Após
unha primeira foto no Instagram dalguén, con algúns versos
recollidos de Galgos, decidín adentrarme na poesía de María
Martínez Bautista (Madrid, 1990) coa curiosidade amable coa que me
inmiscúo sempre na literatura daquelas da miña xeración: con esa
mistura de orgullo e curiosidade sociolóxica. Orgullo de que esa
etiqueta de millennial, tan connotativa, se desdebuxe con
grandes talentos que non teñen vergonza en facer selfies ao
tempo que escriben libros marabillosos (porque non, non son
excluíntes). Curiosidade, porque penso que hai algo que nos conecta
a todas as que experimentamos este momento tan líquido e violento
desde unha xuventude longuísima e ás veces limitante. Algo
terrible e visceral. Como este Galgos.
Nesa
edición sinxela e preciosa, como todas as de La Bella Varsovia,
agroman versos tamén extremadamente sinxelos, nunha simpleza
buscada. María Martínez Bautista explora neste poemario o núcleo
de todo o que conforma a nosa identidade, comprendendo este conxunto
como algo que vai desde as flores do noso xardín á hora da sesta
dos nosos pais. É nese intervalo de minuciosidade, de fixarse no
detalle extremo e convertelo nun poema, no que a voz poética se
somerxe no celme do seu propio ser (e, quizais, de todos).
Na
procura desta identidade compartida, conformada polas historias máis
pequenas (sempre as máis importantes), a voz poética desenvolve
unha sensibilidade polo natural, amosando un vencello coa propia
natureza en base ao que nos une: unha ignorancia primitiva, unha
supervivencia necesaria, unha sorte de inocencia orixinal. Hai nestes
versos algo animalístico que os fai aínda máis honestos na súa
procura das verdades nucleares. Aínda que manquen, como as figuras
esqueléticas dos galgos.
A un
tempo, esta supervivencia mínima convive coa reflexión sobre o que
nos fai como somos: hai un constante conflito coa descrición da
identidade que parece chocar coa delicadeza dos versos. A autora
preocúpase tamén por traer continuamente a infancia e o seu eco,
nesta busca do porque, unha infancia vulnerábel pero activa, na que
os momentos de soidade resultan nas primeiras descubertas, nas
primeiras sensacións.
Qué tristes son los
barrios
donde nunca he vivido
y las casitas donde
nunca he sido.
Porque son tan
punzantes
otras vidas posibles.
(p.27)
Cun
aquel de Pizarnik, María Martínez Bautista consegue penetrar nas
raíces de moitas cousas, unhas raíces compartidas por algunhas nós,
e outras que descobren unha voz curiosa e particular que nos convida
a enfrontarnos cunha vida descrita desde as historias máis pequenas.
Esas que son sempre tan simples e tan violentas. Tan verdade.
-Galgos, de María
Martínez Bautista, foi publicado por La Bella Varsovia en
2018.
Verdades en cru por Arancha Rodríguez Fernández
Reviewed by segadoras
on
09:21:00
Rating:

Ningún comentario: