrimento e inanición os paxaros, mais, por moito que mirre o alpiste, outra cousa os mantén con vida. Aparecen ademais, desde fóra da escena ou mesmo de entre o público, o periodista dunha axencia EME, que acha máis interesante entrevistar ao Premexentes que falar da situación dos paxaros, nenos que lles dan pipas aos paxaros, ou un poeta que non os quere ver na Gaiola, e que empezará a espallar entre a xente (antes o poeta que o xornalista, curioso) a situación real na que viven os paxaros, e será por iso denunciado por axitador e revolucionario. Finalmente será este poeta, a propia avaricia do Premexentes (que mesmo desexa unha hipotética Tía Xertrude do Poeta, coma se as mulleres fosen outra propiedade que cobizar) e a unión e solidariedade de todos os paxaros levará ao clímax final... Unha pista: ten certa relación c’O cataventos (1989, reeditado por Urco este mesmo ano) da Nosa Señora do 2015 María Victoria Moreno, outro conto sobre a (in)submisión con aves protagonistas. Se queren saber como remata a historia, o día 15 temos lectura dramatizada no Parque da Milagrosa en Lugo.

Comentarios