OS TÓTEMS SEMPRE TEÑEN ALGO QUE EXPLICAR
Ou
de como calquera excusa é boa para falar de si
17
de maio.
Entrevista
na radio. O tema da conversa é a faceta de docente de María
Victoria Moreno.
A
locutora dá a benvida ao señor. Un tótem crepuscular que leva toda
a vida no allo, sabe a biblia en verso sobre María Victoria
Moreno e vai darlle altura á conversa. Á espera estou eu, asándome
ao sol e tentando non facer moito barullo e que o vento non se coe
polo micro do teléfono. Agardo, escoito e voume quentando.
A
locutora pregúntalle ao tótem pola circunstancia de ter sido un dos
primeiros alumnos de María Victoria Moreno. O tótem di que si, que
foi así, pero que el xa viña bastante ben aprendido da casa, que
con 16 primaveras xa era un adulto porque “no medio campesiño”
os tótems cúrtense antes de tempo e destacan sobre os seus
compañeiros, qué lle van facer. No entanto, foi ela, a forasteira,
a que fixo un moi meritorio esforzo de inserción aquí, no país,
porque era “xenerosa e disposta”. Segue a debullar, a
continuación durante moitos minutos a súa (a del, a do tótem,
claro) extensa traxectoria que, puntualmente, se cruza coa de María
Victoria: ela facilitoume lecturas, conversamos moitísimas horas e
ela así empezou a aprender o galego, escribímonos cartas, fun á
súa casa (e a do seu marido, ollo), escribiume un prólogo,
colaborou comigo...
Finalmente
a locutora ve un oco e preséntame como outra das alumnas de María
Victoria Moreno. Pregúntame como era María Victoria na aula e como
era a relación co alumando. Respondo do xeito máis concreto que
podo. A locutora pregunta se Anagnórise
ten
relación cos lazos que María Victoria estableceu cos seus cachorros
e se esta obra ha de se ler dun xeito biográfico. Eu digo que a
relación entre os protagonistas pode recordar á que ela establecía
coa xente nova pero que son reacia a interpretar a ficción dende a
biografía das autoras. O tótem inmediatamente intervén: “hai que
ler toda a obra de María Victoria en clave biográfica ... A señora
que conduce a Nicolau a Madrid é María Victoria Moreno Márquez”
Toma! Penso eu. E véñenme á cabeza as horas e horas de teoría e
crítica literaria da facultade nas que nos insistían naquilo de que
a ficción é ficción e a vida é a vida (dicíannolo de xeito máis
florido, si, pero a cousa viña a ser esa.)
A
esta altura eu xa roín un par de uñas e apreto o teléfono para non
soltar o que se me vai pasando pola cabeza tal cal me vai pasando
pola cabeza. É unha desas virtudes que se nos inculca ás mulleres,
sempre nos preguntamos se non será mellor ser educadiñas que soltar
catro cousas e pasar por histéricas. Pero non hai perigo, porque
mentres eu enredaba coa terceira uña e con esa pregunta, o tótem xa
está falando do estudo profundo que el e outros tótems fixeron
sobre María Victoria Moreno, a súa vida, o seu desempeño docente,
a interpretación da súa obra e non sei cantas cousas máis. E, por
suposto, o importante deste compendio é que vén sendo “o estudo canónico
máis académico” que existe sobre ela. Chimpún.
E
si, o tótem gaba o desempeño como docente e a literatura de María
Victoria Moreno (ou iso parece) mais blablablablá non se sabe como,
pasa de louvar esa “literatura con maiúsculas” a facer un
reconto de momentos difíciles (e morbosos) da vida privada de María
Victoria e relacionándoos coas súas obras. Dá bastante vergonza
allea pero os tótems son así; eles poden escribir sobre cuestións
delicadas sen que ninguén teña dereito a establecer relacións
morbosas entre estas e a súa vida privada, pero as autoras sempre
verquen no papel as súas miserias porque as mulleres, xa se sabe,
somos así.
Remata
o tótem esta lección de teoría e crítica lamentando moito
disentir da “alumna tardía de María Victoria” que, subliña, á
fin e ao cabo coñeceu á autora na etapa final “máis plena aínda
de sabiduría, de experiencia vital, etc, pero, pobriña, moi feble
xa de saúde”. Unha época, di o tótem, na que mantivo menos
relación con María Victoria Moreno porque lle daba “moitísima
lástima” (sic) dela e afastouse. Pero, en agradecemento, agora
faille esta análise da obra. Neste punto a min xa as cellas non se
me poden xuntar máis co nacemento do cabelo.
Entre
estas consideracións e outras a locutora vai rematando. E a min
acaba de caerme o peso todo da mala hostia e non me dá a gana de
colgar sen dicir algunhas cousas que é de xustiza dicir, a saber:
-
que María Victoria Moreno foi unha muller decisiva na formación
académica e, primordialmente, humana das súas alumnas, que a
lembramos como unha muller forte, valente ata a fin e que nunca
calou nada.
-
que o legado que nos deixa é a reivindicación doutras mulleres,
fundamentais na cultura galega mais invisibilizadas1.
-
que, malia que neste ano somos moitas as persoas que lle quixemos a
María Victoria Moreno que estamos de festa e ás que nos chaman os
medios para falar dela, foi A Sega a que, coa celebración do seu II
Día das Galegas nas Letras, rescatou a súa obra do esquecemento no
que tan inxustamente comezaba a caer2.
O
tótem, aínda asentindo a todo isto e estar aparentemente de acordo, no entanto,
non perde a ocasión de botar o tres para matar o as: en efecto, todo
isto vén dun “entendemento do feminismo sui generis” de María
Victoria que sempre se definiu irónicamente como un home de ben.
E
chascarraschás.
Así
a entrevista remata cun pensamento hiper-avanzado do tótem e comigo
a menear a cabeza e matinar no ben que farían as autoras se se lles
apareceran na cabeceira polas noites aos homenaxeadores crepusculares
e lles fixeran ler eses sesudos estudos críticos ad
infinitum.
1-
Por un sistema cultural galego feito, fundamentalmente, á imaxe e
semellanza de todos os tótems crepusculares que foron, son e serán. Isto
non tiven a axilidade de puntualizalo nese momento, pero parece
importante deixalo dito.
2-
E
sería inxustísima se non mencionase aquí á editora Urco e a
Andrea Jamardo como impulsoras incansables da edición e reedición
da obra de María Victoria Moreno.
Os tótems sempre teñen algo que explicar por Lorena Conde
Reviewed by segadoras
on
11:32:00
Rating:

Ningún comentario: