Bícame
profe
de Kazuma Kodaka, traducido por María do Carme Pampín Otero e
publicado por Edicións do Cumio en 2008, foi o primeiro manga en
galego. Tivemos que esperar dez anos a que saíse publicado o segundo
manga en galego e o primeiro galego. TAM de Anémona de Río
(Retranca Editora, 2018). O primeiro manga galego? Si, o primeiro
manga galego porque non é unha tradución. Nace en galego e desde o
galego.
Xa estamos
acostumadas a que as obras escritas por mulleres teñan contadas
recensións (como é o caso de TAM de Anémona de Rio). Ademais,
tamén estamos acostumadas a que se a escrita ten un punto que a
diferencia da tradición, sexa posta en tea de xuízo. E, iso, é o
que lle está acontecendo a esta obra cando se cuestiona se é un
manga ou non.
Bícame
profe
mantén a estructura orixinal (lectura desde o final cara o comezo),
en branco e negro e segue as pegadas de Death Note ou Naruto, por
exemplo.
Anémona de
Rio vai un paso máis alá da simple adaptación. E é de agradecer
este proceso reflexivo.
Manga non
significa nada máis que historieta, é dicir, por medio de viñetas
ilustradas cóntasenos unha historia. Entón, se queremos crear un
manga galego deberiamos usar o estilo de escrita xaponés tategaki (
orientación vertical e de dereita a esquerda)? Ou adaptalo ao
sistema de lectura galego? Pois depende. Ningunha das dúas opcións
é mellor que a outra. Só é unha escolla da autora. Incluso, no
mesmo Xapón, hai diferentes estilos de escrita: o xornal Asahi
escribe en tategaki e o Yomiuri no estilo yokogaki (horizontal, de
esquerda para dereita-como o galego). E, aínda máis, pódense
mesturar os diferentes estilos! Isto lévanos a que hai moito tipos
de mangas, de diversas formas, e non deixan de ser cómics de
estética xaponesa porque escollan unha ou outra.
O uso da
cor tamén se lle apón como unha pexa para ser manga. E, aquí, só
hai que facer un pequeno percorrido pola historia para decatarse que
se non é habitual usar cor nas historietas non é máis que porque
non se pode. O ritmo de venda destas publicacións en Xapón é
semanal. Sería imposible terminar a narración e o proceso de
coloreado nese tempo. E, ese formato, si que non o temos nin en
Galicia nin en occidente ( agás fabas contadas como Bélxica ou
Italia). A nós chéganos xa un libro que recolle as historias e non
un cómic de periodicidade semanal. Entón, cal é o impedimento para
colorear as ilustracións se os formatos son diferentes? Obviamente,
ningún.
E todo o
anterior ten algunha relevancia á hora da lectura? Pois ningunha. Só
para invisibilizar unha obra porque non acae na caixa pechada dos
xéneros. E iso tamén é algo do que nos avisa a autora nesta
historia: o perigo dos estereotipos.
Esta
historieta de estética xaponesa é unha narración moi divertida,
cunhas grandes doses de humor e das que deixan pouso. En setenta e
dúas páxinas cóntanos a historia de TAM: unha muller que recibe un
convite para asistir a unha cea do antigo alumnado do seu centro
educativo. A partir de aí, xorde unha trama na que se expón a
tiranía da moda e da sociedade respecto ao físico da muller e os
gustos da mocidade. TAM
e as súas mascotas, un loro e unha cadela, poñerán a súa vida do
revés para adoptar a imaxe de moza ideal. A solución final ten
moita graza, pero non vou facer spoiler aquí.
As imaxes
son moi explícitas. O uso de escenas cotiás e da luz dura nelas fai
que cada viñeta sexa unha delicia á hora de mirar os detalles para
percibir texturas, a nitidez das diferentes partes, etc E, nestes
debuxos, non só a imaxe e o texto dialogan entre si, senón que hai,
tamén, esas liñas de deseño que procuran ser e os vasos
comunicantes entre as personaxes e a súa contorna.
O
contraste nas personaxes entre ese uso da luz dura que as achega ao
cartoon
e, ao mesmo tempo, esa estética próxima ao kawaii
conseguen atrapar a persoa lectora nunha historia que pouco ten de
fantástica e moito de real para subverter un sistema de valores que
non acepta afastarse das regras.
Sen
estridencias nin pedagoxías ocultas, compartimos con TAM momentos
habituais cheos de humor, que nos guían ata unha profunda reflexión
sobre a escravitude que nos impón a moda, e desde unha linguaxe
adolescente na que a mirada é de ti a ti. TAM anímanos, co seu
exemplo, a superar os problemas cunha grande forza de vontade porque
o fundamental é non deixar de intentalo. Se o consegue ou non
tócavos a vós averigualo. Gozade da lectura!
Anémona de Rio, TAM, Retranca editora, 2018
A crítica da crítica: TAM e o manga xaponés en galego por Eli Ríos
Reviewed by segadoras
on
12:08:00
Rating:
Ningún comentario: