No ano 2010, a novelista
norirlandesa Maggie O'Farrell, cunha curta pero marcada traxectoria
literaria, gañou o Costa Book Award con The Hand that First Held
Mine, que chega a nós neste 2018 traducido en español como La
primera mano que sostuvo la mía.
Quen
non coñeza a escrita da autora, atopa en La primera mano
que sostuvo la mía, ante todo,
unha narrativa moi particular. Un discurso que dispara as voces en
primeira persoa e os seus pensamentos máis profundos cunha fluidez
que os afasta de calquera sentimentalismo: case como se fose a nosa
propia voz, case como se puidésemos ler os nosos propios
pensamentos. Non é unha novela de ritmos rápidos, mesmo diría que
o clímax tarda demasiado en ser conclusivo, pero si o é a corrente
de pensamentos e diálogos que nutren a obra cunha riqueza inmensa no
referente á creación das personaxes e os seus motivos.
Neste universo narrativo
tan seu, que recorda ao de Vivian Gornick, atopamos a historia de
Lexie Sinclair, unha moza que, cansa de vivir no rural inglés de
posguerra, decide trasladarse a Londres seguindo os pasos dun estraño
do que moi pronto estará rotundamente namorada. Esa é, por suposto,
unha historia que xa se contou moitas veces. Mais, neste caso, a
historia non ten un final feliz: trátase dun home moito maior ca
ela, cobizoso de poder e manipulación, e co que establece unha
relación intensa pero deprimente. Nunha Inglaterra en plena fase de
ebulición, onde a creatividade e os movementos underground
están á orde do día, Lexie, que é moito máis ca unha rapaza
rebelde que abandona a súa casa familiar, loita encarecidamente por
preservar a súa identidade mentres xestiona a relación co primeiro
home que lle prestou atención (ese apego tan difícil de xestionar).
Por outra parte, e
intercalada coa historia de Lexie, O'Farrell preséntanos a Elina,
unha muller do século XXI que acaba de ser nai. Outra historia
bastante manida. Pero – e aquí vén o pero – Elina, que ten unha
vida aparentemente apacible, cóntanos desde a mágoa do seu corpo
todo o que non é bonito de ser nai. A dor, a soidade (ou as ganas de
soidade non respetadas), a incapacidade e o medo. Poucas veces o
menciona, pero a escrita de Maggie O'Farrel é tan exquisita que
podemos imaxinala continuamente nunha cama azul grisácea. Mentres o
seu corpo vai recuperándose, Elina consegue narrar tamén a historia
do seu compañeiro: un home sen iniciativa, ao que lle falta madurez,
e cuxa característica máis salientable é que non recorda parte da
súa infancia.
Lexie e Elina, separadas
por catro décadas e varios distritos londinenses, van atravesando os
seus propios campos de batalla, na súa maioría tinguidos de
monólogos interiores e algún diálogo. As súas vidas,
interconectadas dalgún xeito, parecen estar escondendo algo. A
autora aproveita as súas historias para crear en torno a elas un
halo de misterio innecesario que non remata de resolverse dun xeito
moi sorprendente ou atractivo para a lectora. Pero esa intriga, que
fai que nos enganchemos sen piedade xa nas primeiras páxinas, perde
forza e importancia a medida que Lexie e Elina se nos presentan en
toda a súa complexidade: en La primera mano que sostuvo la mía
non é necesario misterio para crear interese, porque hai toda unha
crónica das vidas das mulleres, das historias de vida e das cousas
que non mudan (como se iso non abondase!).
A aparente intriga remata
sendo anécdotica ante a narración tan real e certa de dúas
mulleres cuxas historias se universalizan. Un mundo onde os homes
sempre están ausentes, son inútiles, escapan con medo ou fican para
molestar. As figuras dos homes serven como catalizador nesta obra das
aventuras e desventuras das mulleres, e polo tanto do inicio das súas
historias, pero son elas as únicas protagonistas, sendo as únicas
personaxes activas na historia, en calquera das historias.
Desde a cama ou desde a
redacción dunha revista, Lexie e Elina son mulleres que sempre
buscan e nunca atopan: nese inconformismo hai frustración, pero
tamén moita forza e ante todo moitas cousas que contar (da vitoria e
do fracaso). Malia todo, hai tamén unha historia das relacións
heterosexuais universal, unha loita constante entre a identidade e a
identidade compartida, un déixome ir ou non me deixo que engrandece
a novela de Maggie O'Farrell. Porque Lexie e Elina son ante todo
humanas, fallan moito, arrástranse, ódianse por arrastrarse,
infravalóranse, son malas nais, teñen remorsos e impórtalles o que
dirán ás veces. Porque tamén necesitan quen lles sosteña a man
mentres xestionan o conflito.
O interesante é que case
nunca teñen quen. Pero permanecen activas, contándonos unha
historia completa e trascendente. E sosteñen as nosas mans de
lectoras ávidas até a fin do relato. E conmóvennos.
Eu non necesito máis.
Maggie O'Farrell, trad. por Concha
Cardeñoso, La primera mano que
sostuvo la mía,
Libros del Asteroide, 2018.
De malquereres universais por Arancha Rodríguez Fernández
Reviewed by segadoras
on
10:29:00
Rating:

Ningún comentario: