Volve Judite Canha
Fernades (O Funchal, 1971) co seu segundo título coa editora Urutau,
a fúria da loiça da China, e faino como xa o fixera con o
máis difícil do capitalismo é encontrar o sítio onde pôr as
bombas. Con esa honestidade radical. Cun compromiso tan grande co
que é de todas que se encara con palabras moi sinxelas e cun
discurso nu, sen metáfora. Para que non caiba dúbida ningunha.
Así, coa súa marca
persoal, a autora inspírase nas imaxes do cotián para retratar unha
violencia intrínseca á vida, unha violencia que adopta carices de
xénero, clase e raza, e que se denuncia nestes poemas con todo o
incómodo que lle é inmanente.
sao especialmente empreendedores
os assasinos
os tais de dentes muito brancos
en jeito de moldura (p.54)
É esta unha loita
cruenta, mais tamén cargada de ironía contra todas as cousas que se
supón que teñen que ser así. Os poemas anímannos a rachar coas
mitoloxías, co binarismo imposto, cos opostos radicais, e
enfrontarnos así á verdadeira e necesaria contradición.
tenho tanto medo na coragem
(p.30)
Se un sentido puidese
definir este poemario sería o tacto. E nese tacto, o espertar dunha
outra ollada. Xunto á violencia e a denuncia, que xa atopabamos no
anterior conxunto de poemas da autora, hai agora unha reflexión
profunda sobre aquilo do que estamos compostas. Un algo filosófico
que se agocha atrás das palabras simples, e que fai que leamos os
poemas unha e outra vez, con esa pulsión por comprendernos. Estamos
feitas de todo, e nesa humanidade radical, irmanadas tamén co non
humano.
Judite Canha Fernandes
convídanos en a fúria da loiça da China a reformular todo o
que pensamos verdade, apostada principalmente no xénero, co descaro
dunha segunda persoa pensante que nos interpela e, a un tempo, cunha
vontade de simplificar o que consideramos complexo.
trans me trans you
trans you trans me.
pelas transversais
travessas das travessias
só pontes
nas estradas
iluminadas. (p.36)
A autora convídanos a
xogar cunha linguaxe xa moi manipulada para deconstruír o que se
comprende por suxeito muller na sociedade, dignificando así as súas
múltiples figuras: oprimidas, violentadas, abusadas, pero todas
distintas e complexas.
É este un libro
imprescindíbel para toda lectora que goste da reflexión, do
compromiso e da denuncia; un libro cheo de acción nas palabras e
cheo de palabras nos corpos, un libro desde as matrices, un libro que
nos convida a converter a nosa historia, esa sempre silenciosa, nunha
loita incombustible e berrada ben alto, que se oia.
Judite Canha Fernandes,
a fúria da loiça da China, Urutau, 2018
A furia do outro lado da historia por Arancha Rodríguez Fernández
Reviewed by segadoras
on
10:01:00
Rating:

Ningún comentario: