Por
unha banda o “american way of life” (a casiña unifamiliar sempre
ben pintada, o coche diante, a bandeira das barras e estrelas
ondeando, o can, xs nenxs -todxs sorriso branquísimo e uniforme-, a
muller ben vestida, mesmo na cociña, forneando apple pie, woopie
pie, red velvet, todo decoración, todo atrezzo, todo cuqui…), por
outra banda o antital: a vida en progresión natural e na busca do
desenvolvemento integral da individua.
Anos
30 e 40, Boston e Nova York como escenarios e mulleres novas
debaténdose entre o que se debe e o que se quere.
Por
unha banda o matrimonio, o laissez
faire da vida doméstica e
por outra os estudos, a universidade, Vassar como alma mater, a busca
de emprego.
O
grupo son oito que parten do mesmo punto, o de ser muller que decide
estudar e facer do seu futuro algo máis completo e equilibrado; oito
que van chegando irregularmente ás súas metas vitais.
Kay,
Dottie, Polly, Helena, Pokey, Lakey, Priss, Libby, oito procedencias
ben diferentes e que se queren diferenciar do que era a vida estándar
das mulleres dos anos 30, na grande depresión americana.
Recén
licenzadas e na procura dos soños que prantexaron, o grupo de
universitarias verase escindido en oito pólas diferentes que
xermolan ou florecen ou mesmo rompen no seu afán de medrar.
A
historia, narrada desde o punto de vista feminino por unha autora,
Mary McCarthy (Seattle 1912-Nova Iork 1989) que sempre negou ser
feminista, non procura máis que facer un retrato de caracteres das
mulleres da clase media-alta na Norteamérica de entre guerras.
McCarthy
completou a novela tras once anos de esforzo e chegou a ser unha
celebridade no seu tempo polas súas ideas libertarias sobre as
mulleres, a maternidade, a liberación sexual…ideas todas tratadas
a través das diversas facianas das protagonistas deste libro.
Trala
voda de Kay, historia coa que se abre a novela, vanse trazando as
semblanzas das oito rapazas que aparecen xuntas ao mesmo tempo xusto
no principio e no final, como o grupo que son, pero que no
transcorrer dos sete anos que van do punto inicial ao final da obra,
constitúen un corpus interesante de ideas desafiantes do patriarcado
establecido. O mundo feminino universitario (revestido por unha boa
codia de autobiografía, xa que a propia autora foi alumna de Vassar)
contémplase como algo supletorio –xa que non obrigatorio para
trunfar na vida- para as mulleres, algo accesorio a un bó matrimonio
e un traballo mediocre que non consista en sobresair por riba do da
súa parella.
Cada
capítulo encoméndase a cada unha das puntas de estrela das que
conforman o grupo e cada unha delas, é a excusa perfecta para falar
dun tema de interese xeral aínda que desde o punto de vista
feminino: a importancia da virxinidade e a supresión do goce e do
pracer sexual da muller, contra da autonomía sexual, dos tabús e do
matrimonio como marco ineludible. A maternidade e a lactancia como
símbolo de estatus social. O inmobilismo rancio das clases altas
fronte ao desexo da vida progresiva das súas herdeiras, a
homosexualidade, a necesidade do “cuarto propio” e dos propios
medios para conseguir a autonomía das mulleres en todos os eidos
vitais.
É
interesante pensar en qué faciamos nós, as mulleres deste lado do
océano, nos mesmos anos nos que estas mulleres eran quen de decidir,
aínda que timidamente, sobre as súas propias vidas. Ano 1933…E
tamén o é pensar que a propia autora dota de ideas non
preconcebidas nin utopías, senón de empirismo, as ideas e accións
das oito mulleres do grupo, naquela década que chegou a nós baixo
moitos tópicos: lei seca, vida nouturna, clubes, jazz, alcol,
mentres na urdime da vida real as mulleres buscaban o adianto, a
superación, mesmo por riba da frustración imposta por unha
sociedade que, de xeito contrario a esta novela na que os homes son
meros apuntamentos e esbozos, a figura masculina era unha prioridade,
unha icona, un ser mitolóxico e exacto que alicerzaba a nación
mentres as mulleres, perfectamente vestida, forneaban na cociña,
desas casas brancas unifamiliares, bandeira ao vento, nenos
perfectos, o perfecto can…bla bla bla…
Mary McCarthy, O Grupo, Dom Quixote, 2010
O grupo de Mary McCarthy por Emma Pedreira
Reviewed by segadoras
on
22:13:00
Rating:

Ningún comentario: